• “Ondas Creativas” achega aos escolares do Porriño ao mundo da radio e do podcast, fomentando a súa creatividade, a comunicación e o traballo en equipo
O Porriño, 25 de abril de 2025-. O CEIP da Ribeira acolleu hoxe unha nova sesión do programa “Ondas creativas. A voz dos nenos/as do Porriño no aire”, unha iniciativa organizada pola OMIX e a Concellería de Educación do Concello do Porriño. O proxecto, dirixido ao alumnado de 5º de Educación Primaria, está a desenvolverse en distintos centros educativos da vila e continuará nas próximas semanas.
O programa ten como obxectivo achegar os nenos e nenas ao mundo da radio e do podcasting, ofrecéndolles unha experiencia educativa innovadora, na que poden aprender a producir contidos sonoros, traballar en equipo e mellorar as súas habilidades de comunicación.
Durante a súa visita ao CEIP da Ribeira, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou “a importancia de promover actividades que fomenten a creatividade e o espírito crítico dos máis novos. Queremos que a nosa mocidade aprenda a expresarse e a comunicar dun xeito claro e efectivo, e iniciativas como esta son fundamentais para conseguilo”.
Pola súa parte, a concelleira de Educación, Carolina González, salientou que “a través desta iniciativa, pretendemos ofrecerlles aos mozos e mozas unha experiencia única que lles permita descubrir o fascinante mundo da radio e do podcast, consolidando a súa formación de maneira divertida e significativa”.
Os obradoiros, que continúan a súa programación nas vindeiras semanas, culminarán o 9 de xuño, e contan coa participación de profesionais do sector que guían aos estudantes no proceso de creación dos seus propios programas. A actividade fomenta non só o desenvolvemento da expresión oral e escrita, senón tamén o traballo colaborativo e a comprensión dos medios de comunicación como ferramentas de transformación social.
Con propostas coma esta, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa educación innovadora e coa promoción do talento creativo da súa mocidade.