“O Porriño. Historia e Patrimonio cultural”, escrito por Xosé Ramón Paz Antón e ilustrado polo fotógrafo Xulio Gil ven a “encher un vacío sobre a historia porriñesa que se contempla neste libro dende os tempos prehistóricos ata a actualidade”.
Paz Antón resume en algo máis de duascentas páxinas o pasado deste territorio e as súas xentes ao tempo que se describe unha parte relevante do seu patrimonio cultural e paisaxístico, un relato que vén de salientar o excelente labor de Xulio Gil, quen capta coa súa cámara aspectos insólitos ou pouco coñecidos e engade unha lectura visual que fai moi atractiva a obra que se presenta.
Partindo dos xacementos arqueolóxicos, da romanización e da alta idade media, a información vai facéndose densa coas incursións viquingas e árabes, a creación dos mosteiros de Budiño e Cans, os señoríos e loitas medievais, o nacemento do concello da Louriña, a dependencia de Baiona e Salvaterra, a queima das fábricas de pan na guerra con Portugal, a forte reedificación de templos no Barroco e a invasión dos franceses.
A partir de aquí resúmense os fitos máis relevantes dos séculos XIX e XX, o concello constitucional, a vida social e cultural, a emigración, os movementos agrario e obreiro, a guerra civil, o franquismo e a industrialización. Entre outras achegas destacadas cabe citar a reproducción do primeiro mapa do concello que se conserva no Archivo General de Simancas e que foi realizado en 1655.
Como subliña a alcaldesa, Eva García de la Torre, “O Porriño. Historia e Patrimonio cultural”, que foi editado grazas a colaboración do Concello, “é unha excelente mostra dos nosos recursos naturais, o noso patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e cultural e amosa quenes somos, e ensina o porqué temos que estar orgullosos do noso pasado e, en base ao mesmo seguir avanzando cara ao futuro”.
García de la Torre reitera que este “magnífico traballo” que O Porriño non tiña e que necesitaba e que servirá de clave para mirar cara ao futuro e á necesidade de poner en valor os nosos costumes e a nosa esencia.