O Porriño vólcase na conmemoración do Día Internacional da Muller cunha completa programación dirixida especialmente á infancia e á mocidade.
A proposta da concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, xira baixo o lema “Igualdade dende o berce” destacando a importancia de educar en valores como principal ferramenta para construír unha sociedade igualitaria. “As/os nenas/os de hoxe serán as/os adultas/os de mañá”, apuntou a concelleira, “Unha xeración educada sen distincións de xénero dende pequenas/os, conscientes da necesidade de alcanzar unha igualdade real e implicadas/os na reivindicación deste dereito darán forma a unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “O cambio é necesario e a forma máis efectiva de avanzar cara el é a apostando pola educación”, apuntou o rexedor, “Para rematar coas desigualdades que todavía sofren moitas mulleres polo mero feito de selo en moitos ámbitos das súas vidas, é necesario que a mocidade medre no respecto e na igualdade, condicións esenciais para evitar comportamentos machistas futuros e alcalzar unha igualdade real efectiva”.
O alcalde e a concelleira presentaron hoxe a programación que propón unha semana de actividades culturais, divulgativas e lúdicas. Foi no CEIP Plurilingüe de Atios, onde se celebraba a primeira das accións: o obradoiro de RealKiddys sobre a hipersexualización e os micromachismos que se impartirá ao alumnado de 4º a 6º de primaria de todos os centros escolares da vila.
A actividade conmemorativa do Concello estenderase tamén aos institutos. Os alumnos de 1º de Bacharelato do IES Pino Manso e do IES Ribeira do Louro coñecerán o papel fundamental da muller na eliminación da discriminación por razón de sexo, no seu empoderamento e na creación dunha sociedade baleira de roles e estereotipos de xénero a través dun divertido “Scape room”.
A programación que comezou hoxe continúa o 6 de marzo co espectáculo infantil “Eu de maior non quero ser princesa” amenizado polo dúo As Maimiñas. Será ás 17h na praza Arquitecto Antonio Palacios.
A xornada reivindicativa do 8 de marzo arrancará na Praza de Abastos do Porriño cunha “Homenaxe ás peixeiras” no que participarán o alcalde do Porriño e a alcaldesa de Mos. Será ás 10 h.
Os actos trasladaranse á praza Arquitecto Antonio Palacios pola tarde. Ás 17 h comeza “Voces na rúa”. Unha actividade na que a cidadanía será a principal protagonista achegando os seus coñecementos, opinións e reflexións sobre a importancia da muller ao longo da historia, a súa presenza e o seu arduo traballo na consecución do recoñecemento dos seus dereitos en igualdade cos homes. Pechará a programación na praza a lectura do manifesto do 8M, ás 20:30h.
Ademais, o Concello do Porriño fará pública a súa Guía de linguaxe inclusiva a través das súas redes sociais e páxina web.