O Concello do Porriño anuncia a concesión de achegas a catorce comunidades de traídas de augas do municipio por un importe global que suma 77.607 €, segundo informa a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira. Este departamento convocou por segundo ano consecutivo este lote de achegas municipais ao que se presentaron catorce comunidades. Todos os solicitantes foron aceptados e non quedou ninguén excluído xa que cumprían cos criterios recollidos na convocatoria.
Recibiran as achegas as comunidades de Cerquido; San Jorge-Mosende; Chan-Casal-Orbenlle; A Pereira-Torneiros; Atios; Cruz-Budiño; Rozadas-Eirís; Carracido; Chenlo; Vitureira-Budiño; Cans; A Graña-Cans e Torneiros. Aínda resta unha solicitude máis que corresponde á comunidade de usuarios zona centro de Atios, que dispón dun prazo dun mes para a subsanación da documentación aportada, segundo explicou o concelleiro Pereira Fernández.
O Concello do Porriño destinou para este exercicio 2021 un importe total de 95.000 €. A convocatoria publicouse en marzo no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo e ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.
O obxecto das axudas comprende a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.
Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 8.000 euros por peticionario.
No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros en achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, polo que este ano 2021 incrementouse tanto o número de comunidades beneficiadas como o importe total das achegas concedidas pola comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por técnicos municipais.