O Porriño licita o desbroce e limpeza das parroquias

O Concello do Porriño vén de sacar a licitación o contrato de desbroces, limpeza e reperfilado de beiravías de todas as parroquias do municipio. Este servizo víñase prestando con contratacións puntuais que non permitían a correcta prestación do servizo e, durante anos se fixo sen contrato nin fiscalización algunha, o que foi obxecto de apertura de causa xudicial que a día de hoxe permanece en fase de instrucción. 

Ata este momento, tan só o centro urbano e os polígonos residenciais de Torneiros tiñan o servizo contratado, polo que no resto do termo municipal era imposible manter as zonas rurais en bo estado. 

O contrato dará cobertura á roza e limpeza de maleza en camiños municipais, corte de todo tipo de vexetación, poda de árbores ata unha altura máxima de 3 metros e limpeza de caños, arquetas etc, entre outros. 

A duración do servizo a licitar é de 2 anos, prorrogable 2 máis, e conta cun orzamento total para os 4 nos de 1.335.446 euros.

“Ata o de agora este servizo non estaba a prestarse correctamente”, explico o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ao non estar regularizado ou se contrataba a maiores ou se executaba con persoal municipal, algo que resulta insuficiente dada a extensión rural do Porriño e a necesidade de limpar de maneira continuada para manter estas zonas en boas condicións”. O rexedor concluíu afirmando que “a regularización de toda a contratación do Concello é un traballo complexo e duro, pero tal e como defendín sempre, é esencial para poder prestar ben os servizos aos que a cidadanía ten dereito e tamén para garantizar a correcta utilización dos fondos públicos”. 

The Game Tatoo & Piercing, Supersugar e O-Exo Floristería, gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal

O primeiro Concurso de Escaparates de Nadal organizado polo Concello do Porriño xa ten gañadores.
 
`The Game Tatoo & Piercing´ (Rúa Manuel Rodríguez, 9) e a súa factoría de xoguetes fíxose co primeiro premio. O segundo foi para a casiña de doces de `SuperSugar´ (Praza de Abastos, Planta 1) e o terceiro para a montaxe de `O-Exo Floristería´ (Rúa Manuel Rodríguez, 40. Baixo).
 
A suma do voto popular e xurado otorgou tamén seis mencións especiais a `Lolyana´ (Rúa Ramiranes, 4, baixo), `Obradoiro Kreativo´ (Rúa O Pinar, 4), `Dándara´ (Rúa Ramón González, 13), `Tía Tata´ (Rúa Ramón González, 33), `Origen Café´ (Praza Antonio Palacios, 5) e `Peluquería Susy 2´ (Rúa Manuel Rodríguez, 62).
A votación popular levou o peso do concurso e o xurado, formado por representantes do tecido asociativo do municipio, outorgou a súa puntuación (sobre 100) valorando a composición e deseño, calidade, iluminación, creatividade e orixinalidade, exposición dos produtos e integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A suma de ambas determinou aos gañadores.
 
O primeiro premio estaba dotado de 1.200 euros, o segundo de 800 euros e o terceiro de 500 euros. Cada unha das mencións especiais premiouse con 250 euros.

Preto de mil rondalleiros poñen o broche de ouro ao Nadal porriñés

O Porriño puxo onte o broche final aos festexos do Nadal 22-23 ao son das rondallas. Preto de mil rondalleiros e rondalleiras de dez agrupacións do Porriño, Mos, Tui, Nigrán e Gondomar puxeron en pé ao público que ateigou o pavillón municipal, que colgou o cartel de aforo completo.
 
Participaron a Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Rondalla Nosa Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán), a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Herville (Mos), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui) e as anfitrionas, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas.
 
O certame foi retransmitido en directo a través das redes sociais do Concello do Porriño, onde contou cun nutrido número de espectadores virtuais, alcanzándose as 5.000 visualizacións.
 
Ante a gran afluencia coa que conta este evento, para que todo se desenvolvera sen incidencias habilitouse o pavillón 2 do polideportivo municipal para que os rondalleiros e rondalleiras que participaban puideran seguir dende alí o certame a través de dúas pantallas con emisión en directo mentres tomaban un chocolate quentiño.

O Encontro de Rondallas do Porriño reunirá a 10 agrupacións o vindeiro domingo

As rondallas volven ser as protagonistas do Nadal porriñés. O vindeiro domingo 8 de xaneiro a vila do Louro acollerá o tradicional Encontro de Rondallas do Porriño, no que se darán cita dez agrupacións.

Participarán a Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Rondalla Nosa Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán), a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Herville (Mos), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui) e as anfitrionas, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios  e a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas.

Será como cada ano no Pavillón Municipal e, no caso de que a choiva non o impida, estará precedido dun pasarrúas no que participarán todas as rondallas e que dará comezo ás 17 h. 

A entrada é libre e de balde ata completar aforo.  As portas do municipal abriranse ás 17:15 h. 

