A obra de Castelao fai parada no Porriño

 

A exposición itinerante “Castelao grafista” segue a percorrer Galicia neste 2025, no que se celebra o Ano Castelao, e O Porriño é a seguinte parada. Así, dende o 13 de febreiro e ata o 19 de marzo, o Centro Cultural Municipal acolle esta mostra do caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

“Estamos moi orgullosos de ter no Porriño esta mostra que reúne unha ampla selección das múltiples facetas de Castelao e convido a toda a veciñanza a que se achegue ao centro cultural e poida contemplar a obra e o pensamento dun dos creadores galegos máis singulares”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

Organizada pola Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia, a exposición “Castelao grafista” pode visitarse, de balde, en horario ininterrompido, de 09.00 a 20.00 horas, de luns a venres.

Unha selección rigorosa de obras ensina o seu progresivo compromiso ético, social e político, pero tamén os seus recursos plásticos e como culmina a definición da súa linguaxe no encontro entre texto e imaxe. A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA; tamén obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Así e todo, pódense ver tres retratos fotográficos, catro caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais, tamén se pode ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar dous manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, tres páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e tres debuxos.

Cultura por alimentos

De xeito paralelo, e baixo o lema “ilusión compartida” lévase a cabo unha campaña solidaria de doazón de alimentos. Así, a exposición enmárcase en “Cultura por alimentos”, unha iniciativa de Afundación a favor da Federación Española de Bancos de Alimentos. Deste xeito, anímase a todas as persoas que visiten a mostra a colaborar doando algún alimento perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local.

Música DJ e de tuna para celebrar o día dos namorados

 

 

  • O Concello do Porriño organiza un programa que inclúe tamén fotomatón e agasallos para festexar San Valentín

“Amor polo Porriño” ese é o lema co que o Concello do Porriño celebra o Día dos Namorados. Un programa, que abrangue o propio día 14 e tamén o 15 de febreiro, no que haberá moita música e a instalación dun fondo/escenario con elementos e decoración propia desta xornada para que todos poidan inmortalizar o momento.

Mañá venres, a partir das 18.00 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios, haberá animación con DJ e habilitarase un espazo cun photocall, para que calquera que así o desexe deixe a súa pegada de “Amor polo Porriño”. Ademais realizarase tamén un sorteo de agasallos.

A música de tuna chegará o sábado, a partir das 12.00 horas polas rúas do centro urbano, cando a agrupación Tuniña Veterana Gaia deleite á veciñanza cos seus acordes.

O Concello do Porriño rehabilitará a Escola Unitaria de Chenlo para convertela nun espazo cultural de uso comunitario

 

  • Os traballos, nos que se investirán uns 50.000 euros, darán comezo neste primeiro trimestre do ano
  • A actuación ten un dobre obxectivo, a recuperación do patrimonio histórico e arquitectónico municipal e darlle unha nova utilización a unhas instalacións que levan anos en desuso 
  • O futuro centro de día na antiga escola de Atios e unha escola infantil na de Pontellas son outras das iniciativas do plan municipal de restauración e posta en valor de edificios singulares nas distintas parroquias

O Concello do Porriño rehabilitará a antiga escola unitaria de Chenlo para convertela nun espazo cultural e veciñal. Seguindo a mesma liña de actuación que noutros edificios municipais actualmente en desuso, o goberno local iniciou este proxecto cuxas obras se prevén que se inicien ao longo deste primeiro trimestre do ano.

O alcalde Alejandro Lorenzo, xunto co concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto e o alcalde pedáneo da Entidade Local Menor de Chenlo, Jacobo Alonso, visitaron recentemente as instalacións nas que se investirán uns 50.000 euros, para o cal se contará co apoio da Xunta de Galicia. “Este edificio, que forma parte do patrimonio histórico e arquitectónico local, representa un valor significativo para a comunidade e a súa recuperación permitirá darlle un novo uso, adaptado ás necesidades actuais da veciñanza”, subliña Lorenzo.

O concelleiro explica que coa rehabilitación deste inmoble “a parroquia de Chenlo disporá dun espazo moderno e accesible, pensado para a realización de actividades como cursos, obradoiros, exposicións e eventos comunitarios”. Pola súa parte, o alcalde pedáneo considera que “a creación deste novo espazo permitirá dinamizar a vida social e cultural da parroquia, proporcionando un punto de encontro para a veciñanza e fomentando iniciativas socioculturais”.

