- O Concello realiza unha posta a punto especial de cara á festividade do 1 de novembro, reforzando os traballos habituais de mantemento que se desenvolven durante todo o ano.
O Porriño, 28 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño está a levar a cabo labores de limpeza e acondicionamento no cemiterio municipal e nas súas inmediacións de cara á celebración do Día de Todos os Santos, o vindeiro 1 de novembro.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que “estes traballos de limpeza realízanse de maneira habitual ao longo de todo o ano, cunha frecuencia semanal, para garantir o correcto mantemento das instalacións”. Porén, segundo engadiu, “chegadas estas datas, nas que o cemiterio recibe unha maior afluencia de veciños e visitantes, intensificamos as tarefas para que todo estea a punto e o recinto presente o mellor aspecto posible”.
Xunto co concelleiro de Limpeza e Cemiterios, Carlos González, o rexedor supervisou estes días os traballos que están a desenvolver os operarios municipais. As actuacións inclúen limpeza xeral, retirada de maleza, varrido de accesos, mellora das zonas axardinadas e mantemento das instalacións, tanto no interior do cemiterio como nas zonas circundantes. Ademais, dende o Concello tamén colabora co acondicionamento e posta a punto dos cemiterios situados nas diferentes parroquias.
Alejandro Lorenzo destacou que “non se trata dunha actuación puntual, senón dun labor continuo que se vén realizando ao longo de todo o ano para manter o cemiterio nas mellores condicións posibles”.
“Queremos que as persoas que se acheguen estes días a lembrar aos seus seres queridos atopen un espazo coidado e digno, acorde coa importancia desta celebración”, engadiu o alcalde.
O Concello agradece tamén a colaboración e o respecto da veciñanza no coidado e mantemento das instalacións nestas datas de especial afluencia.

