O Concello informa dun corte na rede de abastecemento de auga situada nas rúas Tarela, Navuxil, Aloques e Malladoura para realizar a reparación dunha avería. O servizo verase interrompido ata as 11:00 h.
O Concello informa dun corte na rede de abastecemento de auga situada nas rúas Tarela, Navuxil, Aloques e Malladoura para realizar a reparación dunha avería. O servizo verase interrompido ata as 11:00 h.
O Concello do Porriño vén de activar o Bono Enerxético, con axudas económicas directas para paliar as situacións de pobreza enerxética das familias do municipio.
Así o deu a coñecer hoxe o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, que explicou que as persoas beneficiarias do programa recibirán unha axuda directa de 300 euros, que no caso das familias numerosas ascenderá a 450 euros.
“Somos conscientes das dificultades que atravesan moitas familias e o elevado coste do subministro eléctrico resulta en moitos casos inasumible”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Con estas axudas buscamos aliviar a economía das persoas máis vulnerables”.
Poderán solicitala as persoas titulares dun contrato de subministro eléctrico ou enerxético, con vivenda habitual no Porriño, que figuren clasificadas nalgunha das modalidades de bono social eléctrico na data de solicitude.
Tamén outras persoas en situación de pobreza enerxética, como aquelas que non atopándose nalgún dos colectivos anteriores reúnan os requisitos de nivel de renda familiar de bono social eléctrico, pero non o teñan acadado por cuestións non imputables á propia persoa solicitante. Poderán tamén acceder ás axudas persoas que precisen do mantemento do subministro eléctrico para garantir a correcta cobertura de tratamentos médicos.
As axudas poderán solicitarse desde o vindeiro venres 23 de xuño ata o 15 de novembro de 2023 presentando unha solicitude no Rexistro Municipal do Concello do Porriño. Os impresos para solicitalo estarán a disposición da veciñanza nas oficinas do departamento de servizos sociais municipais (3º andar do edificio consistorial).
O programa de Coidados porta a porta, que achega á veciñanza atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria, está de novo no Porriño.
A unidade móbil estará aparcada nas inmediacións do Pavillón Municipal hoxe e o luns para atender aos veciños. Esta é a terceira parada que Coidados porta a porta fai na vila. Nas dúas anteriores, que tiveron lugar nos meses de maior e novembro do ano pasado, recibiron atención máis de 130 maiores do Porriño.
Esta mañá o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá O Porriño e xunto co alcalde, Alejandro Lorenzo, valoraron cos profesionais que atenden no servizo o desenvolvemento do mesmo, e destacou a importancia que ten este programa para achegar servizos sociosanitarios ao carón dos fogares das persoas maiores, vivan onde vivan. Desta maneira evítase que teñan que facer longos desprazamentos para recibir estes coidados e ese lles facilita que poidan seguir vivindo na súa contorna.
Para acceder ás consultas deste programa soamente é necesario solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal
O remeiro porriñés Serxio Martínez Troitiño, que vén de facer dobre podio na 42 Regata Internacional de Gondomar, foi recibido na casa consistorial como mostra do recoñecemento do seu pobo aos seus logros deportivos.
Serxio, que ten de 18 anos, disputou a proba lusa co seu equipo, o Remo do Miño, alzándose co ouro na categoría 4x xuvenil masculino e o bronce na 8+ absoluto masculino. Suma así dous novos recoñecementos ao seu palmarés, que pese a levar pouco tempo, medra de maneira proporcional ao esforzo deste mozo remeiro.
E é que Serxio comezou a practicar remo hai tan só dous anos e o fixo, tal e como el relata, de maneira totalmente casual, cando , cando un compañeiro de traballo do seu pai que practicaba esta modalidade deportiva o convidou a probala e dende entón converteuse na súa paixón.
“Enganchoume totalmente” , explica Serxio, “O remo é un deporte moi completo e esixente, que require un rendemento físico e mental moi alto, algo que me gustou e ademais aquí contamos co Miño, que para adestrar é un luxo, dos mellores”.
