- Durante os meses de outubro e novembro haberá accións sobre orgánica, aceite de cociña, téxtil e compostaxe, con seis persoas promotoras facendo visitas porta a porta entregando materiais e informando á veciñanza
- O Concello organiza unha serie de visitas a Sogama para coñecer de preto como se xestionan os residuos
O Porriño, 22 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño vén de presentar hoxe o seu novo plan de campañas de residuos, que se prolongarán ao longo dos meses de outubro e novembro. A iniciativa abrangue catro liñas estratéxicas: colector marrón (orgánica), recollida de aceite doméstico, recollida de téxtil usado e compostaxe doméstica e comunitaria.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que “o Porriño quere ser un concello máis limpo, máis sostible e máis eficiente na xestión dos seus residuos. Por iso, combinamos novas infraestruturas, sensibilización cidadá e apoio porta a porta para que todas as familias poidan participar”. O rexedor indicou durante o acto de presentación no que estivo acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente e Lixo, Antía Carrera e Carlos González, respectivamente, e o enxeñeiro e director de Permae, Rodrigo López, que “hoxe non falamos só de novos colectores ou de bolsas compostables, falamos dun cambio cultural, dunha nova forma de relacionarnos co que xeramos cada día nos nosos fogares e negocios. Cada vez que separamos ben os residuos, non só reducimos a cantidade que vai a vertedoiro, senón que tamén transformamos o que antes era lixo en recursos valiosos”.
Respecto do colector marrón, repartiranse bolsas compostables e caldeiros para fogares e grandes xeradores. Desde o 3 de novembro e durante todo o mes, seis persoas promotoras realizarán visitas porta a porta para entregar materiais e informar á veciñanza e grandes xeradores. Haberá tamén postos informativos en feiras e actividades educativas en centros escolares e asociacións veciñais.
No referente ao aceite de cociña usado, distribuiranse novos colectores específicos na vía pública. A campaña inclúe talleres prácticos para transformar aceite en xabón e a creación dun mapa dixital de contedores accesible desde a web municipal.
Por outra banda, entregaranse sacas reutilizables á cidadanía para os residuos téxtiles. Haberá obradoiros de reutilización creativa de roupa, actividades educativas sobre o impacto ambiental da industria téxtil e unha ferramenta de xeolocalización de contedores. Nesta liña, un dos aspectos máis innovadores da campaña é a colaboración con Cáritas Diocesana Tui-Vigo, que está a elaborar bolsas de tea a partir da roupa non reutilizable recollida nos contedores de téxtil. Estas bolsas, que produce un grupo de persoas voluntarias en Porriño, distribúense en todos os concellos galegos adheridos as campaña de “O Camiño Sostible”, converténdose nun símbolo de economía circular con selo local. Ademais, o coste das bolsas dedicase a un beneficio social, xerando así un dobre impacto positivo: ambiental, ao dar unha segunda vida a materiais que antes eran residuo, e social, ao apoiar ás familias que máis o precisan.
Por última, na liña de compostaxe doméstica e comunitaria seguirá cedéndose composteiros para fogares con horto ou xardín, instalaranse composteiros comunitarios en centros educativos e porase en marcha un programa de visitas de seguimento técnico. Complementarase con vídeos educativos, materiais impresos e obradoiros para distintos públicos.
A consultora galega especializada en sostibilidade e residuos, Permae, que actualmente colabora con arredor de 30 concellos en Galicia coa campaña O Camiño Sostible (www.ocaminosostible.gal) é a encargada de levar a cabo estas iniciativas. O seu director, Rodrigo López destacou que “cada xesto conta: separar mellor significa aforrar custos, reducir impacto ambiental e avanzar cara a un Porriño máis sostible”.
As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: https://porrino.ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Concello por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos. Nesta liña, o Concello do Porriño organiza unha serie de visitas ao Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda co obxectivo de achegar á veciñanza ao funcionamento da planta, fomentar a conciencia ambiental sobre a correcta separación, redución e reciclaxe dos residuos, mediante charlas, experiencias con realidade aumentada e percorridos guiados. Nas vindeiras datas darase a coñecer toda a información sobre estas visitas, con días de celebracións e prazos de inscrición.