- A iniciativa supón unha inversión de 275.000 euros, subvencionada nun 80% pola Xunta de Galicia, terá unha duración de 12 meses e busca acadar un mínimo do 42% de inserción laboral entre os participantes
O Porriño, 15 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño continúa a súa aposta decidida polo emprego e a formación. Se onte mesmo se clausuraba o obradoiro “O Noso Encontro co Emprego”, hoxe chega unha boa nova: a concesión e posta en marcha dun novo Programa Integrado de Emprego (PIE) que permitirá atender a 100 persoas desempregadas durante os vindeiros 12 meses, dando comezo hoxe mesmo e ata o 14 de outubro de 2026.
Este novo programa supón o terceiro consecutivo concedido pola Xunta de Galicia ao Concello do Porriño e conta cun investimento total de 275.000 euros, dos cales 220.000 euros son achegados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a administración local financia o 20% restante.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou a súa satisfacción pola continuidade dos programas de emprego no municipio. “É unha gran satisfacción poder enlazar a clausura dun programa co inicio inmediato doutro. Isto demostra que O Porriño está facendo ben as cousas en materia de emprego e que somos un concello referente no aproveitamento destes recursos”.
A iniciativa está dirixida a persoas desempregadas en xeral facendo fincapé en determinados colectivos considerados prioritarios, como persoas con discapacidade; mulleres vítimas de violencia de xénero; mocidade menor de 30 anos; perceptoras de prestacións, subsidios ou RAI; mulleres desempregadas; persoas desempregadas de longa duración e inmigrantes
Durante os dous primeiros meses desenvolverase o proceso de selección das persoas participantes, que deberán estar inscritas na oficina de emprego da Xunta de Galicia e, preferiblemente, tamén no servizo municipal Porremprego O obxectivo de inserción laboral marcado pola Xunta é do 42%, o cal ata o de agora sempre se conseguiu, superando incluso esa porcentaxe..
O PIE abrangue accións como orientación individualizada, formación para o emprego, técnicas de coaching e intelixencia emocional, obradoiros de habilidades sociolaborais e de entrevista, fomento da iniciativa emprendedora, prospección empresarial, emparellamento con ofertas e prácticas non laborais. “Este novo PIE é unha nova oportunidade para cen persoas desempregadas que van ter durante un ano apoio, formación e orientación. Seguimos traballando para construír un Porriño con máis oportunidades para todos”, subliñou o alcalde.
O rexedor tamén puxo en valor o traballo técnico e o apoio institucional, “este é o terceiro programa consecutivo, e iso non sería posible sen o compromiso do equipo técnico municipal e da confianza da Xunta de Galicia. O noso obxectivo é manter esta liña e seguir convertendo as políticas activas de emprego nun motor de cambio para moitas familias”.