Unha nova liña subterránea alimentará o polígono industrial de as Gándaras

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo delegado de UFD en Pontevedra, Francisco Ramos, visitou hoxe a subestación de Atios na que a distribuidora eléctrica de Naturgy vén de invertir preto de 350.000 euros para a construción dunha nova liña de de saída de media tensión ata o Polígono Industrial de As Gándaras.

A actuación consiste na construción dunha liña de media tensión subterránea de 1.724 m dende a subestación de Atios ata o polígono industrial de As Gándaras co obxectivo de apoiar o subministro eléctrico na zona. Ademais, tal e como explicaron os técnicos ao rexedor, está proxectada tamén a reforma do centro de seccionamento existente para dotalo de máis celdas telecontroladas para optimizar a fiabilidade do servizo.

“Esta nova liña permitirá potenciar a calidade do subministro eléctrico e aumentar a capacidade da red de distribución nunha zona industrial en crecemento”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Os nosos polígonos industriais son o motor económico do Porriño e de parte da contorna, as melloras na calidade do servizo que se lles preste sempre repercutirán positivamente para todo o municipio”.

Pola súa parte, o delegado de UFD en Pontevedra, Francisco Ramos, explicou que “con estas novas actuacións, reforzase o servizo no Polígono de As Gándaras, que contará cunha nova liña de media tensión de reforzo, asegurando o subministro dunha das zonas industriais máis importantes de Galicia”.

 

 

Cambio de horario no servizo de recollida de papel e cartón comercial

A Concellería de Limpeza, que dirixe José Carlos González, informa dun cambio de horario no servizo de recollida de papel e cartón comercial.

A partir do xoves 1 de decembro, os establecementos que estean adheridos a este servizo gratuíto deberán cambiar o horario no que deixaban os residuos na porta do local, xa que se recollerá ás 14 h dos martes e xoves.

Os comercios que aínda non estean inscritos e desexen utilizar este servizo poden anotarse no 665571555 ou enviando un email a tecnicoporrino@serviciosdosconcellosgalegos.es para poder engadilos á ruta de recollida.

Teléfono de recollida de entullos: 665 571 555

Dende a concellería de Limpeza recordan que depositar entullos na vía pública está prohibido e é obxecto de sanción.

O Concello do Porriño dispón dun servizo de recollida de voluminosos que require de cita previa.  Todos aqueles que queiran desfacerse de voluminosos deberán chamar ao 655 571 555 e o servizo de limpeza municipal indicaralles onde e cando deben depositar estes enseres.

Tamén poden acudir directamente ao Punto Limpo, sito no Polígono A Granxa (Rúa Cíes 187) de luns a venres en horario de 10 a 14 h (os luns tamén de 16 a 20h).  

O Porriño acolle este sábado o V Trofeo de Ciclocrós Avanza Concello do Porriño

Porriño volverá ser epicentro do ciclocrós galego esta fin de semana da man da Asociación Deportiva Avanza. O campo de fútbol de Chenlo acollerá a quinta edición do Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño, organizado polo club porriñés e o Concello do Porriño como principal patrocinador.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, presentaron esta mañá o evento deportivo acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o secretario e a tesoureira da entidade, Jesús Ángel Mira e Lourdes Figueroa, e o seleccionador, José Alberto del Río, representando á Federación Galega de Ciclismo, presentaron esta mañá o evento deportivo.

As carreiras comezarán ás 13 h coa proba de promoción, non competitiva, na que participarán ciclistas de 12 a 13 anos.

De seguido rodarán as 15 categorías ao longo dunha xornada na que concurrirán figuras locais do ciclismo, como Uxía Soto, Aroa Otero, Laura Mira e Marta Estévez, da canteira do Avanza e actualmente no GD Supermercados Froiz, o líder da Copa Junior, André Martínez, e outras referentes do ciclocrós galego como Irene Trabazo ou Lorena Patiño, do XSM Marín.

Este ano estrénase ubicación. Como xa dixemos o escenario será o campo de fútbol de Chenlo e a súa contorna, onde se habilitará un circuito de 2,9 km. A proba é a sétima puntuable para a Copa de Galicia.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer á AD Avanza “o moito que fan polo deporte no Porriño, tanto na súa escola de ciclismo como impulsando no noso pobo eventos deportivos de gran nivel como este que estou seguro será un gran espectáculo para participantes e espectadores”. O rexedor salientou que o club porriñés “está crecendo como club e moitos nenos e nenas do Porriño crecen como deportistas con el, por iso contarán sempre co noso respaldo”. 

Buscamos o mellor escaparate de Nadal do Porriño

O Concello do Porriño, a través da concellería de Comercio que dirixe Antía Carrera, convoca o seu primeiro concurso de escaparates de Nadal dirixido ao comercio e hostelería local.