O proxecto contempla unha serie de melloras estruturais e funcionais para garantir a conservación do edificio e optimizar o seu uso. Así, renovarase o tellado, asegurando a súa impermeabilización e resistencia para protexer a estrutura do inmoble; rehabilitarase o xardín exterior, converténdoo nun espazo máis accesible e axeitado para actividades ao aire libre; melloraranse os aseos e os interiores, adaptándoos ás normativas de accesibilidade e confort; eliminaranse as barreiras arquitectónicas, facilitando a mobilidade e garantindo un espazo inclusivo para todas as persoas e conectaranse as diferentes estancias, creando un espazo máis amplo e versátil para diferentes usos.

“Dende o Concello reafirmamos así o noso compromiso coa recuperación do patrimonio local e coa creación de espazos que melloren a calidade de vida da cidadanía. A intervención na antiga escola unitaria de Chenlo é un paso máis nesta estratexia de valorización do territorio e de mellora dos servizos para a comunidade”, puntualiza o alcalde Alejandro Lorenzo.

Recuperación do patrimonio local

Esta iniciativa enmárcase dentro do plan municipal de recuperación e posta en valor de edificios singulares nas distintas parroquias. Neste senso, a antiga escola unitaria de Covelo, en Atios, será un centro de día; a de Pontellas acollerá unha das dúas novas escolas infantís, para nenos de 0 a 3 anos, que se abrirán no Porriño e, pola súa banda, a de Mosende seguirá mellorando para continuar como colexio de Educación Infantil dando servizo á cativada do rural.

 

O Porriño impulsa o seu turismo cun enfoque fresco e dinámico

 

  • Desde celebracións tradicionais ata rutas culturais, o Concello soubo aproveitar a súa riqueza para posicionarse como un destino interesante, especialmente para aqueles peregrinos que transitan polo Camiño de Santiago na súa vertente portuguesa

O turismo no Concello do Porriño consolidouse nos últimos anos como un dos piares clave para o desenvolvemento económico e cultural do municipio. A través de diversas iniciativas ao longo do último ano, a concellería de Turismo logrou poñer en valor non só o patrimonio local, senón tamén dinamizar a economía mediante actividades que atraeron a máis de 4.000 visitantes, a maiores dos máis de 95.500 peregrinos que chegaron ao municipio facendo o Camiño de Santiago. Desde celebracións tradicionais ata rutas culturais, Porriño soubo aproveitar a súa riqueza para posicionarse como un destino interesante, especialmente para aqueles peregrinos que transitan polo Camiño de Santiago na súa vertente portuguesa.

Vanessa Ucha, a concelleira de Turismo, destaca o enfoque integral e accesible das actividades, que buscan fomentar tanto o turismo como o sentimento de identidade local. “Cada evento que organizamos está pensado para que, ademais de atraer visitantes, podamos sensibilizar sobre a importancia das nosas tradicións e produtos. Este ano conseguimos atraer a máis de 4.000 persoas, que non só se achegaron a coñecer o municipio, senón que tamén participaron activamente na conservación e promoción do noso patrimonio”, explica Ucha.

O apoio ao sector apícola, a valorización do Camiño de Santiago e a celebración de tradicións centenarias foron os eixes das principais actividades. Entre elas, a Festa Apícola destacou como unha das máis innovadoras. O evento logrou reunir a máis de 1.000 persoas nunha xornada que combinou obradoiros educativos e actividades lúdicas, co fin de concienciar sobre a importancia das abellas na biodiversidade e na economía local.

Na Festa do Peregrino e Turismo, a pesar do mal tempo, máis de 500 persoas participaron en obradoiros e visitas guiadas relacionadas co legado do arquitecto Antonio Palacios, deixando claro o compromiso do Concello coa valorización do seu patrimonio e coa atención aos peregrinos que percorren o Camiño. “Estas iniciativas reflicten a nosa vocación de acoller aos visitantes, pero tamén de ofrecerlles unha experiencia auténtica vinculada á nosa historia e tradicións”, comenta o alcalde Alejandro Lorenzo.

