O alumnado do IES Pino Manso publica a cuarta edición da revista de filosofía e arte Opino

 

  • Unha publicación feita integramente polo alumnado, na que se recollen reflexións sobre cuestións sociais, dilemas éticos, poesía, música, entrevistas, política, psicoloxía, cultura ou cinema.

O Porriño, 20 de xuño de 2025.– Por cuarto ano consecutivo, o alumnado de 2º de Bacharelato do IES Pino Manso do Porriño presenta unha nova edición da súa revista OPino, un proxecto creativo e interdisciplinar centrado na filosofía, a arte e o pensamento crítico, que conta co apoio do Concello do Porriño.

OPino é unha publicación feita integramente polo alumnado, na que se recollen reflexións sobre cuestións sociais, dilemas éticos, poesía, música, entrevistas, política, psicoloxía, cultura ou cinema. A parte gráfica tamén é responsabilidade dos propios estudantes, convertendo a revista nun proxecto colaborativo que implica aos departamentos de Filosofía e Debuxo.

A edición deste ano —a cuarta da historia da revista— tivo como tema central “os tabús”. O proceso comezou coa formación dun equipo de dirección e traballo composto por estudantes das materias de Filosofía, Psicoloxía e Debuxo Artístico. Este equipo encargouse de coordinar a redacción dos textos, elaborar entrevistas, deseñar as imaxes que acompañan os artigos e realizar a edición final da publicación.

As persoas responsables da dirección foron:

Raquel Álvarez Gómez, Victoria Álvarez Linares, Alejandra Pérez López, Ariadna Martínez Gomes, Laura Rodríguez Rodríguez, Ainoa Alonso Flores, María Quintas Granja e Sara Conde Iglesias.

Todo o proceso contou co asesoramento do profesorado, en especial dos docentes Juanca e Pedro, que acompañaron o equipo ao longo do traballo.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, felicitou ao equipo de dirección, ao alumnado participante e ao centro educativo, sinalando que “este proxecto é un exemplo de traballo en equipo que amosa non só a defensa do pensamento crítico, a creatividade e o coñecemento, senón tamén o compromiso coa responsabilidade social por parte da mocidade do Porriño”. Engadiu ademais: “Noraboa e que OPino siga sumando edicións. Contade sempre co apoio do voso Concello.”

A revista OPino pode consultarse tamén en formato dixital a través da páxina web do IES Pino Manso.

O Porriño achega o saneamento a 38 novas vivendas en Budiño cunha actuación de máis de 340.000 euros

 

  • A intervención no núcleo de Picouzo-Cruz-Cortés-Eirís reforza o compromiso municipal co rural e co medio ambiente

O Porriño, 20 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño continúa dando pasos firmes cara ao obxectivo de lograr o saneamento integral en todas as súas parroquias. Un novo proxecto, cun investimento de 344.382,01 euros, permitirá dotar deste servizo esencial a 38 vivendas do núcleo rural de Picouzo-Cruz- Cortés-Eirís, na parroquia de Budiño.

A obra dará resposta a unha demanda histórica da veciñanza e porá fin ao uso de fosas sépticas, mellorando substancialmente a calidade de vida e contribuíndo á protección do medio natural. Trátase dunha das actuacións máis relevantes dos últimos meses dentro da estratexia de equilibrio territorial e sustentabilidade impulsada polo Goberno local.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que:

“Cada nova conexión ao saneamento é unha conquista para o rural. Seguimos executando actuacións que garantan servizos públicos de calidade en todas as parroquias, sen excepcións. Esta obra en Budiño é un novo exemplo dese compromiso.”

Un proxecto integral e técnicamente avanzado

 A actuación contempla a instalación de 1.142 metros de novos colectores, repartidos en catro tramos e os seus ramais, así como a repavimentación de 5.450 m² de superficie afectada.

