O Concello do Porriño prepara xa a contratación da limpeza viaria e desbroce de todas as parroquias do municipio. Trátase dun servizo esencial que ten que prestarse de maneira continuada para manter as zonas rurais en bo estado e que se viña acometendo con contratacións puntuais.

Con tal motivo, o novo executivo traballa na súa licitación, para un periodo de catro anos, cun orzamento de 1 M de euros.

“Só está regularizada a limpeza viaria en parques e xardíns do centro urbano e Torneiros, mentres no resto das parroquias, que conforman o rural do municipio, hai que contratalo a maiores ou executalo con persoal municipal. Isto impide en moitos momentos manter en boas condicións os camiños e beirarrúas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Para poñer fin a este problema traballamos xa nesta licitación co fin de poñela en marcha sen dilacións no próximo exercicio económico”.

Máis de 100 requerimentos a particulares para limpeza de fincas

O rexedor apuntou que o mesmo contrato contemplará os traballos en fincas particulares que teña que executar de maneira subsidiaria o Concello tras incumprimento dos propietarios de manter as súas propiedades limpas de maleza. 

“Nese caso, como marca a lei, os propietarios serán notificados desde o Concello e de incumprir a súa obriga no prazo estipulado actuarase, impoñendo os costes ao infractor, ademais das sancións económicas correspondentes”, lembrou Lorenzo.  Cabe destacar que este ano notificáronse máis de 100 requerimentos para limpeza de fincas particulares e que as multas por incumprir esta obriga son de 300 e os 6.000 euros.

Un novo tractor realiza traballos de limpeza forestal

O Concello do Porriño dispón estes meses dun tractor equipado con desbrozadoras de maleza que está a realizar traballos de limpeza nos viais municipais. A nova maquinaria foi cedida pola Xunta de Galicia para labores de limpeza forestal na tempada estival tras a adhesión do Porriño ao convenio de Xestión da Biomasa suscrito pola Xunta, Fegamp e Seaga para a prevención e defensa contra os incendios forestais.