• Trátase da obra escrita por Iván Caloto, gañadora do VIII Certame Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, convocado polo Concello, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia
  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, destaca o compromiso do Concello co fomento da lingua galega, a cultura e a educación

O Porriño, 29 de outubro de 2025.– O Centro Cultural do Porriño acolleu esta tarde o acto de presentación da obra “Os rapaces só se tocan para darse de hostias”, texto gañador do VIII Certame Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais. Escrita por Iván Caloto, trátase dunha peza coral que destaca pola súa capacidade para afondar nos conflitos sociais e na orixe dos prexuízos, ofrecendo un retrato moi recoñecible da necesidade de pertenza na adolescencia.

“Desde o Concello do Porriño seguiremos apoiando decididamente proxectos como este, que unen educación, cultura e lingua. É unha mostra de que o talento no Porriño é inmenso e de que o galego pode ser un vehículo poderoso para expresar emocións, ideas e reflexións sobre a sociedade actual”, afirmou Alejandro Lorenzo durante o evento que contou coa presenza do propio autor e gañador do certame, Iván Caloto; da escritora e representante do IES Ribeira do Louro, Raquel Castro, e do director de edicións da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro.

O Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario e Bacharelato. Asemade, preténdese honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.

Desde o seu nacemento en 2018, o Certame Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais consolidouse como un referente no panorama teatral e educativo galego, promovendo a creación literaria e o uso da lingua galega entre a xuventude.

O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso co desenvolvemento cultural e coa posta en valor do talento novo, apoiando todas aquelas iniciativas que contribúan a fortalecer a identidade e a cultura galegas.

Publicadas as bases para participar nunha nova edición

Precisamente esta semana vén de convocarse xa una nova edición deste certame, publicándose as bases e abríndose o prazo de presentación de orixinais, ata o vindeiro 27 de febreiro de 2026

As obras, como sempre, serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en conta que van ser lidas e interpretadas por estudantes de 12 anos en diante. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto coa plica, nun sobre pechado cos datos do autor/a. Realizarase a través de correo postal ao enderezo: IES Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre “Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño”.