Preto de 200 escolares do Porriño viaxan á neve

 

Preto de 200 escolares de tódolos centros educativos do Porriño participan nos vindeiros días da coñecida como Semana Branca. Unha actividade consistente nunha viaxe de tres días a unha estación de esquí de San Isidro, provincia de León.

Están organizadas tres saídas, a primeira delas foi hoxe luns, 10 de marzo, con alumnado, acompañado de docentes, dos colexios Antonio Palacios e Budiño; a segunda será o día 12, cando partirán estudantes do CEIP Fernández López e do Ribeira e, por último, o alumnado de Atios, Hermanos Quiroga e Santo Tomás irase o luns seguinte, 17 de marzo. 55 persoas integran o primeiro grupo, 60 o segundo e 69 o terceiro.

A iniciativa está organizada pola Asociación Xornadas Brancas en colaboración, un ano máis, co Concello do Porriño que realiza unha achega de 20.000 euros a través da sinatura dun convenio con este colectivo constituído por tódolos centros de Educación Primaria do municipio.

O alcalde Alejandro Lorenzo explica que estas excursións á neve realízanse cun dobre obxectivo, “por unha parte a práctica do esquí, aprendendo nocións básicas desta modalidade deportiva, combinando con xogos multideporte na neve como trineos, xogos tradicionais, de grupo… e por outra banda, e non menos importante, a convivencia entre compañeiros, traballando a responsabilidade, a independencia e o respeto”. Na mesma liña, a concelleira de Educación, Carolina González, destaca as cualidades de actividades como esta, “enriquecedoras, que aportan boas experiencias e un bo recordo”.

Recoñecemento ás mulleres do Porriño: Unha emotiva homenaxe no 8M

 

O Concello do Porriño converteuse hoxe nun espazo de memoria, recoñecemento e reivindicación coa celebración do acto central do 8M, organizado pola Concellería de Igualdade, no marco da campaña municipal “8M, 365 días”. Numerosos veciños e veciñas achegáronse ata o Concello para sumarse a esta homenaxe, que puxo en valor a loita histórica das mulleres e a importancia de seguir traballando pola igualdade real, non só cada 8 de marzo, senón todos os días do ano.

A xornada deu comezo ás 12:00 horas coa presentación do libro “Corpo Nómade”, de Tere Ríos Noya, recoñecido co Accésit do XVII Premio de Poesía Erótica Illa de Sisargas. A autora estivo acompañada dun recital poético con música de guitarra, creando un clima íntimo e reivindicativo que serviu de preludio á lectura do manifesto institucional.

Ás 12:15 horas chegou un dos momentos máis especiais da xornada: a lectura do Manifesto do 8M, que este ano correu a cargo de tres mulleres centenarias do Porriño, acompañadas por representantes da corporación municipal. Este xesto simbólico serviu para render homenaxe ás súas vidas, marcadas polo esforzo, a entrega e a loita cotiá, poñendo en valor a pegada que deixaron na vila e o exemplo que seguen representando para as novas xeracións.

Juana Da Cruz (Juaniña), costureira de referencia en toda a comarca, recoñecida pola súa habilidade para crear deseños innovadores nunha época na que ser muller e atreverse a innovar non era doado; Carmen González Rodríguez, veciña de Cans, que aos 97 anos acaba de publicar as súas memorias, converténdose nun referente de que nunca é tarde para compartir a súa propia historia; e María Dolores Quiroga (Lolita), mestra de vocación e de corazón, que contribuíu a educación de xeracións enteiras de porriñeses desde o Colexio Hermanos Quiroga. As súas palabras, cheas de emoción, sabedoría e dignidade, emocionaron ás persoas presentes e fixeron visible o legado silenciado de tantas mulleres ao longo da historia.

A concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González Costas, destacou durante a súa intervención que “hoxe recordamos que a igualdade non é unha conquista definitiva, senón un camiño que debemos percorrer cada día, de xeito colectivo, dende as administracións, os colexios, as familias e a sociedade no seu conxunto.”

A continuación, a Concellería repartiu rosas moradas entre as mulleres asistentes como símbolo do seu papel fundamental na sociedade. O acto pechouse cunha vídeo reportaxe conmemorativa protagonizada por mulleres porriñesas de todas as idades e ámbitos: dende as concelleiras do goberno local ata deportistas, estudantes, empresarias e traballadoras da industria. Todas elas, coa súa voz e testemuñas, deixaron claro que o futuro do Porriño constrúese desde a igualdade e coas mulleres como protagonistas.