Entre os materiais e técnicas empregadas destacan:

  • Tuberías de PVC SN4 macizo, de 250 e 300 mm de diámetro.
  • Pozos de rexistro de 1 metro de diámetro.
  • Tapas de fundición certificadas segundo norma UNE-EN
  • Excavacións especiais, nalgunhas zonas, superiores aos 3 metros de

O proxecto inclúe tamén:

  • Escavacións e recheos (1.500 m³), con catas para identificar servizos
  • Obras de fábrica para estabilización e protección de conducións.
  • Saneamento e acometidas individuais (36% do orzamento).
  • Nova pavimentación e reforzo estrutural da vía (35% do orzamento).
  • Xestión de residuos (9%) e medidas de seguridade e saúde (1%).

Un paso máis cara ao Porriño que queremos

Esta intervención súmase a outras xa realizadas noutras parroquias, dentro dun plan global que busca garantir equidade territorial, eficiencia nos servizos públicos e coidado ambiental.

“Non falamos só de infraestruturas, falamos de xustiza territorial, de ofrecer as mesmas oportunidades e condicións de vida a todos os veciños e veciñas, vivan onde vivan”, concluíu o alcalde.

O Concello do Porriño leva investidos máis de 600.000 euros na redacción dos proxectos totais para acometer o saneamento integral de todas as parroquias do municipio. Estes documentos técnicos foron xa remitidos á Confederación Hidrográfica, ao Ministerio de Fomento e a outras administracións, co obxectivo de obter as autorizacións correspondentes. Este proceso de tramitación está a retrasar a licitación de novas obras.

O Porriño fai historia co maior apoio económico ás Comunidades de Augas, cun total de 245.000 euros en subvencións entre o Concello e a Deputación de Pontevedra

 

  • O apoio institucional busca reforzar a igualdade de servizos entre o rural e o urbano, ademais de recoñecer o labor altruísta e esencial que desenvolven estas comunidades.

O Porriño, 20 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa veciñanza e co desenvolvemento sostible das súas parroquias e barrios cun investimento histórico de 175.000 euros en subvencións destinadas a todas e cada unha das comunidades de augas do municipio. Esta achega, a máis elevada da historia porriñesa neste eido, supón un respaldo sen precedentes ao traballo das comunidades de augas, entidades fundamentais para garantir o acceso á auga potable e ao saneamento en moitas zonas do rural.

A este esforzo súmase a colaboración da Deputación de Pontevedra, que este ano destinou 70.000 euros adicionais para apoiar a diversas comunidades de augas do Porriño, reforzando así o compromiso das administracións públicas coa xestión comunitaria da auga. Con motivo desta achega, o deputado provincial Javier Tourís visitou onte o noso municipio, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo realizado por estas entidades e os proxectos que recibiron financiamento provincial.

Durante a visita, Tourís destacou o papel crucial que xogan as comunidades de augas como exemplo de organización veciñal e solidariedade, xa que están xestionadas por persoas que traballan de forma totalmente altruísta co único obxectivo de garantir un servizo esencial para o benestar das súas parroquias.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, manifestou a importancia das comunidades de augas no municipio, especialmente nas zonas onde non chega a rede xeral. “As comunidades de augas son unha peza clave para o funcionamento e a calidade de vida en moitas das zonas do Porriño”, afirmou o rexedor. A súa labor abrangue dende a captación e almacenamento da auga ata o mantemento das infraestruturas e o seu correcto tratamento, coidando tamén o medio ambiente e fomentando un uso responsable dos recursos hídricos.

Desde o Concello quérese poñer en valor o papel destas entidades, formadas por veciños e veciñas que, de maneira desinteresada, contribúen a garantir o acceso á auga potable en moitas parroquias. “O traballo incansable das persoas que forman parte destas comunidades é digno de recoñecemento. Son auténticos exemplos de civismo, cooperación e compromiso coa veciñanza”, sinalou Lorenzo.

Neste sentido, o alcalde subliñou a importancia do apoio institucional para garantir a continuidade e mellora destes servizos. “O apoio económico das administracións non é só un recoñecemento merecido, senón tamén unha necesidade para garantir que todas as parroquias do Porriño dispoñan dunha auga de calidade, segura e xestionada de forma eficiente”, concluíu.

