O Concello do Porriño contratará a 52 persoas desempregadas, ata finais de ano, cunha achega de 371.000€ de fondos muncipais e 237.000 do ‘Plan Concellos’ da Deputación
O Concello do Porriño, por medio da Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, contratará, ata finais deste ano, a 52 persoas para realizar diferentes traballos a tempo completo.
A iniciativa, que é unha das impulsadas polo Goberno local no eido da formación e creación de emprego, conta cun orzamento total de preto de 608.000€, dos cales o Concello achega uns 371.000 e case 237.000 a Deputación de Pontevedra con cargo ao ‘Plan Concellos 2017’.
Os postos ofertados son: 2 conserxes, 1 enfermeiro ou enfermeira, 6 peóns de albanelería, 12 peóns de obra pública, 1 oficial de primeira de carpintería, 1 oficial de primeira de fontanaría, 1 oficial de primeira electricista especializado en mantemento e reparación, 1 oficial de primeira Ferreiro, ou Ferreira, 1 condutor, ou condutora, de camión e pa escavadora, 1 operario, ou operaria, de vehículo de limpeza, 6 xardineiros, ou xardineiras, 1 condutor, ou condutora de tractor-rozadora, 16 peóns de limpeza e 2 peóns de primeira de bandas sobre vía urbana e estradas.
A oferta de emprego estará exposta os vindeiros días, antes de que empece a preselección, que realizará a Oficina de Emprego entre as persoas anotadas na mesma que teñan a condición de demandantes de traballo.
Na devandita preselección terán prioridade, como establece a lei, as vítimas de violencia machista, maiores de 45 anos, parados de longa duración e familias monoparentais con persoas a cargo.