O concerto musical que ofrecerá o xoves 16 Susana Seivane celebraráse definitivamente no Pavillón Municipal de Deportes debido ás previsións de choiva. Inicialmente programouse para celebrar no Parque do Cristo pero desestimouse pola previsión meteorolóxica. Mantense a mesma hora: nove da noite (21 h.)
Susana Seivane actuará acompañada das porriñesas Cantareiras Fonteliño nun concerto no que colaboran Deputación Provincial e “Musigal”.
Susana é a herdeira dunha das familias con máis prestixio dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia, a familia Seivane. Comezou a súa andaina musical ao cumprir tres anos de idade. Da man do seu pai Álvaro Seivane, e influenciada por mestres gaiteiros como o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas, conseguiu o respecto e admiración do mundo da gaita e da música tradicional en Galicia. Ese estilo xenuíno está hoxe presente na forma de tocar de Susana, unha muller que sintetiza o estilo “enxebre” de vellos gaiteiros. Combina este valioso legado con influencia doutras músicas; para iso rodéase dun elenco de mozos músicos que achegan gran frescura e orixinalidade ao seu espectáculo.