45 porriñesas formáronse xa no programa Galegas Dixitais

45 porriñesas participaron xa no programa de formación para a dixitalización das mulleres “Galegas Dixitais”. A segunda quenda desta acción formativa, que se iniciara o pasado mes de novembro,  finalizou esta semana e, tras o éxito obtido e a gran demanda, porase en marcha unha terceira edición para que as interesadas en participar que aínda non puideron facelo non perdan esta oportunidade.

Dará comezo a finais do presente mes de xaneiro ou principios de febreiro e poderán participar todas aquelas mulleres interesadas que se atopen en situación de desemprego ou que teñan solicitada a mellora de emprego, co fin de aumentar as súas capacidades e incrementar a empregabilidade.

Como nas pasadas edicións, todas as participantes recibirán gratis un ordenador portátil co que realizar o curso e tamén poñer en práctica o que aprenderon unha vez finalizado.

Lembramos que o programa formativo contempla tres bloques, de 40 horas de duración cada un deles: Competencias Dixitais Básicas, Competencias Dixitais Avanzadas e Competencias Dixitais para o Emprendemento. As interesadas poden inscribirse xa enviando un email a orientacion@porremprego.org ou orientacion@oporrino.org, tamén presencialmente nas oficinas de Porremprego ou chamando ao teléfono 604 039 575

A Cabalgata dos Reis Magos encherá de maxia O Porriño o 5 de xaneiro

O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao Porriño en camello o día 5 de xaneiro. Irán acompañados dun enorme séquito formado polos seus paxes reais, a rondalla de Atios, a rondalla de Pontellas, o Tren do Nadal,  os seus amigos da Patrulla Canina e moitos persoaxes que farán as delicias dos máis pequenos e pequenas na noite máis máxica do ano.

Os Reis sairán nas súas carrozas cara o centro ás 18 h da rúa Doantes de Sangue. Percorrerán Antonio Palacios, continuarán por Domingo Bueno, Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González ata chegar á praza Arquitecto Antonio Palacios.  As súas Maxestades repartirán 1000 kg de caramelos sen glute para os nenos e nenas.

Unha vez alí, subirán á Casa Consistorial onde recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus desexos, collerán as súas cartas e conversarán con eles antes da máxica visita que lles farán pola noite.

Recomendacións de seguridade

  1. Non utilizar o paraugas para recoller os caramelos. O seu mal uso pode ser perigoso.
  2. Non baixen das beirarrúas nin salten os valados de seguridade. Manterse a unha distancia prudencial das carrozas é sempre unha boa opción.
  3. Lembren que unha carroza parada pode poñerse en marcha en calquera momento, así que é mellor non deixar que as crianzas se acheguen a elas.
  4. É importante colocar ás crianzas en lugares seguros e a unha distancia prudente das carrozas.
  5. Non distraer aos conductores que levan os vehículos da Cabalgata.
  6. Non perder de vista ás crianzas. Pode soar obvio pero telos localizados en todo momento evitará algún que outro susto.
  7. É recomendable que as crianzas leven anotado nunha pulseira ou tarxeta o seu nome e un teléfono de contacto por sí se perden.
  8. Explicar aos nenos e nenas que deben facer no case de perderse: dirixirse a un axente da Policía Local ou a un voluntario de Protección Civil.

Entregados os premios do II Concurso de Postais de Nadal

O Centro Cultural acolleu onte o acto de entrega dos premios aos/as gañadores/as do II Concurso de Postais de Nadal convocado pola concellería de Educación e Normalización Lingüística. Os premiados en cada categoría foron:

1. O 1º premio foi para Uxía Rodríguez Mouriño, o 2º para Uxía Pérez Alonso e o 3º para Alba Saavedra Ferreira.

2. O 1º premio foi para Eva Vila Comesaña, o 2º para Aldara Pereira e o 3º para Roberto. Accesit para Manuel

3. Os premiados foron Alberto Francisco Machado e Noemi Martíns de Jesús

Os premios están basados en lotes de material escolar.

Parabéns!!

365 días traballando por unha igualdade real e efectiva

A concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, vén de facer balance do camiño percorrido no último ano.

“Dende o inicio entendemos que esta era unha área á que non se lle estaba a dar a importancia que ten e apostamos pola introdución transversal da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais”,  explicou a concelleira, Carolina González,  “En definitiva, estamos  a facer da igualdade o eixo vertebrador da nosa liña de goberno para dar pasos reais e efectivos”.  

“Non imos limitarnos a reivindicar ou conmemorar dous días ao ano”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Plantexamos un plan de intervención e traballo anual e continuo xa que a igualdade e os dereitos das mulleres deféndense todos os días”.

Para facelo posible, o novo executivo duplicou a inversión nesta área destinando máis de 40.000 euros.

A conciliación e corresponsabilidade, a atención especializada e eficaz ás mulleres vítimas da violencia de xénero, a concienciación e sobre todo, a educación, marcaron a folla de ruta en materia de igualdade.

