As Becas Antonio Palacios estréanse no Porriño premiando a 10 futuros universitarios

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e o conselleiro de Educación Román Rodríguez fixeron entrega destas axudas ao alumnado dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro
  • Reciben cadansúa aportación de 300 euros polos bos resultados acadados na PAU

O Porriño, 5 de agosto de 2025.- Laura Rodríguez, María Quintas, Victoria Álvarez, Alejandra Pérez e Lucía Casilla do IES Pino Manso e Laura Romero, Alicia Gómez, Martín Táboas, Andrea Lorenzo e Anxo Martínez, do IES Ribeira do Louro, son os primeiros estudantes en recibir as Becas Antonio Palacios convocadas polo Concello do Porriño destinadas ao alumnado de 2º de Bacharelato que obtivo unha nota igual ou superior ao 8,5 na fase xeral da Proba de Acceso á Universidade (PAU).

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, presidiron a entrega destas becas celebrada esta mañá nun acto público na praza Arquitecto Antonio Palacios. O rexedor trasladoulle os seus parabéns “por acadar a excelencia académica, cuns expedientes inmellorables, froito do esforzo e dedicación ao longo deste último curso e de toda a traxectoria formativa en xeral”. O alcalde tivo tamén palabras de agradecemento ás familias e ao profesorado destes mozos, asistentes ao acto, “porque detrás de cada un destes logros hai moito apoio, moita paciencia e moito cariño”. 

Nesta primeira edición fíxose entrega dunha decena de becas de 300 euros cada unha, “pero máis alá do valor económico, o importante é o que representan estas axudas: o recoñecemento ao voso esforzo, á vosa perseveranza e á vosa capacidade de superación”. Neste senso, tanto o alcalde como o conselleiro animáronos a desfrutar do que queda de verán e a prepararse para afrontar a súa nova etapa educativa a partir do 8 de setembro, cando comecen os seus estudos universitarios.

O titular do departamento educativo da Xunta felicitou ao Concello pola iniciativa e ao alumnado polos seus bos resultados, polos  que “sodes o orgullo das vosas familias, dos vosos centros, deste concello e, en definitiva, de Galicia”. Así mesmo, puxo en valor o traballo dos equipos directivos e profesorado dos centros do Porriño, “que tamén merecen o recoñecemento por este éxito”.

Ao acto de entrega asistiron tamén o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez; a concelleira de Educación, Carolina González e demais edís do goberno municipal.

As becas levan o nome de Antonio Palacios, arquitecto porriñés de renome, como símbolo do compromiso do Concello coa cultura, o coñecemento e a formación e así o confirmou o alcalde facendo fincapé en que “se alguén soñou ao grande para conseguir o que máis quería e traballou arreo, ese foi Antonio Palacios”. 

O Concello do Porriño continúa así a súa aposta decidida pola educación de calidade e polo apoio e a posta en valor das novas xeracións como base do desenvolvemento social e persoal do municipio.

O Porriño incorpora 3 novos traballadores ao seu cadro de persoal

 

  • Trátase da contratación de tres peóns forestais a xornada completa por un período de nove meses

O Porriño, 5 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño vén de incorporar tres novos traballadores desempregados ao seu cadro de persoal, grazas a unha subvención de 49.806 euros concedida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

As persoas contratadas desempeñarán labores de limpeza, mantemento e conservación dos montes e fincas do municipio, unha iniciativa que ten o obxectivo de fomentar o emprego local ao tempo que se promove o coidado e posta en valor do entorno natural.

O proxecto permite a contratación de tres peóns forestais a xornada completa por un período de nove meses. As condicións laborais están reguladas conforme ao convenio colectivo vixente e inclúen todas as obrigas en materia de cotizacións sociais.  

Compromiso co emprego e o medio rural

Esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia municipal de promoción do emprego sostible e coidado do territorio, contribuíndo á mellora da calidade de vida no municipio.

