- O alcalde, Alejandro Lorenzo e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá, no polígono de Cataboi, Revertia, empresa referente na economía circular, coincidindo coa celebración do Día Mundial dos RAEE
O Porriño, 16 de outubro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou esta mañá nunha visita institucional á empresa Revertia, situada no polígono industrial de Cataboi, no Porriño, acompañando á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. O rexedor coñeceu de primeira man o labor que desenvolve esta compañía, que constitúe o único centro de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) en Galicia.
Durante a visita, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia de contar cun proxecto coma este no municipio, “no Porriño apostamos pola economía circular e polo desenvolvemento sostible, e empresas como Revertia son un exemplo de innovación e compromiso co medio ambiente. É un orgullo que o único centro destas características en Galicia estea aquí, xerando emprego de calidade e impulsando unha transición ecolóxica real dende o noso territorio”, sinalou.
A visita enmárcase na celebración esta semana do Día Mundial dos RAEE, unha efeméride que busca concienciar sobre a importancia da correcta xestión deste tipo de residuos e o seu potencial de reutilización. Durante a mesma, salientouse que a xestión sostible dos residuos eléctricos e electrónicos ofrece unha oportunidade de negocio e emprego verde para as empresas galegas, exemplo diso é Revertia e así se constata cos datos aportados polo seu director, Alejandro Lajo. “En Revertia somos o primeiro chanzo da cadea dentro da xerarquía da xestión de residuos, non nos esquezamos que reciclar é a última das accións que se deben facer, pois antes hai que previr e preparar a reutilización. En 2024, movemos máis de 890 toneladas de residuos e no que levamos deste ano, a data de hoxe, son xa 1.000 toneladas. Conseguimos a reutilización de aparatos que nalgunhas categorías son máis dun 45%, o que nos permitiu evitar a emisión de 685 toneladas de CO2 á atmosfera”.
O Concello do Porriño reafirma así o seu apoio a iniciativas que promovan a reutilización, a reciclaxe e a economía circular, contribuíndo a un futuro máis sostible e respectuoso co medio.