Por segundo mes consecutivo, O Porriño liderou, xunto con Vigo, a creación de emprego na Área Metropolitana. A finais do mes pasado había na vila 1.496 persoas sen traballo,104 menos que a 30 de abril, no que se rexistraron 1.600.

Dacordo cos datos publicados este venres polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a taxa de desemprego situouse no Porriño no 16,1%, 7 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato: daquela  2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo, 643 máis que na actualidade.

En relación co mes de maio de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego baixou de 1.777 a 1.496, o que supón que hai 281 traballadoras e traballadores máis no Porriño e que en so un ano o paro caeu en 3,1 puntos.

Un 73% de insercións laboráis dende os plans do Concello

As medidas postas en marcha dende o Goberno local para reducir o desemprego no Porriño , fundamentalmente por medio dos programas ‘Porriño Accede’ e ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, conqueriron que un total de 113 porriñesas e porriñeses estean xa traballando.

O ano pasado 67 persoas atoparon traballo logo de ter completado este programa, o que representa o 55,8% de todas e todos os participantes no mesmo, unha proporción que no caso das industrias do sector da automoción é do 73,3% -con 55 insercións de 75 alumnas e alumnos.

No que vai deste 2018, os 14 convenios asinados polo Concello con outras tantas empresas de automoción, loxística, mantemento ou distribución, fixeron posible que, ata o mes de maio 46 persoas asinasen un contrato de traballo, o 73% das 66 que participaron neste programa dende o 1 de xaneiro.

Polo que atingue ao ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, está dirixido este ano a un total de 85 porriñesas en situación de desemprego, especialmente, mulleres novas, menores de 30 anos e sen cualificación profesional.

Como resultado do mesmo, o mes de abril, 11 delas comezaron a traballar coma soldadoras na planta de Viza Automoción no Porriño, que conta cun plantel de 500 persoas e subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.

Dentro destes mesmos programas, outras 16 persoas demandantes de emprego iniciaron as súas prácticas en Gestamp grupo internacional adicado ao deseño, desenrolo e fabricación de componentes metálicos para o automóvil. Grande parte destas persoas teñen notábeis posibilidades de integrarse, finalmente, no plantel desta empresa.

Seguir na mesma liña

A alcaldesa, Eva García de la Torre, logo de amosar a súa satisfación polo feito de que “nestes tres anos que levamos no Concello lográsemos que 643 veciñas e veciños atopasen traballo”, insiste en que “seguiremos, como o tiñamos planificado dende o principio: dirixindonos ás empresas, porque O Porriño é unha potencia industrial e empresarial dentro de Galicia, e apostando pola formación coma o xeito absolutamente determinante para conquerir un emprego, como vén de quedar demostrado”.

Neste eido o Goberno local seguirá “impulsando as xestións destinadas a radicación de empresas na nosa vila e facilitando a mesma, ao mesmo que asinaremos acordos e convenios de colaboración que teñan coma finalidade a contratación de porriñesas e porriñeses que están buscando traballo”.