O Concello iniciou os trámites para desaloxar tres pisos de Torneiros, de propiedade municipal, cedidos por un período de 6 meses, hai preto de 8 anos, a tres familias en situación de necesidade
A Concellería de Benestar ven de iniciar os trámites para o desaloxo de tres pisos de propiedade municipal, na parroquia de Torneiros, que en maio de 2009 foran cedidos, “de xeito temporal por un prazo de 6 meses”, a outras tantas familias en dificultades.
A concelleira de Benestar subliña que as vivendas de propiedade municipal son “un ben escaso” e, coma tal, que ten que ser empregado para favorecer ao maior número de persoas que se atopen en situación de necesidade, que no caso do Porriño son numerosas, e “non para o uso exclusivo de tres familias”.
Soledad Girón subliña que “ninguén viuse tan beneficiado polos servizos de Benestar do Concello coma as persoas que levan preto de oito anos nestas vivendas” e lembra que os Servizos Sociais coñecen “moitos casos” de familias do Porriño que están en condicións moi difíciles, coma as máis de cen que viven so coa Renda de Inserción Social e tendo que facer fronte a alugueiro e aos gastos de luz e auga, e que o xusto é que estas vivendas municipais sirvan coma “axuda temporal ao maior número posible de persoas”.
Giron entende que “favorecer a uns poucos é moi inxusto con persoas que están na mesma situación ou en peores condicións e a obriga das Administracións, neste caso do Concello, é velar por todos, non por uns poucos en exclusividade”.
Os moradores destes pisos xa recibiron a notificación do Concello para que deixen os mesmos e, este martes, a propia concelleira falou con eles.