- A cita gastronómica, xa convertida nun clásico do outono porriñés, celebrarase todos os venres e sábados de novembro, desde o 31 de outubro coincidindo co Samaín, con 32 locais participantes, petiscos a 1,50 euros e 1.000 euros en premios
O Porriño, 28 de outubro de 2025.- O mes de novembro chega ao Porriño cun dos eventos máis agardados do ano, a Ruta de Petiscos e Tapas “D’Gusta Porriño”, que se celebrará todos os venres e sábados do mes, de 19.00 a 23.00 horas, en 32 establecementos de hostalería do municipio.
A edición deste ano dará comezo o venres 31 de outubro, coincidindo coa celebración do Samaín, unha xornada na que as rúas da vila, se a climatoloxía o permite, se encherán de maxia e espectáculo coa performance-desfile de Pablo Méndez, a partir das 20.00 horas.
Durante toda a ruta poderanse degustar desde petiscos tradicionais, como ovos rotos con zorza ou pementos de piquillo recheos, ata propostas máis innovadoras, como o pan brioche pulled pork con cebola encurtida e salsa de queixo ou o lombo de sardiña afumado con pementos confeitados sobre tosta de pan do Jandaya. E non faltarán tampouco opcións con nome sorpresa como kikirikí no seu niño ou currichiño repeinado nas verzas.
O prezo dos petiscos será de 1,50 euros e os asistentes poderán participar ademais nun sorteo. Por cada consumición recibirase un cupón que, unha vez completo con catro selos de locais diferentes, poderá depositarse nalgún dos establecementos participantes. Entre todos os cupóns sortearanse un vale de 500 euros e dez vales de 50 euros para gastar na hostalaría e o comercio do Porriño.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que “esta ruta é xa unha das citas máis queridas e saborosas do noso calendario festivo, unha mostra da vitalidade e do talento da nosa hostalaría e unha oportunidade para dinamizar as rúas e o comercio local”. No acto de presentación, celebrado esta tarde no Concello, participou tamén unha ampla representación dos hostaleiros da vila, encabezados polo presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño (Ahospor), José Fernández, quen salientou “o esforzo e creatividade dos profesionais que, ano tras ano, sorprenden con novas propostas que poñen en valor os produtos e a gastronomía local”. O evento está organizado por Ahospor, co patrocinio do Concello do Porriño e a colaboración da Xunta de Galicia, e promete volver converter novembro nun mes cheo de sabor, encontro e ambiente nas rúas da vila.

