• O Concello recibiu as dúas axudas solicitadas á Consellería de Economía e Industria, que permitirán mellorar as infraestruturas e reforzar a seguridade viaria nestas zonas
  • O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, visitaron os traballos que deron comezo esta semana en As Gándaras e para a vindeira farano en A Granxa

O Porriño, 29 de outubro de 2025.– O Concello do Porriño iniciou esta semana as obras de mellora de infraestruturas no Polígono das Gándaras, un dos dous proxectos aos que a Xunta de Galicia concedeu subvención ao abeiro da liña de axudas da Consellería de Economía e Industria destinada á modernización dos parques empresariais galegos.

O municipio recibiu a totalidade das axudas solicitadas, por un importe conxunto de 300.000 euros (150.000 euros por proxecto), que permitirán executar tamén as actuacións de mellora da seguridade viaria no Polígono de A Granxa, cuxo inicio está previsto para a vindeira semana.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado dos concelleiros Ramón Porto e Carlos González, desprazáronse ata o Polígono das Gándaras para coñecer de primeira man o avance dos traballos, que inclúen a renovación de pavimentos, mellora da iluminación e adecuación de zonas comúns e accesos.

Lorenzo salientou que “estas actuacións son unha mostra máis do compromiso do Concello coa modernización e competitividade do noso tecido industrial, motor económico da comarca e de Galicia”. Engadiu ademais que “gracias á colaboración coa Xunta e ao esforzo conxunto coas asociacións empresariais, seguimos avanzando na mellora dos nosos polígonos, que contan con máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial e máis de 2.200 empresas asentadas”.

O alcalde destacou “a importancia de continuar investindo en infraestruturas de calidade que garantan a seguridade e faciliten o desenvolvemento da actividade empresarial”, asegurando que as actuacións previstas “mellorarán significativamente o día a día de traballadores e empresas”. Con todo, estas obras non son únicas nin puntuais, senón que se enmarcan nunha liña de traballo continuo que o Concello do Porriño vén desenvolvendo para dar resposta ás demandas do tecido empresarial e mellorar as infraestruturas municipais. Dende o goberno local trabállase a diario para manter e acondicionar estes espazos, atendendo ás necesidades que xorden e garantindo que os polígonos industriais do municipio continúen a ser un referente en calidade e servizos.