“As mulleres do Porriño somos quen de construír o noso futuro”, proclamouse no vídeo, que rematou cunha mensaxe clara: o 8M é unha cita imprescindible, pero a loita pola igualdade no Porriño escríbese todos os días do ano, nos colexios, nos centros de traballo, nos fogares e na rúa.

Antes de dar por finalizado o acto, o alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, subliñou a importancia de visibilizar o papel fundamental das mulleres no desenvolvemento do municipio: “As mulleres do Porriño foron, son e serán clave no avance social, cultural e económico da nosa vila. Sen a súa achega, o Porriño non sería o que é hoxe”. Reafirmou tamén o seu compromiso co obxectivo de construír un Porriño máis igualitario e libre de violencia machista.

A emotiva xornada concluíu cun forte aplauso colectivo, símbolo da unión de todo un pobo decidido a seguir avanzando cara a unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e libre de violencias.

Aviso de cortes de tráfico polo Enterro da Sardiña – 5 de marzo de 2025

 

O próximo 5 de marzo de 2025, con motivo da celebración do tradicional Enterro da Sardiña, estableceranse restricións de tráfico nas seguintes rúas:

  • A partir das 18:00 h:
    Rúa Domingo Bueno ata a baixada da fonte da rúa San Sebastián.
  • Última hora da tarde:
    Rúa Peña e rúa Buenos Aires ata a ponte do Valo.

Ademais, infórmase do percorrido da comitiva do Enterro da Sardiña:

  • Saída ás 18:00 h desde o Círculo Recreativo Cultural.
  • Itinerario: Rúa Domingo Bueno, rúa San Sebastián, rúa San Bieito e rúa peonil ata a praza Arquitecto Antonio Palacios.
  • A última hora da tarde, a comitiva continuará dende a praza Arquitecto Antonio Palacios por rúa Peña e rúa Buenos Aires ata a ponte do Valo.

Pregamos desculpen as molestias e agradecemos a colaboración da veciñanza.

O Porriño presenta a programación do 8M baixo o lema “8M, 365 DÍAS”

 

O Concello do Porriño, a través da Concellaría de Igualdade, presentou hoxe na Casa Consistorial a programación de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller. Baixo o lema “8M, 365 días”, o programa deste ano pon o foco na necesidade de reivindicar os dereitos das mulleres e a igualdade de xénero non só cada 8 de marzo, senón todos os días do ano.

O acto de presentación contou coa participación do alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, e da concelleira de Igualdade e Educación, Carolina González Costas, que destacaron a importancia de seguir traballando en políticas de igualdade e na visibilización das mulleres.

“O 8M é un día simbólico, pero a loita pola igualdade é diaria. Con esta programación queremos poñer en valor o papel das mulleres do noso concello, da nosa historia e da nosa cultura”, sinalou o alcalde. “Queremos que O Porriño sexa un referente na loita feminista, e iso conséguese coa implicación de todas e todos”, engadiu.

Pola súa banda, a concelleira Carolina González Costas destacou a diversidade das actividades programadas: “Esta programación quere chegar a todas as idades e sectores da poboación, desde a infancia ata as persoas maiores. Apostamos por actividades culturais, educativas e de lecer que poñan en valor ás mulleres e a súa historia”.

 

Programación 8M 2025

Sábado 8

  • Ás 12:00 horas: Instalación do Punto Violeta na Praza do Concello e presentación do libro “Corpo Nómade”, de Tere Ríos Noya, acompañada dun recital poético con música de guitarra.
  • Ás 12:15 horas: Lectura do manifesto do 8M, seguida do reparto de rosas moradas entre as mulleres presentes.
  • Ás 12:30 horas: Proxección dunha video reportaxe conmemorativa do 8M.

Xoves 13

  • Ás 17:00 horas: Xogos tradicionais con enfoque de xénero para a cativada: Xogos de Sororas. Unha proposta lúdica para fomentar a igualdade a través de xogos populares e tradicionais, incluíndo o xogo SororAs na Memoria, que permitirá coñecer mulleres galegas clave na historia.

