O pasado 15 de febreiro, o persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño participou nas Xornadas de orientación laboral organizadas pola Universidade de Vigo.
A universidade convidou á técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González, a ofrecer unha panorámica do labor desenvolvido dende a súa creación ata a actualidade, así como dar a coñecer as súas funcións internas e coa cidadanía. Ademais, o alumnado da UVigo puido coñecer de primeira man información sobre os procesos selectivos para traballar neste tipo de servizos lingüísticos na Administración local.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, activo dende 2021, pertence á Concellería de Educación e Normalización Lingüística que dirixe Carolina González. A pesar da súa recente creación, é un departamento que traballa de forma activa tanto nas súas funcións de corrección e asesoramento lingüístico coma no ámbito da dinamización lingüística, no que colabora asiduamente cos demais departamentos locais de Cultura, OMIX e Biblioteca. Precisamente coa Biblioteca Municipal organiza as “Xornadas de creación literaria: Da inspiración ao libro”, que se desenvolverán do 2 ao 24 de marzo no Centro Cultural Municipal e que pretenden ser unha panorámica do proceso creativo polo que pasa unha idea ata acabar materializada nun libro (creación, edición e autoedición; certames literarios, opinións das persoas lectoras etc.).
No blog do SNL do Porriño (https://normalizacionlinguisticaoporrino.wordpress.com/) poderás atopar toda a información que precises relacionada cos recursos lingüísticos, campañas de dinamización, materiais publicados, lexislación lingüística do Porriño ou novidades relacionadas coa lingua galega. Ademais, a técnica de Normalización Lingüística poderate asesorar tanto de forma presencial coma telemática en calquera dúbida lingüística que se che presente, así coma noutros temas relacionados coa lingua galega.