O Concello do Porriño organiza o vindeiro luns 21 de abril un Obradoiro Infantil de Pascua, dirixido a nenos e nenas da vila, que terá lugar na Praza Arquitecto Antonio Palacios, en horario de 17:00 a 20:00 horas. En caso de choiva, a actividade trasladarase á carpa da praza do Cristo.

A actividade, promovida pola Concellería de Igualdade, busca ofrecer un espazo lúdico e educativo no que a cativada poida gozar dunha tarde diferente, celebrando a Pascua a través do xogo e a creatividade.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, salientou que “é fundamental crear propostas que fagan do Porriño unha vila viva, onde as familias atopen opcións de lecer de calidade. Esta actividade é unha oportunidade para que os máis pequenos se divirtan mentres aprenden”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Carolina González, destacou que “o obradoiro busca, ademais, fomentar a participación e a inclusión, ofrecendo un espazo aberto a toda a cativada sen necesidade de inscrición previa. Só teñen que achegarse e participar”.

O Concello do Porriño anima a todas as familias a participar nesta xornada lúdica que mestura tradición, aprendizaxe e diversión.