O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “estas contratacións mellorarán a resposta do Concello e reforzarán os servizos que ofrece á cidadanía. Damos traballo a persoas desempregadas ao tempo que coidamos os montes e fincas municipais, que son un recurso natural fundamental”.

Con esta acción, o Concello reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico sostible, o impulso ao emprego local e a protección do entorno natural.

O Concello do Porriño impulsa un novo espazo público na contorna da rúa Pío XII cun investimento de máis de 2 millóns de euros

O Porriño, 4 de agosto de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, vén de asinar co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, un convenio de colaboración que permitirá facer realidade un dos proxectos máis ambiciosos da actual lexislatura: a creación dun novo espazo público na contorna da rúa Pío XII e do Centro de Saúde, cun investimento que supera os 2 millóns de euros.

Este novo proxecto representa un paso decisivo na transformación do núcleo urbano do Porriño e ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida da veciñanza, recuperando unha zona degradada e converténdoa nun lugar de encontro, descanso e actividade. A intervención permitirá actuar sobre máis de 4.000 metros cadrados, unificando espazos residuais e antigas zonas de aparcamento nun parque integrador e accesible.

O deseño do espazo contempla zonas de descanso e reunión, gradas que funcionarán como un pequeno anfiteatro para acoller actividades culturais ao aire libre, áreas de xogo cubertas e adaptadas para nenos e nenas de distintas idades, fontes secas e canles de auga decorativas que mellorarán tanto a estética como a funcionalidade do lugar. Ademais, incluirá a plantación de especies vexetais autóctonas —combinando árbores caducifolias e arbustos— para crear sombra, mellorar o confort ambiental e fomentar a biodiversidade. O parque tamén será dotado de mobiliario urbano moderno e iluminación eficiente, apostando por un modelo sostible, accesible e respectuoso co contorno.

O novo espazo estará plenamente integrado na rede de espazos públicos do Porriño, conectando de forma fluída coas rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Ramón González e Pío XII, e garantindo percorridos accesibles desde o centro social e outras zonas clave do municipio.

“Este é un proxecto transformador, tanto desde o punto de vista urbanístico como social. O Porriño necesitaba un espazo así: aberto, vivo, pensado para a convivencia e para o desfrute de todas as persoas, sen exclusión. Recuperamos unha zona en desuso e convertémola nun pulmón verde no corazón do municipio”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo, quen destacou tamén “a importancia da colaboración institucional para facer realidade actuacións que deixan pegada e melloran o día a día da veciñanza”.

Esta actuación está financiada parcialmente pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Extra, cunha achega de 1,1 millóns de euros. O Concello do Porriño pon en valor esta intervención coma un exemplo claro do modelo de vila que se quere construír: máis humana, máis verde e centrada nas necesidades reais das persoas. Un espazo pensado para o futuro, que aposta pola calidade urbana e o benestar da cidadanía.

Éxito rotundo na XIV Festa do Cabrito ao Espeto

  • Preto de 100 cabritos foron preparados ao espeto para unha xornada chea de sabor, música e tradición que reuniu a centos de veciños e visitantes

O Porriño, 4 de agosto de 2025.- A parroquia de Chenlo, no concello do Porriño, viviu onte unha xornada de celebración e orgullo colectivo coa décimo cuarta edición da Festa do Cabrito ao Espeto, unha cita xa consolidada como referente gastronómico e social da comarca que combina sabor, música e tradición nun ambiente familiar e festivo.

Dende primeiras horas da mañá, veciños e visitantes achegáronse ao campo de fútbol de Chan da Carreira, onde a asociación organizadora iniciou o asado dos preto de cen cabritos preparados para a ocasión, seguindo a tradicional receita local: espeto de ferro, lume controlado e moita dedicación para acadar o punto exacto de cocción.

