• A exposición “As cantareiras: a voz da memoria se pode visitar durante todo o mes no vestíbulo do Centro Cultural Municipal.
  • Ás 20:00 horas celebrarase o Festival de Corais na Igrexa de San Rosendo, coa participación da Coral Polifónica San Blas de Budiño, a Coral Máxico Gorki de Vigo e a Coral Alameda do Fogar de Pontevedra.
  • Ás 21:00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá o concerto do grupo BREO, unha das revelacións da música folk galega actual.

O Porriño, 16 de maio de 2025.– O Concello do Porriño conmemora o Día das Letras Galegas 2025 cunha ampla proposta cultural que pon en valor o legado da tradición oral galega e, moi especialmente, o papel das mulleres que transmitiron a través do tempo a nosa poesía popular e as nosas cantigas.

Unha das iniciativas principais é a exposición “As cantareiras: a voz da memoria” organizada pola Secretaría Xeral da Lingua, que se pode visitar durante todo o mes no vestíbulo do Centro Cultural Municipal. A mostra inclúe materiais editados con motivo desta celebración, así como a unidade didáctica “Canta que cadramos ben”, elaborada polo IES Castelao de Vigo e gañadora do Concurso das Letras Galegas 2025 na categoría de secundaria, bacharelato e ensinanzas de réxime especial. A través destes contidos, a exposición afonda na riqueza do noso repertorio tradicional e pretende visibilizar a todas aquelas mulleres que, desde o anonimato, foron gardiás da nosa memoria cultural, contribuíndo de maneira decisiva a que a nosa literatura oral chegase ata hoxe.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta edición das Letras Galegas, afirmando que “as Letras Galegas son unha oportunidade para recoñecer o papel fundamental das mulleres na conservación da nosa identidade cultural. Este ano, especialmente, queremos poñer en valor ás cantareiras, que foron voz, memoria e alma do noso pobo”.

Ademais, o sábado 17 de maio, ás 20:00 horas, celebrarase o Festival de Corais na Igrexa de San Rosendo, cun repertorio de voces tradicionais a cargo da Coral Polifónica San Blas de Budiño, a Coral Máxico Gorki de Vigo e a Coral Alameda do Fogar de Pontevedra. A continuación, ás 21:00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase no escenario do concerto de BREO, unha das propostas máis renovadoras do folk galego actual. Formado a finais de 2022, o grupo combina música tradicional e cultura inmaterial cunha sonoridade contemporánea, creando un estilo propio que mestura frescura, potencia e sensibilidade.

A concelleira de Normalización Lingüística, Carolina González, subliñou o valor simbólico desta xornada, sinalando que “conmemorar as Letras Galegas a través da música, das voces colectivas e da creación contemporánea é unha maneira de facer viva a lingua. Hoxe, máis ca nunca, debemos celebrar o galego como lingua de futuro, que conecta xeracións e se mantén viva grazas á cultura popular e ás novas propostas artísticas”.

Desde o Concello do Porriño anímase a toda a veciñanza a participar activamente nesta celebración da lingua, da música e da cultura galega, e a seguir transmitindo o legado das nosas avoas, que fixeron posible que a tradición continúe viva nas novas xeracións.