É esta entrega a que o leva a compaxinar os seus estudos de 2 de bacharelato no Pino Manso cos seus adestramentos practicamente diarios, pese ao esforzo que iso conleva. Agora está xa coa vista posta nas próximas competicións, o Campionato Galego de Remo Olímpico que se disputará en poucas semanas, e o seu gran obxectivo, o Campionato de España.
O rexedor, Alejandro Lorenzo, felicitouno en nome de todo o pobo do Porriño polos seus logros e animouno a seguir disfrutando do seu deporte “os teus éxitos sentímolos nosos e estou segurísimo que a finais de xuño estaremos aquí recibíndote para darche a noraboa por ese Campionato de España”.
O Centro Cultural Municipal acolleu onte a presentación e coloquio arredor do libro “A nunca vista”, de Ana Abad de Larriva, texto gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, en 2022, publicado pola editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.
Foi un encontro e diálogo aberto entre as persoas asistentes onde se profundizou sobre a obra, que aborda o problema relacionado co peche familiar de persoas con diversidades ou fóra do canon estético social imposto. Unha temática moi conectada coa antropoloxía cultural galega e dun gran poder emocional.
A autora amosouse moi contenta de presentar o libro no Porriño. “Para min é como unha segunda casa”, explicou Ana que dende hai anos coordina o Club de Lectura da Biblioteca, “Aquí presentei o meu primeiro libro, A sombra das árbores, que resultou gañador do Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a editorial Galaxia, e por iso quería tamén presentar aquí esta obra”.
No acto, que presentou o alcalde, Alejandro Lorenzo, interviron tamén Roberto Pascual, director artístico da MIT e dramaturgo, e a porriñesa Irene Moreira, directora escena.
“Ana é unha persoa que vive no teatro e ama profundamente o teatro” destacou Pascual, incidindo en que “o teatro é o grande muro contra o odio, é cohexión e respecto á diversidade e as diferencias”. O director artístico da MIT de Ribadavia tivo tamén palabras para o Premio Vidal Bolaño. “Tedes no Porriño un certame teatral único en Galicia, adicado a un público que moitas veces está na marxe, a mocidade”, explicou.
Pola súa banda, Irene Moreira centrou a súa intervención na obra mesma e deu paso ao coloquio, explicando que “A Nunca vista está centrada nun feito real que non queremos ver moitas veces, pero seguro se da no noso entorno” e incidindo no necesario de abordar estas cuestións. Ademais, adiantou que están a plantexar xa a posta en escena do texto.
O rexedor, que tamén participou do coloquio, agradeceu a Ana que “elexira O Porriño para presentar tamén a súa obra, xa que é unha persoa moi apreciada na vila polo seu traballo de coordinadora do club de lectura, unha actividade de promoción da lectura que pensó que é das máis atractivas e demandadas. E iso é grazas a Ana, porque cando alguén ama e sinte de verdade algo ten unha inmensa capacidade para trasmitilo aos demais”.
Sobre a autora
Ana Abad de Larriva é escritora e actriz, ademais de exercer nos últimos anos como coordinadora do club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño. Cultiva diferentes xéneros literarios e dedícase especialmente á dramaturxia e á poesía, ademais de crear as súas propias pezas escénicas. Ademais do Premio Abrente por “A nunca vista”, obtivo outros recoñecementos, como o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, ,convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, por “A sombra das árbores”, en 2019; o Premio de Microteatro da Memoria, da Deputación de Pontevedra e a ESAD de Galicia, por “Un biolo na noite”, en 2021; ou a bolsa de dramaturxia do Centro Dramático Galego por “Bailar no ceo”, en 2022.
O Porriño xa está preparado para celebrar a noite de San Xoán. O alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de emitir un bando municipal regulando as normas para a realización das tradicionais cacharelas e sardiñadas en espazos públicos.
En primeiro lugar, deberán realizarse en lugares despexados que disten un mínimo de 15 m ás edificacións e árbores. Ademais, o diámetro máximo da zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros.
En segundo lugar, os asistentes non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira.
Os materiais a empregar serán leñas, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira, xa que está prohibida a queima de neumáticos, plásticos e aceites, entre outros, en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. Tamén quedan prohibidas as cacharelas baixo tendidos eléctricos, telefónicos, etc…
A fogueira deberá permanecer vixiada polos solicitantes ata a súa completa extinción.
