A casa consistorial do Concello do Porriño, luce desde hoxe  unha lona realizada polas persoas usuarias de ACEESCA coa ocasión de conmemorarse o 3 de decembro o Día das Persoas con Discapacidade. Con este motivo, mañá iluminaremos a fachada do concello en verde.

Neste ano, 2020, o lema do Día das Persoas con Discapacidade, é “Un día para todos” porque, segundo preconiza unha declaración institucional do Concello, “a discapacidade forma parte da condición humana, xa que todas as persoas, nalgún momento da nosa vida, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente;  e a sociedade ten que estar preparada para iso”.

“As persoas con discapacidade son a minoría máis grande do mundo e adoitan ter máis dificultades que outros grupos a todos os niveis, especialmente no acceso á educación, ao mercado laboral e ás dificultades económicas”, engade a declaración municipal.

“E isto débese á falta de recursos que lles faciliten a vida, como o acceso ao transporte ou o acceso á información, en caso de discapacidade sensorial. Todo isto, xunto coa discriminación social que ás veces existe na súa contorna e a falta dunha lexislación adecuada, dificultan a vida das persoas con discapacidade. Amais, as persoas con discapacidade son máis vulnerables á violencia.  As nenas e os nenos, con discapacidade son 4 veces máis propensas a ser vítimas de violencia, do mesmo xeito que as persoas adultas con problemas mentais”, conclúe a declaración institucional.