Venres 14

  • Ás 19:30 horas: Concerto de LAW, quen traerá ao Porriño un dos seus recoñecidos “rituais de barrio”, mesturando reggae, r&b, psytrance e música tradicional galega, para reivindicar a igualdade a través da música e celebrar o papel das mulleres artistas na historia.

 

Actividade educativa: “Banco da Igualdade”

Ademais da programación aberta ao público, a Concellaría de Igualdade, en colaboración coa OMIX, desenvolverá a actividade “Banco da Igualdade” nos centros educativos do concello. Cada centro participante recibirá un banco de madeira e pintura púrpura, co obxectivo de que o alumnado o decore con frases inspiradoras sobre igualdade, respecto, tolerancia e apoderamento das mulleres.

“Esta actividade é unha forma de implicar á infancia e mocidade na reflexión sobre a igualdade, promovendo ao mesmo tempo o uso do galego e a creatividade”, explicou Carolina González Costas.

O Concello do Porriño anima á veciñanza a participar activamente nos actos programados, co convencemento de que a igualdade real e efectiva constrúese coa implicación de toda a sociedade, día a día.

O Porriño executará obras de mellora do alumeado no Campo de fútbol O Carballo de Atios

 

O campo de fútbol do Carballo en Atios contará nos vindeiros meses cun novo sistema de iluminación. O Concello do Porriño vén de tramitar un convenio de cooperación coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para sufragar os gastos desta actuación que conta un orzamento base de licitación de 46.126,53 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegará 36.901,22 euros e a administración local aportará os 9.225,31 euros restantes de fondos propios.

“O proxecto suporá a mellora da iluminación da zona de xogo deste campo de fútbol, na parroquia de Atios, dando así resposta a unha demanda do club UD Atios”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo. “Unha actuación, esta, que se suma a outras moitas que dende o concello promovemos para colaborar con todos os clubs, atendendo na medida do posible ás súas necesidades”, remarca o concelleiro de Deportes, Abel Estévez.

As obras teñen un prazo de execución de oito semanas.  Desmontaranse as luminarias existentes e colocaranse as novas, consistentes nun proxector de alto rendemento deseñado para aplicacións industriais e deportivas, con óptimo deseño para disipación de calor e redución de deslumbramento.

 

Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento polo desfile de comparsas do Entroido

 

O Concello informa de que, con motivo do Desfile de Comparsas que terá lugar o martes 4 de marzo, estableceranse as seguintes medidas de tráfico:

Prohibición de estacionamento

A partir das 14:30 horas estará prohibido estacionar nas seguintes rúas:

  • Rúa Manuel Rodríguez
  • Rúa Domingo Bueno, en ambos marxes á altura do Parque Infantil e no marxe dereito desde o cruce da Pontenova ata a farmacia de Atios, en dirección Tui.
  • Rúa Ramiranes

Corte de tráfico

A partir das 18:30 horas procederase ao corte de tráfico desde a Rúa Manuel Rodríguez ata a Praza Central.

Rógase á veciñanza que respecte as indicacións e colabore para garantir o correcto desenvolvemento do desfile.

Grazas pola súa colaboración.

Aberto o prazo de solicitude de praza nos centros educativos do Porriño para o curso 2025/26

 

A Concellería de Educación do Porriño informa de que desde o 1 de marzo permanece aberto o prazo para solicitar praza nos centros educativos do municipio de cara ao curso 2025/26. As familias teñen ata o 20 de marzo para presentar as súas solicitudes, tanto de maneira presencial nos centros como a través da plataforma electrónica habilitada pola Xunta de Galicia.

Este procedemento está destinado tanto ao alumnado que accede por primeira vez ao sistema educativo (especialmente aos nenos e nenas de 4º de Educación Infantil), como aos estudantes de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que desexen cambiar de centro escolar, sempre que existan prazas vacantes.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, subliña que “o proceso de admisión é clave para garantir que cada alumno e alumna teña a praza que lle corresponde, e para que os centros poidan organizar correctamente o vindeiro curso”.

