No seu obxectivo de ter en óptimas condicións todos os parques infantís do municipio, o Concello do Porriño vén de presentar un proxecto construtivo de mellora destes espazos de lecer a través do cal se actuará en once deles, localizados no centro urbano e nas parroquias.

A día de hoxe, as actuacións, que suporán unha inversión de máis de 228.000 euros, con cargo ao Plan Concellos da Deputación Provincial, están en fase de licitación e os prazos determinan a súa execución nun prazo de seis meses.

“Somos conscientes de que a gran parte das 38 áreas de xogo infantís que están distribuídas por todo o termo municipal precisan ser acondicionadas, algunhas delas presentan un estado nefasto e lamentable, e así o faremos. Creáronse novos espazos como o da Praza da Alameda e anunciamos a reconversión doutros como o Parque Infantil na zona do antigo Campo da Feira, e agora con esta nova achega imos mellorar sete parques do casco urbano e outros catro en parroquias”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, á vez que remarca que “xa temos proxectos para acondicionar todos eles, unicamente estamos pendente da dotación orzamentaria correspondente, de aí que, a medida que vaiamos dispoñendo de recursos, sen dúbida investiremos nesta materia, porque manteño o meu compromiso de facer do Porriño unha auténtica cidade da infancia, e a mellora de parques infantís é unha prioridade”.

Os sete parques do centro da vila na que se acometerán limpezas, melloras e reparacións son o do Cristo, o do Matadoiro, o de Fontevella (Pío XXII), o do Camiño do Cando (fronte á Igrexa), o da urbanización O Sol, o de Lamazares e o do Campo da Feira. As actuacións a levar a cabo céntranse principalmente na reparación dos pavimentos coa colocación de céspede sintético en cinco deles, o arranxo de diferentes elementos ou partes destes (tobogáns, columpios, balancíns….) algúns dos cales serán substituídos por outros novos; axuste e fixación de pezas e elementos; limpeza e preparación de distintas superficies para posterior aplicación de pintura e verniz protector.

En Torneiros actuarase en dous parques, no da fase II e no da fase III. Alí tamén se acometerán reparacións e limpezas de diferentes elementos de xogo, así como o reemprazo de pezas novas, e a maiores tamén se arranxarán bancos. Ademais, no primeiro deles substituirase o actual pavimento coa colocación dunha capa de area e no segundo será preciso toda a retirada do pavimento existente e a disposición dun novo con instalación de céspede sintético.

Os outros dos parques que completan a lista son o da Escola Unitaria de Mosende e o de San Diego, na mesma parroquia. No da escola levarase a cabo unha recolocación dos elementos de xogo, que serán postos a punto; colocarase unha capa de area e procederase á retirada do peche perimetral para a instalación dun novo. No outro, ademais da reparación e limpeza das diferentes estruturas, demolerase o pavimento e realizarase un novo.

A superficie na que se actuará nestas sete áreas de xogos suman un total de 2.280 metros cadrados.

Con todo, dende o goberno municipal aseguran que estas actuacións se completarán con melloras en todos e cada un dos parques infantís de tódalas parroquias que se sufragarán con fondos propios.