No tocante á conciliación e corresponsabilidade, reactiváronse os campamentos en períodos non lectivos co fin de fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar nos que participaron preto de 400 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos de idade.  Desenvolveuse o campamento de semana santa, o de verán e o de Nadal, púxose en marcha por primeira vez o servizo de ludoteca durante os meses de outubro e novembro e nestas vacacións de Nadal estase a desenvolver os talleres de fomento da corresponsabilidade dirixidos á infancia e á adolescencia. “Estas actividades dan resposta á demanda das familias de contar cun recurso de conciliación durante as vacacións escolares e incluso como actividade extraescolar”, apuntou a concelleira.

Pero xunto con estas, celebráronse outras dirixidas directamente ao alumnado adolescente, como o Escape Room que se celebrou nos institutos con motivo do 8M. Tamén se deu voz á toda a cidadanía para que aportaran as súas achegas e opinións coa iniciativa “Voces na rúa” que acadou unha gran participación de mulleres, homes nenas/os e adolescentes.

 

A atención especializada, eficaz e inmediata ás mulleres foi e segue ser un obxectivo da Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, para o cal se impulsou a participación do persoal técnico encargado desa atencion en accións formativas ao longo do 2022 , para a súa reciclaxe e mellora nas intervencións para con elas. Destacar que o número de atencións neste senso aumentou considerablemente.

 

Este ano ademais coa participación do departamento da Policía Local e de igualdade, ubicouse en lugar extratéxicos durante as festas locais ,o 8 M e o 25 N , un  Punto violeta para informar e no seu caso, intervir recurrindo ao persoal técnico e profesional axeitado para dar unha resposta rápida e axeitada ante unha agresión.

 

Como non podía ser doutra forma, en días sinalados como son o 8M e o 25M, impulsáronse programacións específicas para seguir apostando pola concienciación e visibilización desta realidade.

 

 

O Pre-Fin de ano trasládase á rúa Domingo Bueno, onde se instalará unha gran carpa para festexar pese á choiva

Ante as previsións meteorolóxicas para o vindeiro venres 30 a celebración do Pre Fin de Ano no Porriño trasládase á rúa Domingo Bueno. Alí, instalarase unha gran carpa de preto de 1.000 m2 que acollerá todas as actividades da programación.

Como estaba previsto a festa dará comezo ás 11:30 h da mañá cos pequenos e pequenas como protagonistas xa que terán o seu Pre Fin de Ano Infantil con actividades e animación a cargo das As Maimiñas, unha sesión DJ Mini e concurso de atuendo polo que é importante que veñan ben elegantes para participar. Por suposto, as doce badaladas soarán para despedir o ano a cargo do grupo porriñés King Kids, que farán unha previa do concerto que ofrecerán pola tarde. Haberá cotillón especial para todos!.

Arredor das 19 h dará comezo o concerto dos  King Kids e de seguido comezará a soar baixo a carpa a música das rondallas de Atios e Pontellas. Pero a festa non para e de seguido comezará a soar a música da orquestra La Fórmula que, xunto a actriz Rebeca Stones e ao reputado dj Michael Chenlo, que actuará despois, serán os encargados de de dar as badaladas coas que diremos adeus ao 2022 e recibiremos o novo ano. Por suposto haberá uvas e cotillón para facelo por todo o alto.

O Porriño contratará a 21 persoas para reforzar os servizos municipais

O Concello do Porriño abre o proceso de selección para a contratación de 21 persoas desempregadas que desenvolverán funcións en diferentes servizos municipais.

Serán concretamente 1 oficial de carpintería, un de soldadura, un de albanelería, un tractorista-condutor con guindastre e dous peóns de obra pública para o Departamento de Obras;  8 peóns forestais para o Departamento de Parques, xardíns e limpeza; 1 auxiliar de enfermería para a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e 6 conserxes para diferentes departamentos municipais.

Estas contratacións efectuaranse con cargo ao Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra e o Concello do Porriño fará unha aportación de preto de 50.000 euros.

“Para nós é unha prioridade contar con persoal para poder prestar os servizos públicos aos que á cidadanía ten dereito e neste momento os nosos medios son insuficientes. Por iso estas contratacións non só servirán para incorporar ao mundo laboral a 21 persoas que se atopan en situación de desemprego, senón que permitirá ao Concello atender ás necesidades da veciñanza como corresponde”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Hai que destacar que as persoas que se van contratar terán que estar inscritas no Servizo Público de Emprego que será o encargado de facer a preselección, por iso é importante que todas as persoas interesadas se inscriban nos seguintes códigos de ocupación  para cando se presenten as correspondentes ofertas de emprego:

  • 1 Oficial 1ª de carpintería: 71311049
  • 1 Oficial 1ª soldador: 73211020
  • 1 Oficial 1ª de albanelería: 71211015
  • 1 Oficial 1ª tractorista-condutor con grúa e outros servizos: 83221013
  • 2 Peóns de obra pública: 96011029
  • 9 Peóns forestais: 95431028
  • 1 Auxiliar de enfermería: 56111013
  • 6 Conserxes: 58331022