O arqueólogo Eduardo Méndez-Quintas-quen o pasado mes de xullo dirixiu xunto a Manuel Santonja, do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) o reinicio da investigación no xacemento paleolítico de As Gándaras de Budiño- volve ao O Porriño este xoves, día 4 de outubro, para pronunciar no Centro Cultural Municipal (ás 8 da tarde) unha conferencia na que adiantará os primeiros resultados dos derradeiros traballos arqueolóxicos que, co apoio do Concello, desenvolvéronse neste lugar.
O propio Eduardo Méndez sinala que as escavacións realizadas proporcionaron “sedimentos que poderán datarse moi doadamente e que amosarán que superan, con moito, os 26.000 de antigüidade que se lles atribuirá nun principio e indicarán que teñen unha idade de entre 200.000 e 300.000 anos”, o que reafirma que o de As Gándarás é un dos enclaves arqueolóxicos máis antigos de Galicia.
Hai que lembrar que este xacemento foi un dos primeiros lugares da época paleolítica escavados en Galicia, tralo seu descubrimento en 1961 e que, logo de varios estudos posteriores, avalados por recentes traballos, confirman a idea de que a primeira presenza humana en Galicia é anterior aos 300.000 anos.
Exposición de restos achados
Asemade,coa conferencia inaugurarase unha pequena exposición, “Os primeiros humanos das Gándaras de Budiño.”, que inclúe unha escolma dás pezas máis significativas entre as recuperadas durante os traballos arqueolóxicos deste ano, “en especial de bifaces, ferramentas líticas empregadas para cortar, relar e furar outros materiais, ademais de lascas, elementos moi característicos daquela época”.
A mostra conta con información sobre a historia dos traballos arqueolóxicos do xacemento, dos aspectos principais do mesmo e da súa importancia no estudo da pegada do home en Galicia.