O pleno municipal dá luz verde a un acordo cultural pioneiro do Círculo de Bellas Artes de Madrid

  •  O Pleno municipal aproba a sinatura dun convenio marco de colaboración que reforza os vínculos culturais entre Galicia e Madrid arredor da obra do arquitecto porriñés.
  • Grazas a este convenio, o Concello disporá, de forma periódica, de exhibicións audiovisuais, materiais didácticos, entrevistas, e documentación gráfica e patrimonial sobre a obra de Palacios.
  •  Entre os puntos tratados, figura tamén a aprobación da 2º edición dos Premios Antonio Palacios e o cambio de nomes de rúas do Porriño. 

 

O Porriño, 26 de maio de 2025.O Pleno do Concello do Porriño vén de aprobar a sinatura dun Convenio Marco de Colaboración co prestixioso Círculo de Bellas Artes de Madrid (CBA), co obxectivo de establecer unha alianza institucional que permita desenvolver iniciativas conxuntas arredor da figura e da obra do arquitecto Antonio Palacios Ramilo. Este acordo enmárcase dentro do proxecto Atlas Palacios 2024–2026, impulsado polo investigador José Manuel Mouriño, e permitirá a realización de actividades culturais, artísticas e de divulgación tanto en Galicia como en Madrid, no contexto do 150 aniversario do nacemento de Palacios e do centenario do edificio do CBA, deseñado polo propio arquitecto.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste convenio como “un paso máis na firme aposta do noso concello por reivindicar e difundir o legado de Antonio Palacios, unha figura esencial da arquitectura galega e española”. Engadiu tamén que “o diálogo cultural entre Galicia e Madrid ten en Palacios unha ponte natural, e este acordo permítenos reforzar esa ligazón a través da cultura, a arte e a memoria”.

Grazas a este convenio, o Concello do Porriño disporá, de forma periódica, de exhibicións audiovisuais, materiais didácticos, entrevistas, e documentación gráfica e patrimonial sobre a obra de Antonio Palacios, que se presentarán na sala de exposicións que o Concello adicará ao arquitecto. Estas accións realizaranse en coordinación co proxecto Atlas Palacios 2024–2026, co obxectivo de achegar á cidadanía o legado do creador porriñés desde unha perspectiva contemporánea e interdisciplinaria.

Así mesmo, o Círculo de Bellas Artes divulgará material, referencias documentais, imaxes e información sobre a obra de Antonio Palacios no Porriño, tanto na súa páxina web como noutras accións culturais e expositivas, recoñecendo así o valor do patrimonio local e reforzando o papel do municipio como nodo activo no diálogo cultural entre Galicia e Madrid. A sinatura oficial do convenio realizarase nas vindeiras semanas, nun acto insitucional que simbolizará o inicio desta colaboración estratéxica entre o Porriño e unha das entidades culturais máis recoñecidas do Estado.

Duante o pleno municipal, e previamente tratados ambos puntos nunha comisión específica, figurou a aprobación da 2º edición dos Premios Antonio Palacios (os galardóns impulsados polo Concello para recoñecer as contribucións destacadas nos eidos da cultura, a empresa, o deporte e o compromiso social) e o cambio de nome de rúas do Porriño que, nos tres casos, identifican á muller e impulsan o feminismo no Concello.

 

Trece persoas desempregadas incorpóranse á plantilla municipal grazas ao plan Máis Provincia

  • Esta actuación forma parte dun proxecto global que contempla a creación de dezaoito postos de traballo cun investimento total superior aos 282.000 euros, dos cales máis de 211.000 euros son achegados pola Deputación.
  • Nos próximos días iniciarase o proceso de selección de varios perfís técnicos, que se incorporarán para apoiar outros departamentos municipais e continuar ampliando este impulso ao emprego local.

O Porriño, 24 de maio de 2025.– O Concello do Porriño vén de incorporar trece persoas desempregadas que se integrarán en distintos departamentos municipais no marco da iniciativa de fomento do emprego local, impulsada pola Deputación de Pontevedra a través da Liña 3 do Plan máis Provincia 2025. Esta actuación forma parte dun proxecto global que contempla a creación de dezaoito postos de traballo cun investimento total superior aos 282.000 euros, dos cales máis de 211.000 euros son achegados pola Deputación.

