• Será este xoves, ás 17.30 horas, na Sala de Comunicacións aberta a toda a cidadanía

O Porriño, 9 de decembro de 2025.- Baixo o nome de “A prevención da violencia de xénero e a protección das vítimas, dende unha perspectiva social e tecnolóxica”, o Concello do Porriño organiza unha xornada enmarcada na conmemoración do 25N. Trátase de tres relatorios a través dos cales se busca ofrecer un espazo de reflexión, formación e coordinación entre profesionais, ademais de achegar á cidadanía información actualizada sobre os recursos dispoñibles fronte á violencia de xénero.

O encontro, co lema “non á violencia. Si a unha sociedade libre, xusta e segura” terá lugar este xoves, 11 de decembro, ás 17.30 horas na Sala de Comunicacións e contará coa participación de distintos perfís expertos na atención, intervención e apoio ás mulleres vítimas.

Roberto Barba, director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, abrirá a xornada cun relatorio centrado nas prestacións económicas e dispositivos a man das mulleres vítimas de violencia de xénero. A continuación, Mª José Rodríguez, xefa da Unidade da Violencia sobre a Muller en Pontevedra, abordará o papel das mesas locais de violencia de xénero como mellora na coordinación entre os axentes que interveñen directamente coas vítimas. Ademais, profundará nos dispositivos de seguridade destinados a garantir a protección destas. Pechará as intervencións Elena Molanes, directora do Centro de Emerxencias para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CEMVI), co relatorio “Cando a emerxencia se transforma en esperanza: o rol dos centros de acollida”, na que explicará como estes recursos se converten nun espazo seguro e nunha oportunidade de reconstrución vital para as mulleres que dan o primeiro paso para saír da violencia.

Con esta xornada, o Concello do Porriño reafirma o seu firme compromiso na loita contra a violencia de xénero e na promoción dunha sociedade libre, xusta e segura, facilitando espazos de colaboración e formación que contribúan a mellorar a prevención, a detección e a atención ás vítimas.