O Concello do Porriño vén de licitar a renovación do seu parque móbil mediante o sistema de renting empregando criterios de eficiencia enerxética, incorporando dous vehículos eléctricos, e de aforro do gasto público, reducindo o gasto en catro anos en máis de 216.000 euros pese a que o prezo de mercado presenta un considerable incremento.
Como vén defendendo Lorenzo dende que foi investido alcalde “hai que facer un uso responsable dos recursos públicos e axustar o gasto”. De aí que foran devoltos varios vehículos recollidos na anterior licitación e substituídos por coches utilitarios, mantendo o mesmo criterio nesta contratación.
Cabe destacar que os vehículos que conformaban o parque móbil foron vendidos no ano 2020 cando se fixo o primeiro contrato de renting, polo que neste momento non se dispón de coches en propiedade. “A intención deste goberno é ir adquirindo vehículos para consolidar o parque municipal e reducir deste modo e paulatinamente os que se dispoñen a través do sistema de renting”, explicou o rexedor, “Deste xeito resulta viable”.
O contrato ten unha duración de un ano prorrogable en un ano -sendo posibles ata tres prórrogas- e un orzamento anual de 102.656,4 euros, o que supón un aforro do 35% respecto do anterior. Así, o precio por vehículo na licitación do 2019 oscilaba entre os 350 e os 850 euros, e na presente acótase de 300 a 350 euros, excepto en tres furgonetas de 390 euros.
A presente licitación inclúe a dotación de 18 furgonetas e 4 vehículos que se destinarán aos diferentes departamentos municipais. Serán concretamente 7 furgonetas pechadas diesel de dúas prazas e cilindrada de 1450 cc ou superior para as áreas de Vías e Obras, Parques e xardíns e Deportes; 8 furgonetas combi diesel de cinco prazas e cilindrada 1.450 cc ou superior para as áreas de Vías e Obras, Parques e Xardíns, Urbanismo, Notificador e Deportes; 2 vehículos de catro prazas mínimo motor mínimo 1200 e Etiqueta CERO para Servizos Sociais e Notificador e 2 coches de 5 prazas motor mínimo 1300 e Etiqueta ECO para Servizos Xerais.
Cabe destacar, que o lote que inclúe as 8 furgonetas combi quedou deserto na licitación pese a contemplar vehículos de segunda man, polo que se sacará de novo a licitación ampliando a marxe de quilometraxe.
Este sábado 14 de outubro continúa a actividade de restauración ambiental no río Couso. Será a segunda das tres xornadas organizadas por Verdegaia en colaboración coa Oficina de Voluntariado do Concello do Porriño.
Tal e como relatan dende a asociación ecoloxista, a primeira intervención foi un éxito de participación e de traballo. Nun ambiente de inmellorable convivencia e coa participación de algúns cativos, os 13 participantes puideron retirar unha grande cantidade de lixo na que sorprendeu a cantidade de zapatos e incluso un parabrisas. Tamén comezaron coa eliminación de especies invasoras como o bambú e a tintureira, algo que permitirá á vexetación autóctona desenvolverse correctamente.
Aínda queda moito lixo e moitas invasoras para retirar ata conseguir restaurar o río Couso, polo que vos animamos a que vos sumedes este sábado na segunda xornada.
Programación
A actividade de limpeza e eliminación de especias invasoras no río couso consta de tres xornadas, todas elas en horario de 11 a 13 h, os sábados 30 de setembro, 14 de outubro e 28 de outubro. Nelas, despois dunha breve charla explicando os obxectivos da actividade, repartiranse luvas e ferramentas entre os participantes. Non é imprescindible pero se podedes levade botas de auga.
A participación é gratuíta pero é necesaria a inscrición previa en vigo@verdegaia.org ou no 691657039.
O punto de encontro será na rúa Leandro Diz, 5 (ao lado do paso inferior da vía do tren).
O Círculo Recreativo Cultural acollerá mañá o XIX Concerto de Corais organizado pola Coral Polifónica San Blas de Budiño en colaboración co Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra.