As novas contratacións cobren perfís profesionais variados, todos eles orientados a reforzar os servizos públicos municipais. No departamento de obras incorporáronse un oficial de primeira carpinteiro, un soldador e un palista, que desenvolverán tarefas de mantemento e mellora en espazos públicos e instalacións municipais. No servizo de parques e xardíns, cinco peóns forestais encargaranse de labores de roza, limpeza e acondicionamento de zonas verdes e contornos naturais.

Tamén se reforzará a atención nas instalacións municipais coa incorporación de catro conserxes, que prestarán servizo en diferentes dependencias. Pola súa parte, a Unidade Asistencial de Drogodependencias contará cun auxiliar de enfermaría, que apoiará nas tarefas de seguimento e atención ás persoas usuarias.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “cada posto que se crea abre unha porta a novas posibilidades. Sabemos que hai persoas que levan tempo buscando unha oportunidade, e este tipo de iniciativas serven precisamente para iso: para dar ese primeiro paso, para volver entrar no mundo laboral e sentirse útil. É unha das formas máis directas de apoiar ás persoas e, ao tempo, mellorar os servizos que prestamos desde o Concello”.

Estas contratacións permiten reforzar áreas esenciais da administración local e, ao mesmo tempo, facilitar a inserción laboral de veciños e veciñas que atopaban dificultades para acceder ao mercado de traballo.

A concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, sinalou que “hai moitas persoas con capacidade e disposición para traballar que só precisan que alguén lles dea unha oportunidade. Desde o Concello queremos seguir sendo esa porta de entrada, ese empurrón que moitas veces marca a diferenza”.

Ademais, nos próximos días iniciarase o proceso de selección de varios perfís técnicos, que se incorporarán para apoiar outros departamentos municipais e continuar ampliando este impulso ao emprego local.

Con esta acción, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción do emprego, a inclusión social e o fortalecemento dos servizos públicos, a través da colaboración entre administracións e políticas que ofrecen respostas concretas ás necesidades da cidadanía.

Corte de tráfico por obras na Rúa Pío XII

 

O Concello de O Porriño informa que, con motivo da realización de obras de mellora, a Rúa Pío XII permanecerá pechada ao tráfico no tramo comprendido entre a Rúa Manuel Rodríguez e a Rúa Domingo Bueno, desde o luns 26 ata o mércores 28 de maio, ambos días incluídos.

Durante este período, a circulación estará permitida unicamente para o acceso a garaxes, que deberá realizarse a través da Rúa Fontevella.

No seguinte mapa sinalízase a zona afectada en cor amarela para facilitar a súa localización.

Agradecemos a comprensión da cidadanía e pedimos desculpas polas molestias que estas actuacións poidan ocasionar.

O Porriño impulsa a prevención de condutas aditivas coa mocidade dos seus institutos a través dos programas “Recoñecéndonos” e “Xoga limpo”

  • As actividades, dirixidas ao alumnado de 3º da ESO, buscan previr o consumo de substancias aditivas e promover estilos de vida saudables entre a mocidade, mediante formación, reflexión e adquisición de habilidades persoais.

O Porriño, 23 de maio de 2025.– O Concello do Porriño está a desenvolver os programas “Recoñecéndonos” e “Xoga Limpo” nos institutos do municipio co obxectivo de previr condutas aditivas entre a mocidade. Estas accións son posibles grazas ao financiamento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que apoia proxectos municipais centrados na promoción de hábitos de vida saudables.

Impulsados pola Concellería de Sanidade e a OMIX, os programas están dirixidos ao alumnado de 3º da ESO e céntranse en proporcionar ferramentas para evitar adiccións, recoñecer riscos e fomentar un desenvolvemento persoal consciente e responsable.

A concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, subliña que esta colaboración co Goberno galego é esencial para levar a cabo iniciativas deste tipo: “Grazas ao apoio da Consellería de Sanidade podemos desenvolver accións que chegan directamente á mocidade. O obxectivo é claro: previr o desenvolvemento de condutas aditivas, reducir a súa incidencia e promover hábitos de vida saudables desde a adolescencia”, afirmou.

