• Serán os días 4, 11 e 19 e combinarán unha visita á planta de Sogama con percorrido polas cidades da Coruña e Santiago de Compostela e ao Pazo de Oca, na Estrada
  • Os formularios de inscrición estarán xa dispoñibles a partir de mañá martes no Concello e o prazo para anotarse abre o xoves 30 de outubro

O Porriño, 27 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño continúa coa organización de viaxes dirixidas a persoas maiores de 55 anos. Así, para o vindeiro mes de novembro están programadas tres excursións ecoturísticas co obxectivo de fomentar a educación ambiental e o turismo sostible entre a veciñanza.

As saídas celebraranse os días 4, 11 e 19 de novembro e combinarán unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda, cun percorrido por diferentes puntos de interese das provincias da Coruña e Pontevedra: a cidade da Coruña, a Santiago de Compostela e o Pazo de Oca, na Estrada.

Esta proposta, totalmente de balde para os participantes, busca concienciar sobre a importancia da separación correcta dos residuos, a redución do lixo e o consumo responsable, ofrecendo ao mesmo tempo unha experiencia educativa e cultural nunha das instalacións máis avanzadas de Galicia en xestión ambiental.

Durante a visita a Sogama, que se enmarca na nova campaña de residuos que vén de presentar o Concello nos últimos días, as persoas participantes poderán asistir a unha charla formativa, experimentar unha inmersión virtual polas instalacións mediante lentes de realidade aumentada, participar nun xogo interactivo sobre reciclaxe e realizar un percorrido guiado pola planta de tratamento de residuos, o laboratorio e a sala de control.

A continuación, cada xornada completarase cun xantar incluído e unha visita guiada polos principais puntos de interese turístico e patrimonial das cidades. Na Coruña, o día 4, coñecerase a contorna da Torre de Hércules, o paseo marítimo e o casco histórico. En Santiago de Compostela, o día 9, realizarase un percorrido pola Praza do Obradoiro, a Catedral e as rúas do centro histórico. E o 19, no Pazo de Oca, as persoas participantes poderán desfrutar dos seus impresionantes xardíns históricos e do seu patrimonio natural e arquitectónico, coñecido como o “Versalles galego”.

O alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “apostamos por actividades que acheguen á cidadanía ao coidado da súa contorna dun xeito práctico e útil. Estas excursións combinan a educación ambiental coa posta en valor do noso patrimonio, ofrecendo unha experiencia completa e enriquecedora”.

As prazas son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poden recoller a partir de mañá martes o formulario que deberá entregar cuberto a partir do xoves, 30 de outubro, no Rexistro do Concello.