- O protocolo CES/CER garante o control ético das colonias e establece pautas claras de alimentación para evitar problemas de salubridade pública
O Porriño, 30 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño continúa a dar pasos firmes na protección e benestar dos animais, especialmente no control e coidado das colonias felinas urbanas. No que vai de ano, foron esterilizados xa 111 gatos ao abeiro do programa CES/CER (Captura, Esterilización e Solta), cun máximo previsto de 200 esterilizacións anuais.
Este programa, desenvolvido en colaboración coa Deputación de Pontevedra desde o ano 2024, está dirixido á atención das 63 colonias felinas rexistradas, a día de hoxe, no municipio. Dende decembro pasado, o Concello conta ademais cun contrato coa protectora INMA, que permite reforzar este servizo e grazas ao cal se atendeu xa a medio cento de gatos nos últimos meses.
O pasado 21 de marzo foi aprobado definitivamente o protocolo de actuación municipal para a xestión das colonias felinas, co obxectivo de garantir o máximo nivel de protección e promover a convivencia harmónica destes animais co entorno urbano. O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “é fundamental garantir o benestar dos animais e promover a convivencia harmónica coa contorna urbana. O método CES/CER permítenos abordar unha cuestión de saúde pública e protección animal dunha maneira ética e efectiva”. Pola súa parte, a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, subliñou que “a colaboración cidadá e o traballo das asociacións e voluntarios é clave para o éxito deste proxecto. Queremos un Porriño máis respectuoso cos animais e máis consciente da súa responsabilidade cara a eles”.
Este protocolo inclúe mecanismos para a autorización, rexistro e xestión das colonias, en coordinación cos servizos municipais, asociacións protectoras e colaboradores autorizados. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude mediante declaración responsable, indicando datos de contacto, localización da colonia e número aproximado de gatos.
O Concello lembra tamén que está habilitado un espazo na zona de rexistro municipal para a entrega de doazóns voluntarias de penso e comida húmida destinadas á asociación INMA.
Así mesmo, apela á responsabilidade da veciñanza á hora de alimentar as colonias, recordando que só se permite o uso de penso seco ou comida húmida, quedando totalmente prohibidos os restos de comida, co fin de evitar problemas de salubridade pública.
O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co benestar animal e lembra que segue traballando no anteproxecto para a creación dunha protectora municipal, actualmente en fase de estudo e análise, que reforzará os recursos e infraestruturas para a protección animal no municipio.