“Somos conscientes do emotivas que son estas datas, e queremos poñer en valor o traballo e o esforzo dos comerciantes e hostaleiros e importancia da súa presencia no día a día da veciñanza”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Especialmente este ano, que está a ser moi duro para estes sectores e por iso debemos motivalos con iniciativas que dalgunha forma contribúan a compensar todo ese traballo”.

No certame poderán participar todos os establecementos comerciais e de hostalería do Porriño que deseñen os seus escaparates ou fachadas entorno á temática do Nadal.

O prazo de inscrición será do 21 de novembro ao 2 de decembro e haberá tres premios e seis mencións especiais. O primeiro premio terá unha contía de 1200 euros, o segundo de 800 euros e o terceiro de 500 euros. As seis mencións especiais que outorgará o xurado estarán dotadas con 250 euros cada unha.

A veciñanza xogará un papel esencial neste concurso, xa que ademais do xurado que valorará os deseños(formado por representantes do Concello, comerciantes, asociacións e entidades) os veciños e veciñas poderán votar tamén a través das redes sociais do Concello, onde se expoñerán todos os participantes.

“Animámosvos a todos a participar desta iniciativa, tanto aos comerciantes e hostaleiros como aos veciños que decidan quen debe gañar”, concluíu a concelleira, Antía Carrera, “Entre todos podemos potenciar a actividade comercial este Nadal no Porriño”.

BASES DO CONCURSO: https://oporrino.org/documentos/bases-i-concurso-de-escaparates-de-nadal/

Comeza a segunda edición do curso de dixitalización para mulleres”Galegas Dixitais”

Tras o éxito obtido na primeira quenda do programa formativo “Galegas Dixitais”, financiado polos Fondos Europeos Next Generation EU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional, que se desenvolveu no Porriño e a gran demanda que tivo, ponse en marcha unha segudna edición.

Desenvolverase do 17 de novembro ao 2 de xaneiro en horario de tarde (16h – 21h) nas instalacións do multiusos de Torneiros.

O programa, está organizado por Ara Formación e Beprojetct Consultores , e ten como principal obxectivo mellorar as capacidades dixitais de mulleres, favorecer a súa empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero. Está financiado polos Fondos europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil, co que poderán poñer en práctica todo o aprendido

Está previsto realizar unha terceira edición de “Galegas Dixitais” nas mesmas instalacións, polo que as interesadas en participar poden inscribirse enviando un correo electrónico a: orientacion@oporrino.org ou orientacion@porremprego.org; ou presencialmente nas oficinas de Porremprego.

“Esta formación supón unha gran oportunidade para a mellora das competencias dixitais para as mulleres do Porriño, xa que se pretende a alfabetización dixital de todalas persoas en busca activa de emprego, motivar para o emprendemento e acabar coa fenda dixital entre a poboación dos municipios rurais”, concluíu a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.

Axentes da Policía Local do Porriño salvan a vida dunha bebé que non podía respirar

Momentos de tensión os vividos onte na xefatura da Policía Local do Porriño. Eran as 22h os pais dunha pequena de preto de dous anos de idade chegaban con ela en brazos ás dependencias policiais xa que non podía respirar.

Tras constatar que a menor sufría unha insuficiencia respiratoria, comezaron a realizar as manobras básicas de primeiros auxilios conseguindo que reaccionara. Ao non haber unha ambulancia dispoñible neste momento e comprobar que a pequena volvía quedar sen aire, os axentes desprazarona de urxencia xunto aos seus pais ao centro de saúde, mentres un deles continuaba a efectuar as maniobras. De camiño, estas deron resultado e a pequena logrou expulsar as secrecións que lle impedían respirar e abrir a vía aérea, comezando a respirar con normalidade.

En primeira instancia a nena foi atendida no PAC do Centro Médico do Porriño e posteriormente trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro e hoxe xa se atopa no seu domicilio e recuperándose.

Dende a Concellería de Seguridade, que dirixe Abel Estévez, e dende a Alcaldía, agradeceron á Policía Local do municipio o labor realizado, grazas á formación e preparación destes funcionarios e salientaron que o vindeiro ano, realizarán un curso de reciclaxe de primeiros auxilios para todos os funcionarios policiais, a fin de garantizar a capacidade de afrontar situación como as vividas onte e resolvelas satisfactoriamente.

José Luis Baños de Cos recibe o V Premio Vidal Bolaño pola súa obra “Lume”

O IES Ribeira do Louro acolleu onte a entrega do V Premio Vidal Bolaño, que este ano recoñeceu a José Luis Baños de Cos pola súa obra “Lume”, unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.

Acompañando ao gañador estiveron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a secretaria do premio e profesora do instituto porriñés, Raquel Castro, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

Tal e como explicou Raquel Castro o xurado do Premio de Textos teatrais Roberto Vidal Bolaño, destacou da peza “que é unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais, como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todas as personaxes sofren as consecuencias”. Tamén a escrita “cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dalle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social”.

