O Concello do Porriño formalizou hoxe as súas primeiras axudas municipais directas para a posta en marcha dun servizo de vital importancia para as familias: a implantación de Aula Madruga nos colexios.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, asinaron hoxe os convenios de colaboración coas presidentas das ANPAS do Santa Eulalia CEIP Plurilingüe de Atios e “A Oliveira” do CEIP Xosé Fernández López, Bárbara Belén Costas e Mónica Pita, respectiva.
No caso do centro escolar do centro urbano esta achega municipal permitirá afrontar o 50% do gasto que supón a posta en marcha por primeira vez deste servizo de conciliación. Concretamente serán 3.000 euros ao tratarse do primeiro ano. No caso do colexio de Atios a achega será de 1.500 euros, xa que a aula madruga xa estaba funcionando.
Cabe destacar que os dous centros educativos que aínda non dispoñían deste servizo, o CEIP Cruz Budiño e o CPI da Ribeira, xa o ofertan para vindeiro ano, e contarán a tal fin co respaldo do concello nos mesmos termos.
“Trátase de facilitar ás familias conciliar a vida laboral e familiar, e demostrouse que a Aula Madruga é un servizo moi efectivo a este fin ao ofrecer acompañamento e custodia aos nenos e nenas ata a hora de comezar as clases”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Considero que como administración máis próxima é o noso deber tender a man sempre ás asociacións de pais e nais para o que precisen, xa que isto repercute directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza”.
Neste sentido se manifestou tamén a concelleira, Carolina González, que agradeceu ás ANPAS “a iniciativa e as ganas de traballar da man co Concello a prol da comunidade educativa”.