O programa “Recoñecéndonos” inclúe catro sesións presenciais nas que se tratarán cuestións como o consumo de alcol, tabaco, bebidas enerxéticas e cannabis, ademais de aspectos sobre xénero, adolescencia, factores de risco e protección. Tamén se prevé formación para o profesorado como axente clave na detección e acompañamento do alumnado.

Pola súa parte, “Xoga Limpo” reforza a educación en valores a través do respecto, o autocontrol e a toma de decisións responsables, tanto no contexto escolar como no deportivo e social.

Ambos programas contan coa intervención de profesionais especializados no eido da prevención e, no pasado ano, chegaron a máis de 250 estudantes porriñeses.

Con estas accións, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, reafirma o seu compromiso coa saúde pública e co apoio aos concellos na loita contra as condutas aditivas. O Concello do Porriño continúa traballando para garantir unha mocidade informada, crítica e con capacidade para construír un futuro libre de adiccións.

 

Comezan as obras para frear os efectos da escorrentía da A-52 na Gulpilleira

  • O investimento total, que supera os 340.000 euros, está financiado con remanente de tesourería mediante un crédito extraordinario aprobado polo Pleno municipal.
  • Dende o Concello se segue traballando para pechar un acordo co Ministerio de Transportes que permita compartir os custes dunha intervención que, pola súa natureza, debería contar co apoio da administración titular da autovía.

 

O Porriño, 21 de maio de 2025.– Xa están en marcha as obras de renovación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais no lugar da Gulpilleira, unha actuación urxente impulsada polo Concello do Porriño para dar resposta aos graves danos provocados pola escorrentía de augas procedente da autovía A-52.

A concentración de caudais no punto de vertedura da infraestrutura estatal leva anos afectando ao firme e ás propiedades colindantes, con episodios de afundimentos, deterioro da calzada e desprazamento de muros. A situación viuse agravada nos últimos meses polas intensas chuvias.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que se trata dunha obra “absolutamente necesaria e que non podía esperar máis”. Asegura que a decisión de actuar con fondos propios responde á vontade do goberno local de priorizar a seguridade da veciñanza, ante unha problemática que, segundo lembra, “ten a súa orixe nunha infraestrutura estatal construída sen prever os efectos no entorno”.

O proxecto, que afecta a viais municipais como a rúa Gulpilleira, Antonio Palacios e Fernández Areal, inclúe a execución de novas redes de pluviais con colectores de gran capacidade, sumidoiros, reposición da rede de saneamento fecal, renovación do abastecemento e canalizacións para iluminación pública e telecomunicacións. Así mesmo, prevese a reposición do firme en toda a zona afectada, con materiais adaptados a cada tipo de vía e tramo.

O concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, explicou que esta intervención “é a resposta a un problema que leva décadas sen solución e que agora, por responsabilidade institucional, asumimos desde o Concello”. Recalcou tamén que, aínda que a orixe do problema está na A-52, a administración local non pode permitirse seguir esperando pola reacción doutras institucións.

O investimento total, que supera os 340.000 euros, está financiado con remanente de tesourería mediante un crédito extraordinario aprobado polo Pleno municipal. As obras, xa declaradas de emerxencia, contan cun prazo estimado de execución de seis meses.

Desde o Concello lembran que se segue traballando para pechar un acordo co Ministerio de Transportes que permita compartir os custes dunha intervención que, pola súa natureza, debería contar co apoio da administración titular da autovía. Mentres ese acordo non chega, o goberno local insiste en que “non se pode seguir poñendo en risco a seguridade cidadá por cuestións competenciais”.

Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais e a protección da veciñanza ante situacións que afectan directamente ao seu benestar e seguridade.

O Porriño celebra o Día Mundial da Abella cunha cata de mel da Agrupación Apícola de Galicia

  • Numerosas persoas se achegaron para degustar distintas variedades de mel e coñecer máis de preto o traballo das apicultoras e apicultores

O Porriño, 20 de maio de 2025.– Con motivo do Día Mundial da Abella, o Concello do Porriño, a través da Concellería de Turismo, celebrou esta mañá unha cata de mel organizada pola Agrupación Apícola de Galicia, co obxectivo de poñer en valor este produto e concienciar á veciñanza sobre a importancia das abellas na conservación do medio ambiente.

