- A actuación permitirá conectar case unha trintena de vivendas, dando servizo a máis de 140 veciños, ao sistema xeral de saneamento do río Louro, ademais de mellorar o pavimento e o alumeado público da zona
- O proxecto, financiado a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, sairá nos vindeiros días a licitación e terá un prazo de execución de dous meses
O Porriño, 13 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño sacará a licitación nos vindeiros o proxecto de saneamento en Budiño-Trapa, unha actuación que conta cun investimento de 220.430,31 euros, financiados a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, e que terá un prazo de execución de dous meses desde a súa adxudicación.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros Ramón Porto e Carlos González, visitou esta mañá o lugar no que se acometerán as obras e destacou a relevancia deste proxecto “para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Trapa e avanzar cara a un Porriño con todos os servizos básicos garantidos”. O rexedor lembra que “o saneamento nas parroquias é unha das nosas grandes prioridades. Traballamos a diario para que ningún veciño quede sen este servizo esencial. Desde o inicio do noso mandato fixemos un esforzo económico e organizativo sen precedentes para planificar e executar todas as obras necesarias. Gracias a ese traballo previo, hoxe seguimos cumprindo a nosa folla de ruta”, engadiu Lorenzo.
Un proxecto integral de mellora dos servizos básicos
Na actualidade, o núcleo rural de Trapa, en Budiño, carece de rede de saneamento municipal polo que se fai necesario conectalo ao sistema xeral de saneamento do río Louro, ao tempo que se melloran a rede viaria e a iluminación da zona.
A solución proxectada permitirá prolongar a rede de saneamento desde o núcleo de O Mosteiro, eliminando as fosas sépticas actuais e conectando directamente un total de 28 vivendas, que agrupan a máis de 140 habitantes, ao sistema municipal. Ademais, reporase o pavimento dos camiños afectados, mellorarase o drenaxe superficial e renovarase o alumeado público con luminarias LED de 40W, semellantes ás instaladas noutras zonas do municipio.
“Esta é unha obra que non só mellora o saneamento, senón que tamén renova o aspecto e a seguridade do vial, reducindo o impacto ambiental e garantindo un servizo sostible a longo prazo”, explicou o alcalde
Un esforzo continuado e histórico en materia de saneamento
“Sabemos que o saneamento é unha prioridade para moitos veciños, pero tamén é un servizo de gran complexidade técnica e custo moi elevado. Por iso seguimos avanzando paso a paso, coa colaboración de institucións como a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que nos axudan a facer realidade proxectos coma este en tódalas parroquias”, concluíu Lorenzo.

