O Concello do Porriño iniciou os trámites ante a Real Federación Española de Atletismo para que envíe técnicos a fin de verificar e homologar as pistas de atletismo municipais da Granxa o que permitirá albergar competicións e validar marcas. “Polo tanto acadar a rendibilidade social, deportiva e económica dunha instalación que custou algo máis dun millón de euros, aportados polo Plan Concellos da Deputación”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes quen considera que a homologación “vai ser unha gran noticia non só para O Porriño senón tamén para a contorna”.
O concelleiro mantivo unha reunión con Isidoro Hornillos, presidente de la Federación Galega de Atletismo quen explicou que a homologación das pistas do Porriño pódese acadar a través da recente normativa aprobada pola RFEA que nun apartado recolle a validación a estes efectos das que se definen como “instalacións singulares”. Enténdense como tales calquera instalación de atletismo na que, sen poderse disputar todas as probas, si que sexa posible a celebración de xeito acorde a regulamento, dalgunhas ou da meirande parte”.
“Precisamente neste suposto encaixan as pistas municipais da Granxa que permiten celebrar probas de velocidade e valas na pista de 60 metros; probas de velocidade, medio fondo e fondo na pista circular de 200 metros e, por outra parte, no módulo semicuberto, as probas técnicas de saltos de altura, pértega, lonxitude e triplo salto”, explicou David Alonso.
Pola súa parte, Hornillos manifestou “o interese da Federación de Atletismo en que o Concello acade o máis cedo posible esa homologación para que se aumente a dotación de pistas para competición nunha zona de gran tecido atlético como é o sur de Galicia e o norte de Portugal”.