Ademais da coral anfitriona, no certame participarán a Coral GLI Amici Appassionati, de Vigo, e a agrupación de San Blas Abesbatza, de Burlada, Navarra.
A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.
Coral GLI Amici Appassionati
Este coro xurdiu despois de formar o coro de nenos I Bimbi Appassionati co lema de “Coro de pais e amigos de Appassionati”. Así comezou a súa andaina ata adquirir a calidade que hoxe mostran. As seus principais características son o seu esforzo e bo humor, sempre contaxiosos.
Realizaron o seu primeiro concerto o 30 novembro 2019, na Concatedral de Vigo, arroupados e apadriñados por Gli Appassionati. A partir de entón son moitas e moi variadas as actuacións realizadas. Contan mesmo con algunhas actuacións fóra de Galicia, en lugares como na cidade de Málaga ou Nerja.
San Blas Abesbatza
Nace en 1984 na parroquia do mesmo nome. Colabora nas actividades que levan a cabo tanto na parroquia como en Burlada. As súas actuacións esténdense por toda Euskal Herria, Cantabria, A Rioxa, Aragón etc.
Participou en importantes concertos, por exemplo a Semana Musical Hilarión Eslava de Burlada, no Advento Musical de Viena…etc.
Coral Polifónica San Blas de Budiño
Fundouse no 2004 por un grupo de amigos que sen ter coñecementos de música ou solfeo conseguiron formar unha coral cuxa especialidade naquel entón era cantar misas en latín, posteriormente tamén en galego.
Actuando en misas solemnes e outros actos relixiosos, en distintos lugares da provincia de Pontevedra. Participación en diversos encontros de corais organizados pola Deputación provincial en distintos lugares da provincia, sen esquecer outras actuacións na Coruña. E dentro do ámbito Nacional, asistiu a encontros de corais en Asturias en varias ocasións, en Biscaia e en Sevilla.
Participou no festival Coralba, “Espertar cantando”, en Collado Villalba, Madrid, no verán do presente ano. No mesmo verán, gran concerto realizado, coa colaboración do Concello do Porriño e como primeira experiencia conxuntamente, coa Banda de Música de Alcalá de Guadaira, Sevilla, en Salceda de Caselas e no Porriño, estreando obras de zarzuela e unha obra clásica como Nabucco.
O seu repertorio comprenden cancións de estilos diversos. Está composto por 47 membros e a súa directora e Marisa González Monroy.
A Escola Municipal de Música iniciará o curso 23-24 nas que sempre foron as súas instalacións no centro cívico, na Avenida Domingo Bueno. Así o demandaba a comunidade educativa da Escola dende que, hai tres anos, se reubicou nas aulas do multiusos de Torneiros.
“O multiusos non é un lugar apropiado para a Escola de Música xa que non ofrece as características necesarias para impartir formación musical, non está acondicionado e no inverno as condicións non son boas e ademais, impide que se destine ao seu uso que son os cursos de formación. Por iso urxe que volva ás súas instalacións”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
A tal fin, o Concello do Porriño abrirá unha nova aula de estudio na rúa Antonio Palacios que permitirá desaloxar as instalacións que agora ocupa no centro cívico e devolver a escola á súa ubicación orixinal.
Abrirá as súas portas este mes, unha vez adxudicada a xestión da mesma, así como o mantemento da banda de música e do coro, que se atopa na última fase de licitación.
A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é ampla, incluíndo música e movemento para nenas e nenos dende os 4 anos, linguaxe musical para todas as idades e as especialidades de violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, oboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional.
Tamén conta con agrupacións como a coral infantil, a coral polifónica, o grupo de música tradicional, a orquestra de corda e a banda.
A Rede EcoComedores de Eu Rural desembarcou no Porriño para dar a probar os seus menús saudables á rapazada porriñesa. A presidenta de Eu Rural, Sandra González; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e as concelleiras de Educación e Turismo, Carolina González e Vanessa Ucha, visitaron o comedor do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, no que durante toda a semana pasada cativos e cativas degustaron un menú especialmente deseñado ao abeiro do proxecto con produto local, de tempada e ecolóxico.