Este investimento de 245.000 euros entre o Concello e a Deputación de Pontevedra supón un paso adiante na loita contra o despoboamento, na igualdade de servizos entre o rural e os núcleos urbanos e na posta en valor do traballo colectivo como ferramenta de transformación social.

 

 

O Concello do Porriño concede as Becas Antonio Palacios aos mellores expedientes académicos da PAU

 

O Porriño, 19 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño concede, por primeira vez, as Becas Antonio Palacios aos mellores expedientes académicos da PAU do noso municipio, unha iniciativa coa que se recoñece o esforzo e a excelencia do alumnado de 2º de Bacharelato que acadou as mellores cualificacións na Proba de Acceso á Universidade (PAU).

O Concello concederá un total de 15 axudas de 300 euros cada unha, destinadas a apoiar os estudos universitarios do alumnado con mellores resultados. A selección do alumnado realizouse atendendo a unha nota igual ou superior ao 8,5 na fase xeral da PAU.

A entrega simbólica destas becas terá lugar nun acto institucional no Concello do Porriño nos vindeiros días, co obxectivo de homenaxear ao alumnado galardoado e poñer en valor o papel dos centros educativos e das familias no proceso formativo. As becas levan o nome de Antonio Palacios, arquitecto porriñés de renome, como símbolo do compromiso do Concello coa cultura, o coñecemento e a formación.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que “é un orgullo para todo o municipio contar conestudantes deste nivel. Con estas becas queremos premiar o esforzo, recoñecer o talento e apoiar o futuro académico da nosa mocidade”.

As persoas galardoadas poderán acceder a estas axudas unha vez se publiquen as correspondentes bases reguladoras, que establecerán os requisitos e condicións para a súa concesión.

O Concello do Porriño continúa así a súa aposta decidida pola educación de calidade e polo apoio ás novas xeracións como base do desenvolvemento social e persoal do municipio.

Obras de mellora no entorno do Templete obligarán ao corte parcial da Rúa Domingo Bueno durante unha semana

 

O Porriño, 18 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño informa de que, debido á execución dunha nova fase das obras de renovación e mellora do entorno do Templete de San Luis e do acceso ao cemiterio municipal, procederase ao corte dun carril na rúa Domingo Bueno, á altura do Templete, a partir de hoxe e durante aproximadamente unha semana.

Durante este período, o tráfico será regulado por semáforos provisionais, co obxectivo de minimizar as molestias á veciñanza e garantir a seguridade de peóns e condutores mentres duren os traballos.

O Concello agradece a comprensión da cidadanía ante estas molestias temporais, que responden á necesidade de acometer unha actuación clave para mellorar a accesibilidade e o aspecto deste espazo emblemático da vila.

Resumo da actuación

As obras consisten na renovación integral da beirarrúa de acceso ao cemiterio municipal, coa substitución do pavimento actual —moi deteriorado— por pedra granítica tipo Rosa Porriño, a ampliación da beirarrúa na curva do Campo da Feira e a mellora do paso peonil elevado fronte ao Templete de San Luis. Trátase dunha intervención que busca dignificar o entorno patrimonial e mellorar a mobilidade e seguridade viaria no núcleo urbano.

O Porriño énchese de cor para celebrar o Corpus Christi coas súas tradicionais alfombras florais

 

  • Veciñanza e voluntariado preparan unha fin de semana de arte efémera, participación cidadá e orgullo colectivo

O Porriño, 18 de xuño de 2025.- O Porriño prepárase xa para celebrar esta fin de semana unha das súas tradicións máis emblemáticas e emotivas: as alfombras florais do Corpus Christi, unha expresión de arte popular que enche as rúas do centro de cor, devoción e traballo comunitario.

Esta tradición, que se remonta á década de 1930 da man das floristas do municipio, continúa viva grazas ao esforzo e á ilusión de numerosas persoas voluntarias. A celebración terá lugar este domingo 22 de xuño, e o proceso de elaboración das alfombras comezará xa o sábado pola tarde, coa participación aberta a toda a cidadanía.

