O espírito solidario da veciñanza do Porriño segue a evidenciarse cando de atender ás familias que o necesitan se trata. Desta vez, foron os máis pequenos os que aportaron o seu gran de area para axudar a quen está a pasar un mal momento.

20 caixóns repletos de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene e alimentación para bebés se recolleron nos centros educativos e pavillón municipal, atendendo á chamada do banco municipal de alimentos SOS PORRIÑO.

Máis de 1000 kg de alimentos e produtos infantís que o SOS PORRIÑO destinará atender ás 150 familias usuarias do servizo municipal.

O concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, quixo agradecer “a impagable resposta da cidadanía á petición que fixemos dende o banco de alimentos, demostrando unha vez máis que a veciñanza porriñesa está disposta sempre a tender a man e sumar esforzos cando é necesario”.

Dende o Concello estase a traballar para reforzar este servizo municipal. Con tal motivo, nos últimos meses leváronse a cabo obras de mantemento nas instalacións, eliminación de humidades, pintado, etc…

“A resposta da cidadanía do Porriño foi extraordinaria, como sempre, e isto é algo que agradecemos enormemente”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Moitos dos nosos veciños están a pasar situacións complicadas e dende o Concello intentamos poñer en marcha todos os recursos que están ao noso alcance para darlles a atención adecuada, e para iso é indispensable a colaboración da veciñanza”.