Durante unha semana, os máis de 330 rapaces e rapazas que acoden ao comedor escolar deste centro educativo porriñés puideron probar un menú elaborado con produtos servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, o luns comezaban cunha ensalada de tomate e revolto de ovo con espinacas; o martes degustaron arroz 3 delicias e polo guisado con verduras; o mércores foi a quenda de ensalada de garavanzos e fideuá de verduras; o xoves houbo ensalada de pasta de entrante e pescada en salsa verde de prato; e o venres rematou con brócoli gratinado con patacas guisadas con tenreira. De sobremesa houbo todos os días froita de tempada, agás o xoves que foi acompañada de requeixo ou queixo fresco.
Durante a visita, Sandra González destacou “a importancia de proporcionar unha alimentación equilibrada aos nosos nenos e nenas dende unha idade temperá, porque ensinarlles a comer ben dende pequenos e pequenas, inculcando hábitos alimenticios sans beneficiará a súa saúde ao longo de toda a súa vida. Cremos que este proxecto contribuirá de xeito significativo ao benestar da nosa rapazada e á promoción dos e das empresas produtoras locais”.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, amosou o orgullo do Concello por colaborar estreitamente no proxecto Rede EcoComedores. “Queremos mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas en todos os aspectos e a alimentación saudable é un piar fundamental deste compromiso. Traballar da man cos centros escolares e apoiar iniciativas que promoven unha dieta equilibrada e o consumo de produtos locais e de tempada é esencial para construír un futuro máis sostible”, recalcou o rexedor.
Todos os produtos empregados para a elaboración dos menús están a ser servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, por exemplo, o pan é do Porriño; a carne do Suído de Fornelos de Montes dun gandeiro con carnicería propia; o pito ecolóxico e o queixo de Redondela; os cereais integrais, o arroz e as legumes da Guarda; a horta e a froita do Rosal e o peixe de Mos.
A Rede EcoComedores é un proxecto de cooperación que busca tecer unha rede para asesorar, promover e formar ao persoal de cociña e responsables dos comedores escolares na elaboración de menús equilibrados e saudables que inclúan produto local, de tempada e ecolóxico. Coordinado polo grupo de desenvolvemento local Mariñas-Betanzos, nesta iniciativa participan Eu Rural e outros oito GDR: Seitura 22, Asociación Ulla-Tambre-Mandeo, Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Terras de Lugo, Asociación Montes e Vales Orientais, GDR Limia-Arnoia e Asociación Condado-Paradanta. Conta tamén coa participación de Gadisa e a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) como entidades colaboradoras,
O proxecto está cofinanciado nun 90% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, en un 10% polas entidades colaboradoras do proxecto.
A mellora da calidade dos espazos públicos vai estendéndose no Porriño. Con varios proxectos de humanización en execución no centro urbano, como o do parque do Campo da Feira ou as rúas Buenos Aires e Progreso, o Concello do Porriño anunciou hoxe a mellora da impermeabilización e renovación da praza pública interior da urbanización Sol.
“Falamos dunha actuación moi necesaria e urxente coa que queremos emendar os problemas de impermeabilización desta praza que están a causar importantes filtracións aos garaxes inferiores”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
O rexedor engadiu que ademais “acondicionarase totalmente este concorrido espazo cun novo deseño actualizado que se axuste ás necesidades que presenta, incluíndo zonas axardinadas e arboradas, mellorando as zonas de xogo infantil e renovando toda a iluminación, pavimento e mobiliario urbano. En definitiva facer desta praza un espazo máis amable e inclusivo”.