A Festa do Pan e as Alfombras de Corpus son outras das grandes citas do calendario, con actividades que promoven o comercio local e a cultura popular. Ambos eventos lograron mobilizar a máis de 1.700 persoas, dinamizando a economía local e facendo que o municipio se dera a coñecer máis alá das súas fronteiras.

Ademais, o Concello tamén se centrou no turismo cultural mediante a creación da Ruta de Antonio Palacios, coa impresión de folletos promocionais que permiten aos visitantes coñecer os edificios máis emblemáticos do arquitecto, unha figura clave para o patrimonio arquitectónico do municipio.

“A Ruta de Antonio Palacios é só un exemplo de como estamos traballando para poñer a Porriño no mapa. A través desta e outras actividades, estamos non só promocionando o noso patrimonio cultural e arquitectónico, senón tamén fomentando a economía local e o emprego”, subliña Lorenzo.

O balance é claramente positivo. “O Concello do Porriño demostrou que, con creatividade, traballo en equipo e unha visión clara, é posible transformar a tradición en motor de desenvolvemento económico e cultural”, engadiu o alcalde.

Así, con a vista posta en novas iniciativas, o Concello continúa o seu camiño cara a un futuro no que o turismo é unha das pezas clave para seguir crecendo. “O noso obxectivo é seguir creando experiencias únicas que, ademais de ser atractivas para os turistas, fortalezcan o sentido de pertenza e orgullo da nosa veciñanza”, concluíu o rexedor.

Este ano, o Concello conseguiu deixar unha pegada tanto nos turistas como nos porriñeses, consolidándose como un destino dinámico que mira ao futuro sen perder de vista as súas raíces.

O Concello do Porriño repartirá 18.000 euros entre as comparsas participantes no entroido

 

  • Ábrese o prazo de inscrición ata o 14 de febreiro
  • Celebraranse desfiles o sábado 1 e martes 4 de marzo e o enterro da sardiña será o mércores 5

O Concello do Porriño activa a conta atrás para a celebración do Entroido. Faino coa publicación das bases do desfile de comparsas con premios á participación para o cal está aberto o prazo de inscrición para todas aquelas agrupacións integradas por un mínimo dunha ducia de persoas, establecéndose dúas modalidades, infantil (ata 12 anos) e adultos (de 13 anos en adiante). As inscricións poden presentarse ata o 14 de febreiro, de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño.

“A publicación destas bases é o preámbulo dunha programación que presentaremos nos vindeiros días e que, de seguro, traerá moita diversión a nosa vila. Desfiles, espectáculos, talleres, música e moitas outras actividades pensadas, como sempre, para pequenos e maiores”, explica o concelleiro de Cultura e Festas, Bienvenido Estévez. Na mesa liña amósase o alcalde Alejandro Lorenzo que, un ano máis, anima a toda a veciñanza “a saír a rúa e participar dunha das citas máis destacadas do calendario festivo do noso Concello que cada ano vai gañando forza e na cal combinamos os actos tradicionais con outros máis novidosos e que causen sorpresa, co obxectivo ofrecer un programa completo e diverso dirixidos aos diferentes público”.

Maiores premios

Este ano a cantidade máxima destinada aos premios de participación fíxase en 18.000 euros, 3.000 euros máis que en 2024, que se repartirán ata acadar dita cifra seguindo rigorosamente a orde de inscrición. Aquelas comparsas que desexen participar no Entroido fóra de prazo poderán facelo pero sen opción ao premio por participación. O importe de cada premio determinarase segundo o número de compoñentes da comparsa e que será de 300 euros para aquelas de 12 a 19 integrantes, 500 euros para as compostas por entre 20 e 39 persoas, 800 euros para as de 40 a 55 compoñentes, 1.000 euros para as de 56 a 85 integrantes e para aquelas de 86 compoñentes en adiante a contía entregada será de 1.200 euros.

As comparsas que aspiren ao premio de participación teñen a obriga de estar inscritas e participar nos desfiles do sábado 1 de marzo e do martes de Entroido (4 de marzo), así como no acompañamento do enterro da sardiña, o mércores de cinsa (5 de marzo).