Os centros educativos do Porriño incluídos neste proceso son:

  • EEI de Mosende
  • CEIPP Xosé Fernández López (O Porriño)
  • CEIPP Antonio Palacios (Torneiros)
  • CEIP Ribeira (Torneiros)
  • CEIPP de Atios (Atios)
  • CEIP da Cruz (Budiño)
  • CPR Santo Tomás
  • CPR Quiroga

 

 

Reserva de praza xa realizada en xaneiro e febreiro

Cómpre lembrar que previamente, entre o 15 de xaneiro e o 4 de febreiro, estivo aberto o prazo de reserva de praza para o alumnado que remata etapa nun centro e pasa directamente a un centro adscrito. Esta reserva aplicouse, por exemplo, aos estudantes que remataron Infantil nunha EEI e pasan a un CEIP, ou aos que finalizan Primaria nun colexio e inician a ESO nun instituto adscrito.

Publicación de listaxes e formalización de matrícula

Unha vez pechado o prazo de solicitudes, o 25 de abril publicarase a listaxe provisional de admitidos e excluídos, sendo o 15 de maio a data na que se farán públicas as listaxes definitivas.

Posteriormente, os prazos de matrícula serán:

  • Do 20 ao 30 de xuño, para alumnado de Infantil e Primaria.
  • Do 23 de xuño ao 7 de xullo, no caso de estudantes de ESO e Bacharelato.

Novidades para o curso 2025/26

O vindeiro curso tamén incorporará melloras derivadas do acordo educativo incluído na Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia para 2025. Entre estas novidades destaca a redución progresiva da ratio máxima de alumnado por aula, que xa se implantou este ano en 4º de Infantil e que no curso 2025/26 estenderase a 5º de Infantil.

Tramitación telemática e seguemento

As familias teñen á súa disposición no enderezo www.edu.xunta.gal/admisionalumnado, unha ferramenta dixital que permite cubrir e presentar a solicitude de praza, escoller os criterios de baremo que correspondan e consultar en todo momento o estado da tramitación. A solicitude pode presentarse de xeito telemático ou, se se prefire, presencialmente no centro educativo escollido como primeira opción.

A Concellería de Educación anima ás familias a realizar a súa solicitude antes do 20 de marzo e a consultar cos centros educativos ou co propio Concello calquera dúbida sobre este proceso.

Restricións de tráfico e estacionamento pola actuación da orquestra París de Noia

 

O Concello informa que, con motivo da actuación da orquestra París de Noia, prevista para o domingo 2 de marzo ás 19:00 h, estableceranse diversas restricións de tráfico e estacionamento na zona.

Sábado 1 de marzo
Desde as 20:00 h, estará prohibido o estacionamento na rúa Domingo Bueno, no tramo comprendido entre a intersección coa rúa Pío XII e a intersección coa Avenida de Galicia.

Domingo 2 de marzo
Desde as 12:00 h ata as 6:00 h (madrugada do luns), producirase un corte de tráfico na rúa Domingo Bueno, afectando o mesmo tramo: desde a rúa Pío XII ata a Avenida de Galicia.

Recoméndase planificar os desprazamentos con antelación e seguir as indicacións da Policía Local para garantir a seguridade e a boa organización do evento.

Grazas pola vosa colaboración.

O Porriño arrinca o seu entroido 2025 cunha mañá chea de cor, música e tradición

 

O Entroido do Porriño 2025 xa está oficialmente en marcha, cunha primeira xornada que encheu as rúas de alegría, música e moita participación veciñal. A festa comezou ao mediodía co desfile dos tradicionais xigantes e cabezudos, que percorreron a vila entre as 12:00 e as 14:00 h contaxiando á veciñanza e visitantes co seu ambiente festivo, acompañados polas charangas Vai de Baile e Noroeste.

Ás 13:00 h celebrouse o acto central da mañá: o pregón do Entroido, a cargo de Carla Marques Vaquero, alumna de 4º da ESO do Colexio Santo Tomás e gañadora do concurso de carteis na categoría de Secundaria. O pregón desenvolveuse no balcón da Casa Consistorial, onde Carla estivo acompañada polos outros escolares premiados, resaltando o talento e a creatividade da mocidade porriñesa.

