Coa apertura dun novo camiño e a conexión de 16 vivendas á rede municipal de saneamento, no barrio de Igrexa, en Pontellas, o Goberno local acomete un dos traballos máis importantes do actual mandato municipal.
Como subliña Manuel Carrera, concelleiro de Vías e Obras, “este proxecto non so suporá seguir levando o saneamento a todo O Porriño, senón que fará realidade a apertura dun camiño nunha rúa que ata o dagora non tiña saída favorecendo tanto ás veciñas e veciñas de Pontellas coma aos usuarios dean Centro de Día que hai neste barrio”.
Para levar adiante esta obra vaise instalar unha tubaxe de máis de medio quilómetro que permitirá levar o saneamento a dezaseis familias. Así mesmo, para a evacuación de augas pluviais, sobre o camiño secundario se colocará unha tubaxe de PVC de máis de 100 metros e 7 sumidoiros.
Para facer posible a existencia desta nova vía, o Concello comprou unha parcela duns 350 metros cadrados e levantará varios muros de cachotería ao longo de preto de 90 metros lineais.
Toda esta obra faise con cargo ao ‘Plan Concellos 2016’ da Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento total de 99.698,05€ que servirán para satisfacer esta vella demanda cidadá.
Manuel Carrera lembra que este proxecto xa estaba orzamentado en 2011, cando él era concelleiro de Vías e Obras, “pero o anterior alcalde non quixo facelo, polo cal agora é unha grande satisfacción poder cumprir o compromiso que adquirira daquela coas veciñas e veciños”.
Cando estea rematada esta primeira parte do traballo, aproximadamente a finais da semana que ven, o concelleiro de Vías e Obras agarda que xa estea moi adiantada a redacción do proxecto da segunda, que abranguerá a ampliación do novo camiño e a súa pavimentación e que, como esta primeira parte, está previsto que sexa sufragada con fondos da Deputación de Pontevedra.