A actividade desenvolveuse na Praza do Concello, onde numerosas persoas se achegaron para degustar distintas variedades de mel e coñecer máis de preto o traballo das apicultoras e apicultores. Esta iniciativa forma parte do compromiso do Concello coa divulgación e posta en valor da apicultura como actividade clave para o equilibrio do ecosistema.

A concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, sinalou que “o mel representa un produto de grande valor, resultado dun labor minucioso que cómpre recoñecer. Con esta cata, que contou co apoio da Agrupación Apícola de Galicia, continuamos sumando accións que reforzan a nosa Feira do Mel e promoven o coñecemento sobre o mundo das abellas.”

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo afirmou que “desde o Concello do Porriño seguiremos traballando da man das entidades do sector para protexer o noso entorno e fomentar o respecto pola natureza. As abellas son imprescindibles para a vida, e celebracións como a de hoxe axudan a visibilizar o seu papel fundamental.”

Comezan as obras da nova pista multideporte xunto á Avenida de Galicia

  • A nova pista contará cunha superficie de 20 x 12 metros e estará equipada con céspede artificial de alta calidade, converténdose nun espazo versátil para a práctica de distintas actividades deportivas ao aire libre.

O Porriño, 20 de maio de 2025.– O Concello do Porriño vén de iniciar as obras para construír unha pista multideporte nunha das zonas máis céntricas e transitadas da vila, nas inmediacións da Avenida de Galicia. A actuación dá resposta a unha das peticións máis reiteradas da mocidade e da veciñanza en xeral: contar con máis espazos ao aire libre onde practicar deporte de forma libre, segura e accesible.

A nova pista contará cunha superficie de 20 x 12 metros e estará equipada con céspede artificial de alta calidade, converténdose nun espazo versátil para a práctica de distintas actividades deportivas ao aire libre.

O espazo escollido para a instalación conta xa cunha parte habilitada como aparcadoiro público gratuíto. A actuación foi deseñada co obxectivo de integrar a nova pista sen afectar ao uso actual da parcela, redistribuíndo os espazos de maneira eficiente. Isto permitirá manter o estacionamento dispoñible para os veciños e veciñas ao tempo que se gaña un novo punto de actividade física e encontro social.

“Seguimos traballando para transformar Porriño nun lugar máis amable e dinámico, cunha aposta clara pola creación de espazos públicos que fomenten o benestar da cidadanía”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo. “Esta pista multideporte será un recurso fundamental para que os mozos e mozas teñan unha alternativa de lecer saudable a pé de rúa, preto das súas casas”, engadiu.

Pola súa parte, o concelleiro de Parques, Marcos Martínez, puxo en valor o carácter estratéxico da actuación e anunciou que non será a única deste tipo: “Con esta pista damos resposta a unha demanda real e urxente da rapazada, pero o noso compromiso vai máis alá: queremos estender este modelo de instalacións deportivas por todo o municipio”.

O investimento total da actuación supera os 17.600 euros e inclúe os traballos de preparación do terreo, subministro e colocación de zahorra, céspede artificial, materiais deportivos e elementos de seguridade viaria.

A previsión do Concello é que a pista estea completamente rematada e operativa nos próximos meses, ofrecendo así un novo espazo funcional e moderno para o uso da veciñanza. Esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia municipal de revitalización dos espazos públicos, promoción da actividade física e impulso á cohesión social a través do deporte.

O Polo de Emprego do Porriño consolídase como referente na creación de proxectos empresariais

  • Desde a súa posta en funcionamento, o Polo do Porriño leva acompañados máis de 700 proxectos empresariais, contribuíndo á creación de preto de 50 novas iniciativas con impacto local.
  • O centro desenvolve accións prioritariamente nos sectores do comercio, a hostalaría e os servizos, cun volume de máis de 1.300 sesións de orientación profesional realizadas ata a data.

O Porriño, 20 de maio de 2025.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo hoxe en valor o papel estratéxico que desempeña o Polo de emprendemento e apoio ao emprego da vila como motor de xeración de oportunidades laborais e dinamización económica no municipio. “O Polo é xa unha referencia para a xente nova e non tan nova que quere emprender no noso concello; estamos a ver como ideas locais se transforman en proxectos sólidos con futuro”, asegurou o rexedor.

