Os nenos e nenas do CEIP da Ribeira mergúllanse no mundo da compostaxe da man do Concello do Porriño. O alumnado do centro participou esta semana na “Posta en marcha do composteiro” e, da man da técnico de medio ambiente, montaron o seu propio composteiro para o cole.
As rapazas e rapaces, moi implicados e voluntariosos, aprenderon cal é a utilidade deste elemento no seu colexio, que se pode botar dentro e que non, como traballar con el e que tipo de tarefas son necesarias para que o proceso de compostaxe sexa o correcto, como tapar ben con estruturante a materia orgánica, remexer e regar de cando en vez… Posteriormente, realizarán xuntos o baleirado para que comproben o froito do seu traballo e coñezan os usos do compost.
As concellerías de Medio Ambiente e Limpeza, que dirixen Antía Carrera e Jose Carlos González, están volcadas no fomento da reciclaxe no municipio e parte importante deste empeño é a sensibilización e formación dos máis pequenos. Por iso, están programadas máis actividades educativas nos centros escolares do Porriño adaptadas ás necesidades de cada un deles.