- A iniciativa da Deputación de Pontevedra busca impulsar o comercio de proximidade, fortalecer a economía local e crear sinerxías entre negocios, produtores e provedores.
O Porriño, 11 de novembro de 2025.- O salón de plenos do Concello do Porriño acollerá o luns 24 de novembro, ás 16.00 horas, unha sesión informativa sobre MOVE, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra co obxectivo de crear unha rede de comercio local na provincia.
A sesión vai dirixida a persoas comerciantes e titulares de establecementos hostaleiros interesadas en coñecer as oportunidades que ofrece esta plataforma en liña, integrada no proxecto “Da túa man”. MOVE busca revitalizar a economía local, dar visibilidade e modernizar o comercio de proximidade e crear vínculos entre negocios, produtores e provedores locais, fomentando o consumo responsable e a economía circular.

Esta ferramenta permitirá aos negocios presentarse, compartir experiencias, establecer novas relacións comerciais e abrir oportunidades de negocio, fortalecendo así o tecido económico e social do Porriño e da provincia.
O Concello do Porriño convida a todas as persoas interesadas a participar nesta xornada para coñecer de primeira man como formar parte desta rede que aposta pola calidade, a diferenciación e a cooperación local.

