O Concello do Porriño, a través dunha carta que a alcaldesa Eva García ven de remitir á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, declara o seu apoio á candidatura da Xunta de Galicia para acceder ós fondos do “Programa LIFE” da Uión Europea que aportaría fondos para afrontar o desexado plan de descontaminación do lindano no noso municipio.
Nunha comunicación previa, Maria Cruz Ferreira, Directora Xeral de Calidade Ambiental informou ó Concello que unha das medidas propostas pola Xunta na súa candidatura ó Programa LIFE é “obter fondos para a posta en marcha dun proxecto para abordar a situación da contaminación por residuos de lindano presente no seu concello”, indicaba a carta da responsable autonómica á alcaldesa porriñesa.
Na mesma misiva, a Alcaldía traslada á Xunta de Galicia “o compromiso do Concello do Porriño para contribuir cos medios necesarios no desenrolo das accións” que pasaría desde facilitar o acceso a traballos en terrenos públicos ata tramitación de permisos, tratamento de terrenos contaminados ou programas de educación e capacitación ós vecinos do Porriño sobre os riscos asociados cos residuos do lindano.

Precisamente nesta semana a alcaldesa e varios concelleiros do futuro goberno municipal mailo inspector xefe da Policía Local acudiron a Torneiros, a petición de veciños, a comprobar a existencia de posibles novos brotes de lindano procedentes ou vencellados a rede de saneamento. Despois da visita descartase inicialmente a aparición de novos verquidos.