Escolares do Porriño participan este mes nunha actividade nos obradoiros sobre educación en valores asistidos por cans de terapia organizados pola concellería de Educación a través da OMIX.

O obxectivo xeral desta actividade, na que participarán preto de 400 escolares de infantil e primaria e usuarios/as do centro de día de Aceesca, é trasladar os beneficios que achegan os animais ás contornas escolares, coa finalidade de traballar de forma transversal a educación en valores e o coidado responsable de mascotas, con obradoiros específicos orientados a este fin.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, acudiron hoxe á primeira quenda destes obradoiros no CEIP Xosé Fernández López, para compartir cos escolares e con Gofre, Trece e Fox, os tres cans participantes, esta experiencia de concienciación e mellora da convivencia.

“Nestes obradoiros abórdanse, entre outras cuestións, a educación en positivo, o acoso escolar e os contratempos derivados de problemas de conduta, empregando os cans como modelo”, explicou a edil, “Ademais, a metodoloxía é sempre activa, participativa, lúdica e integradora, conseguindo que os pequenos/as aprendan mentres se divirten”.

A actividade divídese en dúas partes. Unha primeira centrada na educación en valores que se levará a cabo en horario escolar, dirixida ao alumnado de educación infantil e primaria e na que participarán 322 nenos e nenas dos colexios CEIP  Antonio Palacios, CEIP Atios, CEIP Cruz Budiño, CI Mosende, CEIP Ribeira, CEIP Xosé Fernández López, CPR Hermanos Quiroga e CPR Santo Tomás.

A segunda, uns obradoiros de educación asistida con cans de terapia que  se  desenvolverase cada martes dos meses de marzo, abril e maio e na que participarán ao redor de 50 alumnos/as NEAE e usuarios/as do centro de día de Aceesca.

“A empatía ten catro patas, isto é algo que todos sabemos”, concluíu o rexedor, “Os animais son os mellores mestres para traballar cos nenos e nenas valores como a solidariedade, o compañeirismo, o respecto, a aceptación das diferenzas, a integración, autoestima e a igualdade, así como os hábitos de hixiene e alimentación saudable. Proba disto é ver o seu entusiasmo e implicación, divírtense e aprenden”.