- Un total de 27comercios e 8 salóns de beleza do Porriño amosaron as súas propostas de moda, calzado, xoiería, complementos, maquillaxe e peiteado.
O Porriño, 26 de abril de 2025.– O Porriño viviu esta fin de semana unha nova edición da súa Fashion Weekend, un evento xa consolidado no calendario local que este ano celebrou a súa terceira edición cunha programación completa e unha participación moi positiva por parte da veciñanza e do comercio local.
A actividade comezou na tarde do venres coa celebración da Shopping Night, que mantivo os comercios abertos ata as doce da noite. Durante esas horas, os establecementos da vila ofreceron descontos, promocións e agasallos, nun ambiente marcado pola música dos seis DJs distribuídos por diferentes puntos do centro. Como novidade, tivo lugar unha festa infantil previa, entre as sete e as nove da tarde, que contou cunha importante presenza de familias e pequenos. A xornada desenvolveuse cun bo ritmo de afluencia e cunha resposta positiva tanto por parte dos comerciantes como dos clientes.
A programación continuou na mañá do sábado cunha sesión vermú musical na praza Antonio Palacios, a cargo do grupo Xinetes do Trópico, que reuniu numeroso público nun ambiente relaxado e festivo. Foi unha proposta pensada para ampliar o alcance do evento a diferentes públicos e momentos do día, reforzando a conexión entre cultura e comercio.
Xa pola tarde, a partir das seis, celebrouse o desfile central da Fashion Weekend. Un total de 28 comercios e 8 salóns de beleza do Porriño amosaron as súas propostas de moda, calzado, xoiería, complementos, maquillaxe e peiteado. A pasarela estivo conducida pola xornalista Lucía Rodríguez, e contou coa participación da escola Small Big Models, que colabora co evento por terceiro ano consecutivo de xeito altruísta. O público acompañou o desfile durante toda a tarde, nun espazo que se mantivo cheo ata o remate das actuacións, entre as que destacaron Erika Lewis, Lucía Samoelle, o saxofonista Diego Caride e Pablo Méndez.
Durante o evento distribuíronse papeletas numeradas entre a clientela dos comercios participantes, coas que se realizou un sorteo de cinco cestas de produtos gourmet. Os números premiados poden consultarse nas redes sociais do Concello ou na web oporrino.org. As persoas agraciadas poderán recoller os seus premios nas oficinas do Concello a partir do luns, presentando a papeleta correspondente.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, sinalou ao rematar a xornada que “a Fashion Weekend é unha mostra de como O Porriño sabe reinventarse e poñer en valor o que é propio: o seu comercio, o seu talento e a súa capacidade de atraer e sorprender. Este tipo de eventos son unha ferramenta para construír vila, para fortalecer a identidade local e para seguir facendo do Porriño un lugar onde vivir e mercar con orgullo”.
Pola súa parte, a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, agradeceu “o esforzo dos comerciantes e dos profesionais participantes, que fixeron posible que a moda e a creatividade local ocupasen o lugar que merecen na nosa vila”.
A III Fashion Weekend pecha así unha edición que medra en contido e organización, e que reafirma o papel do comercio local como motor de dinamización e cohesión social.
NÚMEROS PREMIADOS
465, 498, 631, 950, 1309