Lorenzo fixo estas declaracións durante a visita institucional ás instalacións do centro, realizada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, no marco da Semana da Administración Aberta 2025. No acto tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; e, por parte do Concello, a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.

O alcalde destacou o compromiso do goberno local co impulso do emprendemento e sinalou que “cada nova iniciativa representa non só unha oportunidade laboral, senón tamén un reforzo para o tecido económico e social do Porriño”. Salientou tamén un dato especialmente relevante: “arredor do 60 % dos proxectos asesorados están liderados por mulleres, un dato que nos enche de orgullo e que evidencia que o emprendemento tamén é un motor de igualdade”.

Durante a visita, o conselleiro José González afirmou que “iniciativas coma esta representan á perfección o espírito da Semana da Administración Aberta: unha administración próxima, útil e comprometida co territorio”. Valorou o traballo desenvolvido no Porriño e sinalou que “os principios de transparencia, participación e colaboración se materializan en proxectos reais, liderados por persoas emprendedoras comprometidas co seu territorio”.

Desde a súa posta en funcionamento, o Polo do Porriño leva acompañados máis de 700 proxectos empresariais, contribuíndo á creación de preto de 50 novas iniciativas con impacto local. O centro desenvolve accións prioritariamente nos sectores do comercio, a hostalaría e os servizos, cun volume de máis de 1.300 sesións de orientación profesional realizadas ata a data.

González avanzou ademais a apertura do prazo para solicitar as novas achegas da Xunta para persoas emprendedoras, que comeza mañá e estará dispoñible ata o 30 de xuño. Cun orzamento de 6,7 millóns de euros, estas axudas poden acadar os 35.000 euros por proxecto, con incentivos adicionais para casos de remuda xeracional.

A xornada concluíu cun percorrido polas instalacións e un encontro coas persoas usuarias do centro, que compartiron cos responsables institucionais os seus proxectos, retos e perspectivas de futuro.

O Porriño volcouse coas súas CAMPIOAS nunha Festa do Deporte inesquecible

  • As xogadoras foron recibidas no Concello nun acto institucional no que se lles fixo entrega das medallas do Centenario do Concello do Porriño.
  • Durante o acto tamén se anunciou que o Conservas Orbe Zendal BM Porriño será o pregoeiro oficial das Festas do Cristo 2025, un recoñecemento que resume o sentir dunha vila enteira.

 

O Porriño, 19 de maio de 2025.– O Porriño viviu este luns unha desas tardes que quedarán para sempre na memoria colectiva dun pobo. Centos de persoas reuníronse no Pavillón Municipal dos Deportes para render unha emocionante homenaxe ao Conservas Orbe Zendal BM Porriño, equipo feminino que fixo historia ao chegar á final da European Cup Feminina 2025, onde acadaron un meritorio subcampionato europeo.

Foi moito máis ca unha celebración deportiva: foi unha mostra de orgullo colectivo, de agradecemento e de identidade. A vila enteira volcouse coas súas xogadoras, que lograron esta histórica clasificación grazas ao seu esforzo, paixón e compromiso, nunha tempada brillante conducida con acerto e dedicación polo seu adestrador, Ismael Martínez.

Dende primeiras horas da tarde, a Festa do Deporte acolleu exhibicións dos distintos clubs deportivos do municipio, xogos para todas as idades, música en directo, festa da escuma e o popular tren Chu Chu, no que precisamente fixeron a súa chegada as xogadoras do primeiro equipo, recibidas entre aplausos e berros de emoción.

Antes do acto central, as xogadoras foron recibidas na Casa Consistorial nun acto institucional no que se lles fixo entrega das medallas do Centenario do Concello do Porriño. O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou o papel simbólico do equipo: “Hoxe non só celebramos un éxito deportivo, senón o exemplo de superación, traballo en equipo e compromiso que representan estas mozas. O Porriño está orgulloso de vós e sempre estará ao voso carón.”

