- O novo espazo, situado na Avenida de Galicia, representa un espazo de convivencia entre persoas e animais, conta con máis de 1.600 metros cadrados con zonas verdes, área específica para mascotas, mobiliario urbano e fonte adaptada
O Porriño, 16 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño vén de inaugurar oficialmente o primeiro parque para animais do municipio, un novo espazo situado na Avenida de Galicia, en pleno centro urbano, que nace coa vontade de ofrecer un lugar de lecer e convivencia para a cidadanía e os seus animais de compañía.
A parcela, de 1.614 metros cadrados, foi completamente acondicionada para dar lugar a un parque moderno, funcional e accesible, dividido en dúas áreas diferenciadas. Por unha banda, unha zona verde aberta ao público, con árbores, bancos, papeleiras e outros elementos de mobiliario urbano, que permitirá á veciñanza desfrutar dun espazo de descanso e encontro. Por outra, unha área valada e pechada, pensada exclusivamente para o lecer de cans, gatos e outros animais domésticos, onde poderán correr, xogar e socializar nunha contorna segura e controlada.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado dos concelleiro Marcos Martínez, Ramón Porto e Carlos González, visitou o parque na xornada da súa apertura, destacando a importancia deste tipo de iniciativas. “Hoxe damos un paso máis cara a un Porriño máis verde, máis inclusivo e máis respectuoso cos animais. Este parque non só mellora a calidade de vida dos nosos veciños de catro patas, senón que tamén favorece a convivencia e o benestar de toda a comunidade”, sinalou o rexedor.
O parque dispón tamén dunha fonte adaptada tanto para persoas como para animais, reforzando así o compromiso co benestar de todos os usuarios. Desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade individual para manter o espazo en bo estado, lembrando a obrigatoriedade de recoller os excrementos dos animais e empregar botellas con desinfectante para limpar os ouriños, contribuíndo así a un Porriño limpo e agradable para todos.
Esta actuación enmárcase na estratexia do goberno local de recuperación e mellora de espazos públicos, poñendo o foco nas novas necesidades da veciñanza e promovendo un modelo de vila máis sostible, integradora e comprometida co medio ambiente.