As solicitudes para autorizar as cacharelas deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica antes das 23 h do día 16 de xuño.
Hoxe inaugurouse en Santiago de Compostela a exposición “Fai que suba a marea. Doa”, un traballo levado a cabo polo alumnado do IES Ribeira do Louro dentro do programa “Salvavidas” da Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e que poderá visitarse na planta baixa das dependencias dos edificios administrativos de San Lázaro.
Este acto tivo lugar dentro dos actos de conmemoración do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos. Así, este proxecto multidisciplinar, desenvolvido polos alumnos e alumnas do IES porriñés e coordinado pola docente María José Iglesias, é unha actividade do programa “Salvavidas”, inserido no Plan Proxecta, que posibilita que entidades alleas ao sistema educativo, neste caso a Coordinación Autonómica de Transplantes ADOS, desenvolvan proxectos de diversa índole como sucede coa sensibilización a prol da doazón e transplante de órganos.
A exposición “Fai que suba a marea” recolle esculturas de escaiola de mans que amosan a súa disposición á doazón de órganos e tecidos, conformando unha marea como representación deste acto solidario. Entre as mans realizadas, podemos atopar as do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como dos conselleiros de Sanidade e Educación, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, unha doante viva, Eva González, receptores de órganos como César Núñez o Abraham Vicente, o xerente do Sergas, e membros de asociacións de doantes, coordinadores hospitalarios de transplante, entre outros.
A presentación foi levada a cabo polos estudantes e contu coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, o director Xeral de Xustiza, José Tronchoni, o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura e Eduación, Jesús Álvarez. Así, ademais da faceta artística, a presentación completouse cunha breve intervención musical e a lectura dunha poesía de Raquel Castro, resultando especialmente salientable o compromiso solidario amosado polas alumnas e alumnos que participaron.
O Centro Cultural Municipal acolle mañá mércores, ás 19 h, a presentación e coloquio arredor do libro A nunca vista, de Ana Abad de Larriva, texto gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, en 2022, publicado pola editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.
No evento intervirán Roberto Pascual, director artístico da MIT e dramaturgo, e Irene Moreira, directora escena, xunto coa autora; nun encontro e diálogo aberto coas persoas asistentes.
Ana Abad de Larriva é escritora e actriz, ademais de exercer nos últimos anos como coordinadora do club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño. Cultiva diferentes xéneros literarios e dedícase especialmente á dramaturxia e á poesía, ademais de crear as súas propias pezas escénicas. Ademais do Premio Abrente por A nunca vista, obtivo outros recoñecementos, como o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, ,convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, por A sombra das árbores, en 2019; o Premio de Microteatro da Memoria, da Deputación de Pontevedra e a ESAD de Galicia, por Un biolo na noite, en 2021; ou a bolsa de dramaturxia do Centro Dramático Galego por Bailar no ceo, en 2022.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o presidente da Asociación de Veciños de San Xurxo de Mosende, Ángel Lago, asinaron esta semana o convenio de doazón de terreos entre ambas entidades para a execución de obras de ampliación do Cento Cultural de Mosende e o acondicionamento da súa contorna.
En virtude do mesmo, o Concello comprométese á executar nun prazo de catro anos as obras que consistirán na construción dunha sala multiusos de aproximadamente 320 m2 destinados a sala de concertos ou celebración de eventos, un almacén para material de ensaio, para uso e disfrute da veciñanza da parroquia, así como o acondicionamento da súa contorna mediante a construción dun parque infantil e un aparcamento.
“As instalacións das que dispoñen na actualidade en Mosende son insuficientes para as necesidades que presenta a parroquia”, salientou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Coa ampliación do centro cultural atendemos unha antiga e xustificada demanda da veciñanza, proporcionando un espazo acaído para o desenvolvemento das actividades culturais e veciñais da parroquia, ademais de acondicionar a contorna para uso e disfrute de todas e todos”.
Lorenzo agradeceu a disposición da asociación de veciños a axilizar os trámites precisos para levar a cabo este proxecto e a doazón destes terreos da súa titularidade polo interese da veciñanza da parroquia.