O testamento da sardiña será redactado polas comparsas, cada unha redactará entre 10 e 15 liñas, e tamén poderá participar a veciñanza que así o desexe. O testamento deberá presentarse no primeiro andar do Centro Cultural Municipal nun sobre pechado e dirixido á Concellería de Festas, ata o 20 de febreiro, en horario de 09.00 a 14.00. Unha vez cerrado o prazo o comité de observación elaborará o documento final.

Charla informativa sobre Acollemento Familiar no Centro Cultural do Porriño

 

  • Será este xoves, 6 de febreiro, ás 18.00 horas

Estás pensando en acoller pero non tes claro como facelo? Non sabes en que consiste exactamente o acollemento familiar? Desexas ter información sobre a protección de nenas e nenos en Galicia? Acude este xoves, 6 de febreiro, ás 18.00 horas, ao Centro Cultural Municipal do Porriño e terás tódalas repostas a esta preguntas.

O Concello do Porriño colabora na celebración dunha charla informativa sobre acollemento familiar do programa En Familia, promovido por cinco entidades de iniciativa social que traballan na protección dos menores. Así o obxectivo da charla é difundir a situación actual de moitos cativos e mozos e a forma na que poden ser acollidos temporalmente.

Para obter máis información poden visitar a páxina web www.enfamilia.gal ou chamar ao número de teléfono 634 240 914.

 

Cinco vivendas do Porriño reciben as primeiras axudas de 2.000 euros para a instalación dun sistema de bombeo que as conecte á rede de saneamento

 

  • O Concello vén de conceder tantas axudas como foron solicitadas nesta convocatoria pioneira en Galicia

Cinco son os primeiros beneficiarios da liña de axudas para a instalación de sistemas de bombeo individual convocada polo Concello do Porriño. Cada un deles recibirá ata 2.000 euros para executar as obras que suporán o enganche da súa vivenda á rede de saneamento do Louro. Trátase de vivendas situadas topograficamente por debaixo da rasante do vial polo que discorre dita tubaxe, o que fai necesaria a instalación dun sistemas de bombeo, unha actuación que supón un coste adicional que debe asumir o propio usuario.

O goberno porriñés, no seu obxectivo de acadar o cen por cen do saneamento en todo o termo municipal resolvendo as situacións que requiren unha intervención máis complexa e que implican un gasto que repercute no peto da veciñanza, como o é esta, presentou esta liña de axudas destinada a quen precisase da instalación dun bombeo, subvencionando con ata 2.000 euros cada actuación.

A primeira convocatoria desta liña de axudas, pioneira en toda Galicia, contou cun orzamento total de 108.000 euros, outorgándose tantas concesións como solicitudes foron recibidas. Con todo, desde o goberno local, coñecedores da existencia de máis vivendas nesta mesma situación anuncian que volverán a sacar outra convocatoria co mesmo fin. “É primordial que dende as administracións públicas tendamos a man á veciñanza e poñamos tamén da nosa parte para acadar un obxectivo común como é o cen por cen do saneamento como prioridade e servizo esencial do nosos Concello”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo. “É por iso que volveremos convocar estas axudas para chegar a todos os que a precisen”, subliña o rexedor porriñés durante a visita a unha das obras que xa se está a acometer grazas a estas subvencións municipais.

Os beneficiarios percibirán ata o 80% do importe total concedido como anticipo de fondos, mentres que o 20% restante abonarase unha vez que se acredite o cumprimento da obra. As axudas cobren diversos aspectos relacionados coa instalación do sistema de bombeo, incluíndo a execución ou adaptación do pozo ou arqueta onde se instalará o equipo, así como a adquisición, instalación e posta en funcionamento do mesmo, cadro de mando e instalación eléctrica.

Coa convocatoria destas axudas “Porriño converteuse no primeiro concello de Galicia en subvencionar o bombeo para as vivendas que non teñen a cota necesaria para o enganche á rede principal”, remarca Lorenzo, á vez que lembra outras iniciativas xa postas en marcha nesta materia como a eliminación da taxa anual polo baleirado das fosas sépticas e a redución do importe do servizo nun 60%.

O Concello do Porriño adquire preto de mil metros cadrados para a humanización da contorna do Centro Social

 

  • O alcalde Alejandro Lorenzo vén de asinar a compra de tres parcelas por importe de 213.000 euros
  • A actuación suporá a creación dunha gran zona verde no centro urbano que conectará as rúas Pío XII e Antonio Palacios

O Concello de Porriño vén de efectuar a compra de tres parcelas na contorna do centro social para completar o proxecto de humanización e creación dunha gran zona verde no centro urbano que unirá as rúas Pío XII e Antonio Palacios.