Na presentación oficial da lona e dos carteis da campaña, celebrada onte, o Alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia cultural e emocional desta celebración:

“O Corpus no Porriño non se entende sen as súas alfombras. É unha tradición que fala de nós, da nosa xente, de como un pobo se une para crear arte efémera na rúa. Gracias a todos os voluntarios, ás Amas de Casa Rosais, aos debuxantes e a todas as persoas que cada ano fan posible esta marabilla.”

A Concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, puxo en valor o carácter participativo do evento:

“As alfombras do Corpus son unha tradición preciosa que queremos seguir mantendo entre todas e todos. A elaboración e pintado das alfombras comezará o sábado pola tarde, e estamos encantados de convidar a todas as persoas que queiran colaborar a que se acheguen e nos axuden a seguir facendo historia.”

Desde o Concello do Porriño anímase a veciñas, veciños e visitantes a gozar e participar nunha festividade que cada ano transforma as rúas nun auténtico tapiz de cor, fe e tradición, reafirmando o sentimento de comunidade e pertenza.

A caravana do Concello do Porriño retoma as visitas ás parroquias coa estrea do podcast “A historia do teu pobo”

 

O Porriño, 17 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño retoma dende o venres 27 de xuño as visitas ás parroquias coa súa oficina municipal móbil, unha caravana pioneira que dende o ano pasado achegando os servizos da administración local ao rural. Este ano, como novidade, o Alcalde Alejandro Lorenzo incorpora ao percorrido unha proposta innovadora: a gravación dun podcast coa veciñanza, que leva por título A historia do teu pobo”.

O obxectivo da caravana segue a ser o mesmo: facilitar a atención directa nas parroquias en cuestións como urbanismo, limpeza, obras públicas, rexistro de documentos ou saneamento, sen necesidade de desprazarse ao centro urbano. A oficina móbil visitará un punto diferente os venres en horario de 9:00 a 13:00 h.

Queremos que achegar o Concello á todos, que non só chegue en papel ou por ventá, senón que tamén se escoite, que se sinta e que quede para a historia do Porriño. Por iso nace este podcast, para dar voz a quen fixo e fai Porriño cada día”, explicou o alcalde. O primeiro episodio gravouse esta mañá na Praza do Concello e contou coa participación de Juaniña, veciña moi querida no municipio, que vén de cumprir 100 anos e foi recentemente homenaxeada cunha rúa co seu nome. Durante a conversa, Juaniña abriunos o seu corazón e compartiu lembranzas, anécdotas e consellos de vida cargados de historia e emoción.

A historia do teu pobo” estará dispoñible proximamente nas redes sociais oficiais do Concello do Porriño, para que toda a veciñanza poida escoitar e compartir estes encontros que poñen en valor a identidade e a memoria viva das nosas parroquias.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cunha administración próxima, participativa e humana, que escoita e dá protagonismo á súa xente. Queremos que O Porriño sexa o teu encontro.

 

O Concello do Porriño presenta oficialmente o Curso de Monitor/a de Tempo Libre iniciado onte

 

O Porriño, 17 de xuño de 2025.- Esta mañá tuvo lugar a presentación oficial do Curso Oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, que deu comezo onte, luns 16 de xuño, no Centro Cultural Municipal. O Alcalde, Alejandro Lorenzo, acudiu ao acto que tamén contou coa presenza do Concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, impulsor desta iniciativa a través da OMIX da súa concellería.

O curso, organizado en colaboración coa cooperativa Avada e a Escola de Tempo Libre Scolé, está dirixido á mocidade do Porriño e forma parte da aposta do Goberno local por promover a formación e o emprego xuvenil.

“Seguimos traballando para ofrecer oportunidades reais á mocidade do noso municipio, fomentando a súa capacitación e facilitando o acceso ao mercado laboral”, destacou o alcalde Alejandro Lorenzo.

A formación impártese en modalidade semipresencial e inclúe un total de 200 horas lectivas, das cales 100 son presenciais —do 16 ao 27 de xuño—, e as outras 100 serán en liña ata o 11 de xullo.

