O Concello do Porriño vén de asinar definitivamente un protocolo de actuación co obxectivo de garantir o máximo nivel de protección e benestar dos animais, así como de promover a responsabilidade e concienciación da cidadanía na defensa e preservación das colonias felinas
Por iso, levárase a cabo o método CES/CER co que se pretende tanto promover a protección destes animais como controlar adecuadamente a súa poboación mediante a esterilización e o control sanitario, onde as condicións o permitan. O método CES/CER (Captura- Esterilización – Solta) que se realiza nas colonias controladas de gatos urbanos no municipio do Porriño ten como finalidade a de conseguir a mellora da calidade de vida dos gatos, diminuír os problemas de superpoboación e xerar beneficios por unha adecuada integración na realidade existente no municipio do Porriño que contribúa á súa socialización e convivencia.
A través de este método, redúcese ou elimínanse os posibles problemas que poidan xurdir asociados á presenza de gatas e gatos urbanos non controlados; estabilizar o tamaño das colonias, diminuíndo o volume de animais ingresados nos centros de acollida; ademais de favorecer a colaboración dos colectivos de alimentadores/as e colaboradores/as (imprescindible en moitos casos para a efectividade dos programas de control).
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste protocolo afirmando que “É fundamental garantir o benestar dos animais e promover a convivencia harmónica co entorno urbano. Este método CES/CER permítenos abordar un problema de saúde pública e protección animal dunha maneira ética e efectiva”.
Neste sentido, a Concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, engadiu que “A colaboración cidadá e o traballo das asociacións e voluntarios é clave para o éxito deste proxecto. Queremos promover un Porriño máis respectuoso cos animais e máis consciente da súa responsabilidade cara a eles”.
Para levar a cabo este método é necesario establecer un programa de xestión de colonias felinas urbanas. Programa cuxo obxectivo é establecer un protocolo para a autorización, rexistro e xestión das colonias por parte dos servizos municipais implicados, asociacións protectoras de animais e colaboradores/as autorizados/as polo Concello. Este proxecto apóiase no labor da sociedade e facilita a colaboración de persoas voluntarias, colectivos e asociacións sen ánimo de lucro de protección animal e veterinarios/as quen, xunto co Concello do Porriño, traballan pola protección animal, cumprindo a demanda e obriga de respecto cara aos animais.
Para ter en conta todas as colonias existentes é importante o apoio de todos, por iso se a cidadanía interesada na autorización/rexistro dunha colonia felina deberá presentar a solicitude de autorización/alta de colonia mediante unha declaración responsable, ao servizo municipal competente e encargado da súa xestión. A solicitude deberá incluír: o nome, o teléfono de contacto e o correo electrónico dos/as colaboradores/as propostos/as, localización da colonia e descrición do número de gatos e gatas.