Este mes de novembro é o “Mes da ciencia”, e na Biblioteca Municipal do Porriño o celebran convocando un obradoiro de divulgación científica para público infantil, cun tema de enorme importancia e de moita actualidade: os incendios.

“Salvar a terra dos incendios está nas nosas mans” é o seu título e está previsto este venres 10 de novembro entre as 6 e as 8 da tarde. Trátase dun obradoiro práctico, dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 13 anos para o que se require inscrición previa –pódese facer na propia Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 986337624-.

Dada a catástrofe medio ambiental que temos vivido nas últimas datas, “cremos que, dende a biblioteca podemos aproveitar este mes da ciencia para concienciar aos nosos pequenos e pequenas sobre este tema tan importante para a nosa sociedade. A través do obradoiro, impartido por dous profesionais con experiencia, darase a coñecer a riqueza medio ambiental dos nosos solos, e a perda que se produce cando sofren un incendio”.

No obradoiro analizaranse distintos tipos de solo en estado natural -fraga, matogueira, eucaliptal…- e o seu estado tras sufrir un incendio, avaliando os distintos graos de severidade do lume, así como as consecuencias que produce a auga, primeiro sobre chans en estado natural, e despois sobre chans queimados. Tamén se aprenderán técnicas de rexeneración do chan despois dun incendio, algunhas delas incluso moi divertidas.

Hai que lembrar que para asistir é necesaria a inscrición previa, e que está dirixido a un grupo moi reducido de participantes, para así poder aproveitar todas as súas ensinanzas.