O alcalde Alejandro Lorenzo asinou cos propietarios os contratos de adquisición dos terreos por un importe total de 213.081 euros. A superficie que abranguen as tres parcelas suman 933,6 metros cadrados e serán claves para continuar as obras xa en marcha e que suporán a consecución deste gran espazo público. “Dende o Concello agradecemos a boa disposición dos propietarios para poñer á venda cadansúa parcela”, sinala o alcalde. “Una acción que beneficiará, sen dúbida, a toda a veciñanza do Porriño que, en breve, poderá desfrutar deste gran parque en pleno casco urbano”.

Máis mobilidade peonil e zonas verdes no centro urbano

Este proxecto consiste na creación dun gran espazo público pensado para dar prioridade á mobilidade peonil e máis importancia ás zonas verdes, ao tempo que se limita o paso de vehículos. Para conseguilo prevese a creación dun espazo continuo, accesible e verde, no que se habilitará a comunicación peonil entre ámbalas dúas rúas anteriormente mencionadas, crearanse novas zonas de convivencia baixo a sombra de diversas especies arbóreas,  buscarase a apertura da contorna do centro social coa rúa e o parque e executarase a renovación integral da zona de ocio infantil con novos elementos de xogo para a cativada. Ao mesmo tempo, o firme da rúa Pío XII será renovado, xunto coas redes de servizos e dotarase dunha plataforma única que conecte coa nova zona verde; reducirase o tráfico rodado e tamén a velocidade de circulación.

Volven ao Porriño as clases de autodefensa para mulleres

 

 

  • A primeira sesión celebrase o vindeiro sábado 8 de febreiro no pavillón municipal, de 10.00 a 14.00 horas
  • Non é preciso inscribirse

O Concello do Porriño organiza un ano máis o Curso de defensa persoal feminino e aspectos xurídicos. A formación, organizada pola Concellería de Igualdade que dirixe Carolina González, está pensada para as mulleres co fin de desenvolver máis confianza nelas mesmas e na súa contorna, implementar estratexias de prevención e detección de situacións de perigo, integrando na súa vida diaria hábitos de seguridade persoal, á vez que se promove a confianza e a súa autoestima.

A actividade levarase a cabo nas instalacións do pavillón municipal os sábados 8 de febreiro, 8 de marzo, 26 de abril e 10 de maio, en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Durante as xornadas contarase coa presenza do Maxistrado D. Juan José Trashorras quen dará respostas sinxelas ao colectivo participante para reaccionar ante unha situación violenta.

 

O aforo é ilimitado e non se precisa inscrición previa.

O Porriño pon en marcha un curso de saúde feminina

 

  • Impartirase os días 18 e 25 de febreiro e 11 de marzo no Centro Cultural
  • A inscrición está aberta ata o 14 de febreiro

A violencia contra a muller constitúe un grave problema de saúde pública e unha violación dos seus dereitos humanos. A violencia pode afectar negativamente á saúde física, mental, sexual e reprodutiva, de aí a necesidade de intervir directamente, mediante a posta en marcha de talleres e cursos formativos e informativos para enviarlles a mensaxe de que o seu coidado é premisa fundamental para traballar na mellora do seu crecemento persoal.

Nesta liña, a Concellería de Igualdade do Porriño, que dirixe Carolina González, anuncia a celebración do Curso de Saúde Feminina dirixido a tódalas mulleres en xeral e, especificamente, a aquelas vítimas de violencia machista.

A formación impartirase os martes 18 e 25 de febreiro e 11 de marzo no Centro Cultural Municipal en horario de mañá; de 10.00 a 12.30 os dous primeiros días e prolongándose ata as 13.00 horas o último.

O aforo é limitado polo que todas as persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente, a partir deste martes día 4 e ata o 14 de febreiro, mediante instancia xeral presentada por rexistro no Concello

Para obter unha maior información desta actividade, que conta co financiamento da Secretaría de Estado da Igualdade contra a violencia de xénero, poden chamar ao CIM do Concello do Porriño (986335000.Ext.257)