Ao rematar o curso, o alumnado obterá o título oficial homologado pola Xunta de Galicia, que lles permitirá traballar en campamentos, actividades de lecer educativo, ludotecas ou programas de conciliación, entre outros.

Esta iniciativa súmase ás diversas accións impulsadas pola Concellería de Xuventude co obxectivo de ofrecer alternativas formativas útiles, accesibles e adaptadas ás necesidades actuais da xuventude porriñesa.

O Concello do Porriño aposta pola igualdade nas aulas coa iniciativa do “Banco da Igualdade”

 

O Porriño, 17 de xuño de 2025.- No marco da campaña “8M, 365 días”, o Concello de O Porriño continúa a súa aposta pola concienciación en igualdade desde as idades máis temperás. Hoxe o Alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou varios centros educativos do municipio para coñecer de preto o desenvolvemento da iniciativa “Banco da Igualdade”, posta en marcha pola Concellería de Igualdade e Educación en colaboración coa OMIX.

Cada centro participante recibiu un banco de madeira e pintura de cor púrpura, que está sendo decorado polo propio alumnado con frases inspiradoras relacionadas coa igualdade, o respecto, a tolerancia e o empoderamento feminino. A actividade busca fomentar o pensamento crítico, o uso da lingua galega e a creatividade, ao tempo que transmite valores fundamentais para a convivencia.

Durante a visita, o rexedor destacou “a implicación e ilusión do alumnado, que está a facer destes bancos un símbolo real e colectivo da loita pola igualdade”. Pola súa parte, a concelleira Carolina González sinalou que “esta actividade é unha forma de implicar á infancia e á mocidade na reflexión sobre a igualdade, promovendo ao mesmo tempo o uso do galego e a creatividade”

Dende o Concello anímase á comunidade educativa a seguir participando, lembrando que a igualdade constrúese día a día, coa implicación de toda a sociedade.

O Concello do Porriño inicia o proceso para dotarse oficialmente de escudo e bandeira municipais

 

O Porriño, 16 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de iniciar, a través do Servizo de Heráldica da Xunta de Galicia, o expediente para a elaboración e aprobación oficial do escudo e da bandeira municipais. Trátase dun fito histórico para o municipio, que ata o de agora non contaba cunhas insignias heráldicas recoñecidas oficialmente.

O Goberno municipal deu comezo ao procedemento conforme á normativa vixente, regulada polo Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, que establece que só os escudos e bandeiras aprobados oficialmente pola Xunta de Galicia poden ser utilizados como símbolos municipais. Este proceso garante o rigor histórico e heráldico, e impide que a súa elaboración responda a criterios arbitrarios ou persoais.

A proposta do Porriño está a ser tramitada a través da Comisión de Heráldica da Xunta, órgano consultivo que se encarga de elaborar a memoria histórica e os deseños iniciais baseándose en feitos históricos, xeográficos e culturais característicos do municipio. A partir deste estudo técnico, a Comisión presentará varios propostas que servirán como base para a decisión definitiva.

Entre os elementos identitarios que se valorarán para a súa posible inclusión atópanse o pan, o río e a ponte sobre o Louro, a industria ou o edificio do Concello, deseñado polo arquitecto Antonio Palacios, que celebrou o seu centenario no ano 2024. A creación dun escudo e bandeira recoñecidos supón tamén unha homenaxe ao legado histórico e patrimonial da vila.

O obxectivo desta iniciativa é ofrecer á veciñanza uns símbolos oficiais que reflictan a identidade, a historia, a tradición e o carácter propio do Porriño. A proposta definitiva será sometida á aprobación do Pleno Municipal unha vez completado o procedemento técnico e legal correspondente, e posteriormente enviada á Xunta de Galicia para a súa validación final.

Declaración do Alcalde, Alejandro Lorenzo:

“Este proceso é moito máis que un trámite institucional: é un exercicio de memoria e orgullo colectivo. O Porriño merecía dende hai tempo contar cun escudo e unha bandeira oficiais que nos representen dentro e fóra, e que recollan todo o que somos e de onde vimos. Queremos que a veciñanza se recoñeza neles e os sinta como propios.”