Coma sinalara a alcaldesa hai uns días, e dacordo co compromiso que adquirirá o pasado día 7 coa Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Plurilingüe de Atios, o Concello do Porriño iniciou xa as obras de mellora do tellado do centro que, subliña Eva García de la Torre, “asume na súa totalidade o Concello, por medio da Concellería de Educación, maila que a competencia de realización das mesmas é da Xunta de Galicia, como establece o regulamento”.
No mesmo centro, e como a alcaldesa asegurara ás Nais e Pais e ao director do CEIP de Atios, o Goberno local fixo unha avaliación do estado no que se atopan os baños e, así mesmo, realizará os traballos de substitución dos mesmos.
En total, subliña Eva García de la Torre, o Concello do Porriño investirá máis de 15.000€ nestas obras que, insiste, son competencia da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, o mesmo que os danos estruturais nas fachadas que causan filtracións de auga provocando curtocircuítos no sistema eléctrico.
A alcaldesa repite que “o Goberno local fará todo canto sexa preciso para que as nenas e nenos que estudan nos centros educativos do Porriño acudan a clase coa máxima seguridade e que estuden en colexios en perfectas condicións, algo que, polo que se ve, non preocupa moito á Xunta”.