Ás 20:00 horas, xa no pavillón, vivíronse momentos de gran emotividade: pasillo de honra, entrega simbólica do trofeo, unha gran ovación e un berro que uniu a toda a vila: “¡VIVA PORRIÑO!”

A capitana do equipo, Sarai Samartín Lago, tomou a palabra para agradecer o apoio da súa xente: “Este é o trofeo máis valioso, porque está feito de cariño, de loita compartida e de orgullo colectivo. Grazas, Porriño, por estar sempre con nós.”

O concelleiro de Deportes e presidente do club, Abel Estévez, tamén quixo recoñecer o traballo realizado polo grupo: “Este equipo fixo historia e faino todos os días, con humildade, sacrificio e ilusión. A final europea é só o principio de algo moito maior”

Durante o acto tamén se anunciou que o Conservas Orbe Zendal BM Porriño será o pregoeiro oficial das Festas do Cristo 2025, un recoñecemento que resume o sentir dunha vila enteira.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, salientou o excelente momento que vive o deporte local, lembrando que “son numerosos os logros que, ano tras ano, conseguen os diferentes clubs e deportistas do Porriño”. Segundo explicou, “este ano foi especialmente destacado, con varios ascensos, títulos e éxitos individuais que reflicten o gran nivel e a dedicación da nosa comunidade deportiva”.

Neste contexto, anunciou que o municipio contará coa súa propia Gala do Deporte, unha cita anual que servirá para recoñecer públicamente o esforzo, o compromiso e o traballo constante de clubs, deportistas e directivas. Tamén aproveitou para trasladar o agradecemento do Concello a todos os axentes implicados, recoñecendo o papel fundamental dos patrocinadores, clubs, directivas, deportistas e da afección, cuxa colaboración e apoio fan posible o constante crecemento do deporte no Porriño.

Con esta homenaxe, O Porriño puxo en valor o esforzo colectivo, a excelencia deportiva e o exemplo de superación das súas xogadoras. O Concello continuará impulsando accións que recoñezan o mérito do deporte feminino e reforcen o vínculo entre os clubs e a cidadanía.

Aberto o prazo de inscricións para a décima edición do Tríatlon Concello do Porriño- Tui

  • Estará aberto ata o luns 10 de xuño ás 23.59 horas, ou antes se se completan as 350 prazas dispoñibles

O Porriño, 16 de maio de 2025.– O Tríatlon Concello do Porriño – Tui celebra este ano a súa décima edición, consolidándose como unha das probas máis destacadas do calendario galego. A cita terá lugar o domingo 15 de xuño de 2025 e forma parte do Circuíto Galego de Tríatlon, estando tamén aberta á participación popular, o que permitirá a triatletas federados e non federados desfrutar dunha xornada de deporte e convivencia nun entorno único.

O prazo de inscricións estará aberto ata  o luns 10 de xuño ás 23.59 horas, ou antes se se completan as 350 prazas dispoñibles. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da plataforma RockTheSport, accesible desde a páxina web oficial do evento ou desde a web da Federación Galega de Tríatlon.

A proba consta dun segmento de natación de 750 metros no río Miño, cun único percorrido, seguido dun tramo en bicicleta de 20,2 quilómetros que discorrerá entre Tui e O Porriño, e finalmente unha carreira a pé de 5 quilómetros, dividida en dúas voltas, que culminará na Praza Antonio Palacios do Porriño. A transición entre a natación e a bicicleta realizarase na Comandancia Naval do Miño, en Tui, e a segunda transición terá lugar na Avenida Domingo Bueno, xa no Porriño.

As tarifas de inscrición varían en función da licenza federativa. Os triatletas federados deberán abonar unha cota de 15 euros. No caso de participantes con licenza de un día, o custo será de 35 euros para maiores e 21 euros para xuvenís. Todos os participantes que completen a proba recibirán un agasallo conmemorativo.

Toda a información detallada sobre o regulamento da proba, os percorridos e aspectos organizativos pode consultarse nas webs oficiais da Federación Galega de Tríatlon (www.fegatri.org) e do evento (www.triatlonconcellodoporrino.com).

Desde o Concello do Porriño e a organización do tríatlon animan a todas as persoas deportistas a participar nesta edición tan especial e a desfrutar dunha xornada que combina deporte, natureza e espírito de superación persoal.