E é que estamos ante un dos parques máis concorridos do municipio ao situarse nunha das zonas máis habitadas do centro urbano. A praza, cunha superficie de máis de 3.700 m2, conecta as rúas Antonio Palacios e Pinar, polo que son moitos os peóns que atravesan a praza diariamente. As zonas de parque infantil foron reparadas recentemente e na actualidade contan con céspede artificial e xogos infantís en perfecto estado polo que o seu uso tense incrementado.
“Ao tratarse dun espazo amplo e ben situado cada día fan uso del moitos cidadáns, que gozan dos parques infantís e as terrazas dos locais de hostalería, explicou o rexedor, Queremos potenciar as características desta praza para mellorala e facela máis accesible”.
Un espazo máis aberto
Eliminaranse os parterres vexetais, que non contribúen a biodiversidade e están a delimitar excesivamente o espazo e dificulta a circulación dos usuarios. Así xerarase un espazo máis aberto con maiores posibilidades de uso. Ademais xeraranse dúas zonas cubertas que permitan distribuír as terrazas de hostalería e tamén cubrirán parcialmente as zonas de xogo infantil, protexéndoas do sol e das primeiras choivas.
Renovarase o pavimento, dispoñendo sistemas de impermeabilización, e tamén o sistema de iluminación.
O domingo do Recristo, como manda a tradición, a Festa dos Callos do Porriño poñerá o broche de ouro á celebración das festas patronais. A festa gastronómica por excelencia do Porriño chega este ano á súa décimo terceira edición, congregando na vila a milleiros de persoas cada ano.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto co presidente de Ahospor representantes de Acipor , a cociñeira Macu Moreno e a que xa se converteu en protagonista destas festas, a porriñesa Juaniña da Cruz, presentaron hoxe esta festa que se celebrará o domingo 1 de outubro. Á presentación acudiron os usuarios e usuarias do centro de día de Navuxil, da unidade asistencial de Afaga e representantes da comunidade educativa que, xunto cos vecinos que se achegaron á praza, disfrutaron dunha degustación de callos.
“Este certame gastronómico é un dos principais reclamos para quen nos visita nestas datas e tamén parte moi importante da nosa cultura, as Festas do Cristo xa non se poden entender sen unha boa tapa de callos para despedilas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Estou moi contento de presentar esta edición con todos os que hoxe están aquí, estes porriñesas e porriñesses que tanto nos ensinaron e dos que tanto seguimos a aprender. Eles escribiron a historia deste pobo e desexo de todo corazón que a sigamos a escribir xuntos”. O rexedor agradeceu a “implicación da hostalería local, que fai posible que cada ano agotemos as existencias de callos e sempre nos sorprendan con novas propostas”.
E é que haberá receitas para todos os gustos, como indicou o presidente de AHOSPOR, José Manuel Fernández. “Cada un de nós dalle a este prato o seu toque especial e tedes que vir a probalos todos. E para que ninguén quede sen disfrútalos hai tamén a opción vegana, como a de Macu, que penso que foi a primeira persoa en facer callos veganos”.
Pola súa banda, Macu, que conta con miles de seguidores nas súas redes sociais, nas que comparte receitas de cociña vegana, convidou a todo mundo a achegarse este domingo ao Porriño e disfrutar desta festa.
O humorista Isi será o encargado de dar o pistoletazo de saída á xornada ás 12:30h na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
O custo da ración unifícase a 7 euros por acordo dos organizadores e dos establecementos de hostalería e este prezo inclúe unha ración de callos, pan e cazola.
ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS PARTICIPANTES
A Francachela, A Vinoteca, Amaquía, Argentino 2, Bar A Guía, Bolboreta Café, Cafetería CRC, Casa di Mili, Celtiña, Churrasquería Pontenova, Cólleo con pinzas, El alambre del abuelo, El Pincho, El cincuentaicinco, Galibar, Hamburguesería Fran, Hotel Parque, La Bendecida, La Bici, La Cueva, Liceum, Maracaibo, Nómadas, Origen Café, Paso a Nivel, Restaurante Val do Louriña, Scala, The Classic Coffe Beer, Treinta y Tau, Xantar de Pepa, Zentral.