• O novo servizo municipal suporá un sistema de mobilidade sostible que mellorará substancialmente a liña autonómica xa existente, con máis frecuencias, máis paradas e un sistema intelixente de xestión e información en tempo real
  • O proxecto responde a unha demanda veciñal histórica e xa se está a realizar un estudo para determinar as necesidades reais dos potenciais usuarios

O Porriño, 14 de novembro de 2025.-  “Un salto cualitativo na mobilidade do Porriño é o que suporá o sistema pioneiro de transporte municipal eléctrico que hoxe presentamos”. Así daba inicio o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a súa intervención ante os medios de comunicación esta mañá para dar conta deste proxecto. “Non se trata só de conectar as sete parroquias e o barrio de Carracido co centro, senón de ofrecer un servizo accesible, moderno e respectuoso co medio ambiente”, explicaba o rexedor.

O Concello do Porriño continúa a impulsar políticas de mobilidade sostible e inclusiva coa posta en marcha dun novo sistema de transporte público municipal mediante autobús eléctrico, que conectará as zonas rurais co centro urbano. O proxecto busca mellorar a comunicación entre os distintos núcleos do municipio, reducir a dependencia do vehículo privado e avanzar cara a unha vila máis verde, accesible e cohesionada.

O proxecto responde a unha demanda veciñal histórica, ao tempo que complementará o servizo autonómico existente, mellorando frecuencias, ampliando o número de paradas e garantindo conexións con puntos estratéxicos do centro urbano como o centro de saúde, o polideportivo municipal ou o concello e tamén aos diferentes polígonos industriais. “Precisamente, a día de hoxe xa se está a traballar nun estudo potencial a través do cal coñeceremos as demandas reais dos usuarios, para poder marcar horarios e frecuencias e conseguir ter así un servicio óptimo e adaptado ás necesidades da veciñanza, que sempre será susceptible de cambios”, sinalou o alcalde.

O novo autobús eléctrico municipal percorrerá tódalas parroquias do termo municipal, conectándoas co casco urbano mediante unha rede de paradas intelixentes. Así, cada parada contará con casetas identificadas, paneis informativos con horarios e rutas actualizadas e estará integrada nunha aplicación móbil que permitirá consultar información en tempo real, planificar desprazamentos e mesmo solicitar viaxes baixo demanda en situacións puntuais.

“O noso obxectivo é conectar de verdade O Porriño: parroquias, barrios e centro urbano. Apostamos pola innovación, a accesibilidade e a cohesión territorial, construíndo unha vila máis verde, máis humana e mellor comunicada”, engadiu Lorenzo.

A idea principal desta iniciativa está contemplada no Plan de Actuación Integral (PAI) “O Porriño O Noso Encontro”, que vén de ser beneficiario dunha asignación de fondos europeos. O proxecto está enmarcado no terceiro dos catro obxectivos estratéxicos do PAI, centrado en fomentar unha mobilidade integrada, sostible e eficiente entre Torneiros e o casco urbano pero o Concello amplía a actuación, cubrindo a totalidade das parroquias, por iso parte do proxecto contará cunha aportación municipal.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño dá un paso máis cara a un modelo de mobilidade sostible, moderna e adaptada ás necesidades da cidadanía, reforzando as conexións entre os núcleos urbanos e rurais do municipio, apostando pola innovación, a accesibilidade e a cohesión territorial.