Pola súa banda, Francisco Castro, quixo agradecer ao Concello do Porriño o seu compromiso xa que “son cinco anos xa apostando por este premio que xa podemos dicir que está consolidado” e ao IES Ribeira do Louro “por ser vangarda e referencia do teatro xuvenil en Galicia”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo destacar a importancia “dos valores que trasmite a obra gañadora, Lume, xa que a concienciación social é parte da esencia deste premio, achegando a través do teatro a importancia do respecto aos mozos e mozas”. Lorenzo rematou destacando que “o Premio Vidal Bolaño é xa parte da nosa identidade cultural. Chegou para quedarse situando ao Porriño no centro da dramaturxia xuvenil e por iso dende o Concello o seguiremos respaldando”.

O gañador, José Luis Baños de Cos, explicou a dureza de escribir esta obra “que foi xurdindo pouco a pouco a través da realidade, que moitas veces supera a ficción en dureza. Creo que é necesario falar do acoso, da violencia de xénero… xa que é unha forma tamén de loitar contra elas”.

José Luis Baños de Cos , natural de Jerez de la Frontera, é Licenciado en en Antropoloxía Social e cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra “O faiado”, da compañía O Cubo Teatro, “A espera”, de Titereficcións, e “Suite up”, de Fanfarra Teatro. En 2028 gañou o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle coa obra “O círculo”, e en 2019, A pegada de Microteatro, convocada por ESAD Galicia, con “Cheas de Bestas”. Tamén o XIV Premio Abrente do MIT de Ribadavia con “Asfixia”. En 2020 gañou o III Premio Vidal Bolaño pola súa obra “A cámara escura”.

Bienvenida Lorenzo, a nosa veciña máis lonxeva, cumpre un século de vida

O Porriño celebra o aniversario da súa veciña máis lonxeva, Bienvenida Lorenzo, que cumpre un século de vida. Non todos os días se cumpren 100 anos e tampouco é doado alcanzar esa idade en boas condicións para disfrutar da celebración como hoxe fixo Bienvenida, que rodeada da súa familia recibiu a visita do alcalde, Alejandro Lorenzo , en tan sinalado día. E é que ademais, en casa de Bienvenida hoxe festexábase por partida dobre xa que tamén se celebra o 18 aniversario de Daniel, un dos seus bisnetos, que comparte aniversario don ela.

O rexedor felicitou a ambos e entregou á homenaxeada un simbólico un fermoso ramo de flores en nome de todo o pobo do Porriño, como símbolo do agarimo dos seus veciños e veciñas.

“Faime inmensamente feliz compartir con Bienvenida a felicidade deste momento e máis aínda comprobar o fantástico estado no que se atopa a veciña máis lonxeva do noso pobo”, explicou o alcalde, “Ela é unha testemuña da nosa historia recente e garda valiosos recordos que hoxe tivo o detalle de compartir conmigo. É un enorme luxo que contemos con ela”.

Bienvenida naceu o 13 de novembro de 1922 no municipio veciño de Mos, pero con tan só 18 aniños mudouse ao Porriño onde viviu ata o de agora ao carón do antigo campo da feira. Como destaca a súa familia foi e é unha nai e avoa excepcional, que coidou dos seus catro fillos, catro netos e oito bisnetos.

Recibe más mensajes para Concello do Porriño

Puedes añadir un botón de Messenger a la publicación para que Concello do Porriño reciba más mensajes.

Ver insights y anuncios

Promocionar publicación

127127

11 comentarios

3 veces compartida

Me gusta

Comentar

Compartir

Un veciño mostra o seu agradecemento a dous axentes da policía local por salvarlle a vida

Axentes da Policía do Porriño recibiron hoxe o emocionado agradecemento de Jesús Pérez, un cidadán ao que atenderon o pasado mes de xullo cando sufríu unha parada cardiorrespiratoria na vía pública.

O home, veciño de Atios de 80 anos, e a súa muller, estiveron en contacto dende entón cos axentes que se preocuparon da súa evolución, que está a ser satisfactoria. Hoxe quixeron recibilos na súa casa para agradecerlles en persoa o seu traballo e a atención recibida.

Os feitos tiveron lugar o pasado 19 de xullo na céntrica rúa Ramirás, cando Jesús circulaba no seu vehículo e sufríu un paro cardíaco quedando inconsciente no interior do coche no medio da calzada.

A patrulla, equipada cun equipo DESA desprazouse ao lugar e en tan só dous minutos estaban atendéndoo. Ao chegar e comprobar que non respondía aos estímulos procederon a realizar as manobras de reanimación cardiopulmonar, utilizando o desfibrilador do coche patrulla ata que se estabilizou e foi atendido polos servizos médicos.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañou aos axentes a petición de Jesús que quixo que tamén estivera con eles. Lorenzo salientou o “humano e emocionante deste momento. O que viviron ese día o recordarán sempre todos eles, coa sorte saber que está ben e recuperado, que é o importante”.