O Porriño xa está preparado para celebrar a noite de San Xoán. O alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de emitir un bando municipal regulando as normas para a realización das tradicionais cacharelas e sardiñadas en espazos públicos.
En primeiro lugar, deberán realizarse en lugares despexados que disten un mínimo de 15 m ás edificacións e árbores. Ademais, o diámetro máximo da zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros.
En segundo lugar, os asistentes non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira.
Os materiais a empregar serán leñas, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira, xa que está prohibida a queima de neumáticos, plásticos e aceites, entre outros, en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. Tamén quedan prohibidas as cacharelas baixo tendidos eléctricos, telefónicos, etc…
A fogueira deberá permanecer vixiada polos solicitantes ata a súa completa extinción.
As solicitudes para autorizar as cacharelas deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica antes das 23 h do día 16 de xuño.