Durante a súa intervención, Carla compartiu a emoción que sentiu ao ver o seu cartel convertido na imaxe oficial destas festas. No seu discurso destacou a importancia da arte e da creatividade nas nosas tradicións, lembrando que o Entroido é moito máis ca unha festa: é unha expresión da identidade colectiva do Porriño, unha conexión directa coas nosas raíces e unha celebración aberta a toda a comunidade. “A capacidade de crear e de festexar é algo que nos fai humanos”, afirmou a pregoeira, que tamén quixo reivindicar o papel da xuventude como garante de que esta festa siga viva no futuro.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a relevancia de darlle voz á mocidade no inicio dunha das festas máis queridas da vila: “O Entroido do Porriño é de todos e todas, e contar cunha pregoeira nova, creativa e orgullosa da súa cultura é unha mensaxe clara de que o futuro da nosa festa está asegurado”.

Unha tarde e unha noite cheas de propostas para todos os públicos

A programación continúa esta tarde cun dos actos máis tradicionais e simbólicos do noso Entroido: o 81º Xogo da Ola, que comezará ás 16:00 h na súa rúa homónima. Este evento, que forma parte da historia do Entroido local, ofrecerá unha tarde chea de emoción e tradición.

Entre as 16:30 e as 18:00 h, a festa volverá ás rúas da man dos cabezudos e das Charangas SDK, Vai de Baile e Bate no Cobre, que seguirán espallando música e bo humor polas rúas da vila. Ao mesmo tempo, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, terá lugar un obradoiro infantil para que a cativada tamén poida gozar da festa a súa maneira.

Ás 18:30 h, sairá dende o Pavillón Municipal de Deportes o esperado Desfile de Comparsas, que promete ser o máis multitudinario da historia de O Porriño, con 27 comparsas e 2.155 participantes dispostos a encher as rúas de cor e vitalidade. O desfile percorrerá as principais rúas ata a praza central, onde as comparsas desfilarán ao ritmo de música, baile e ledicia, creando un espectáculo incrible que contaxiará a todo o público.

Para pechar a xornada por todo o alto, a música tomará o escenario da Praza Arquitecto Antonio Palacios cos concertos de Gin Toni’s, Henry Méndez e Samu Pexe, que farán vibrar ao público co seu ritmo e bo ambiente.

E nos próximos días…

O Entroido non remata aquí. O domingo, a festa continuará cunha xornada dedicada á cativada, que incluirá unha festa infantil pola mañá, e ás 22:00 h, o concerto da Orquestra París de Noia porá o broche final ao día cunha actuación chea de enerxía e música festiva. O luns, ás 17:00 h, a cativada continuará desfrutando das actividades do entroido cun obradoiro infantil na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

As Charangas Imperiais e a Fanfarria Furruxa volverán animar as rúas o martes de 12:00 a 14:00 h. Pola tarde, a partir das 17:00 h, desfilarán novamente as comparsas acompañadas de charangas e batucadas, dende a  Rúa Manuel Rodríguez ata a Praza Central.

Finalmente, o mércores de cinza, último día do Entroido, as 17:00 h. celebrarase o tradicional velorio da sardiña no Círculo Recreativo Cultural. A xornada continuará coa lectura do testamento da sardiña na Praza do Concello e o acompañamento da sardiña ata o río Louro, pechando a festa de forma inesquecible.

O Porriño xa está na rúa e a mensaxe é clara: Que de comezo o Entroido! Viva O Porriño!

Publicada a listaxe de admitidos no Campamento Dixital: 1ª Quenda

 

Xa está dispoñible a listaxe de nenos e nenas de entre 9 e 13 anos admitidos no Campamento Dixital. Esta primeira quenda terá lugar os días 3, 4 e 5 de marzo de 2025, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Multiusos de Torneiros.

Lembramos que a asistencia a todas as sesións é obrigatoria para obter o Certificado de Competencia Dixital, un documento que acredita os coñecementos adquiridos ao longo desta experiencia formativa.

Información importante para as familias:
• Só poderán entregar e recoller aos participantes as persoas indicadas na solicitude de inscrición.
• En caso de que, por unha causa excepcional, outra persoa teña que facelo, esta deberá ser maior de idade e achegar ao equipo do campamento:
o Unha autorización asinada pola persoa responsable.
o Copia do DNI da persoa que autoriza e da que vai recoller ao menor.

Listaxe de admitidos

A Concellería de Igualdade agradece a colaboración das familias e anima a todos os nenos e nenas admitidos a participar con ilusión e curiosidade, aproveitando esta oportunidade para descubrir o mundo dixital dunha forma divertida, educativa e segura.