Ás once da mañá comezou a degustación de pinchos, acompañada pola música do Grupo de Gaitas do Porriño, que deu paso á comida popular a partir das 13:00 horas. As opcións ofrecidas incluíron o cabrito enteiro ao espeto por 220 euros, medio cabrito por 110 euros e pinchos con viño mencía por tan só 5 euros. Todos os menús incluían tamén patacas, empanada, viño mencía, rosca e café, nun ambiente animado e familiar que encheu de vida o recinto durante toda a xornada.

O momento máis agardado da tarde foi o tradicional sorteo dun cabrito entre todas as persoas asistentes, unha das señas de identidade da festa e símbolo da súa vocación participativa. A animación musical continuou coa actuación en directo do grupo 3.COM, que puxo ritmo e alegría ao encontro cun repertorio que fixo bailar a maiores e pequenos.

O evento foi organizado pola Asociación Cabrito ao Espeto, coa colaboración do Concello do Porriño, da Xunta de Galicia e da propia veciñanza, que leva semanas traballando na preparación desta celebración. Neste sentido, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo destacar o carácter único da festa e o espírito de colaboración que a fai posible ano tras ano. “Chenlo ten demostrado que cando a parroquia se xunta co corazón, é capaz de crear algo extraordinario. Esta festa é máis ca unha celebración gastronómica: é unha mostra de orgullo, tradición e comunidade. Quero poñer en valor a parroquia e a ese grupo de xuventude que, xunto cos máis veteranos, se xuntan cada ano para realizar un traballo incansable durante toda unha semana, facendo posible esta celebración. Gracias a todas e todos os que vos achegastes e compartistes esta experiencia connosco”, declarou.

Celebrada por primeira vez no ano 2009, a Festa do Cabrito ao Espeto naceu co obxectivo de recuperar unha forma tradicional de preparar a carne en Chenlo e, ao mesmo tempo, poñer en valor o patrimonio natural e cultural da parroquia que conta cunhas vistas privilexiadas ao val da Louriña. Co paso dos anos, a cita consolidouse como unha das festas gastronómicas máis emblemáticas do verán no sur da provincia de Pontevedra, mantendo viva a tradición e reforzando o sentimento de pertenza da comunidade.

Un ano máis, Chenlo demostrou que a forza dunha parroquia está na súa xente. A festa foi un éxito rotundo tanto en participación como en organización, e xa se pensa na edición número quince, que terá lugar, como é costume, o primeiro domingo de agosto de 2026.

O Concello do Porriño organiza unha excursión de balde a Ribadeo e Mondoñedo

  • A inscripción realizarse de forma presencial no Rexistro do Concello e o prazo abrirase o xoves

O Porriño, 4 de agosto de 2025. — O Concello de O Porriño anuncia a organización dunha excursión cultural de balde para o próximo 12 de agosto destinada ás persoas maiores de 52 anos, coa finalidade de fortalecer os lazos históricos, culturais e emocionais que unen O Porriño coa vila de Ribadeo e a cidade de Mondoñedo.

A saída realizarase en autocar desde o Pavillón Municipal de Deportes, e o percorrido inclúe a visita á vila mariñeira de Ribadeo, onde os participantes poderán coñecer o seu rico patrimonio histórico e cultural. Tras un xantar de confraternidade, a xornada continuará coa visita aos principais puntos de interese da histórica cidade de Mondoñedo, incluíndo a entrada á súa emblemática catedral.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destaca que “esta viaxe é un recoñecemento ao legado de Ramón González, un indiano que, dende a súa terra natal, axudou de maneira decisiva ao desenvolvemento de O Porriño. Reforzar esta ligazón cultural e emocional con Ribadeo é unha maneira de poñer en valor a nosa historia común”.

Pola súa parte, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, sinala que “desde o Concello apostamos por promover actividades culturais e viaxes que permitan ás nosas veciñas e veciños descubrir a historia compartida, coñecer novos lugares e vivir experiencias enriquecedoras que reforcen o sentimento de comunidade”.

O número de prazas está limitado a 50 participantes, e o prazo de inscrición abrirase o próximo xoves,  7 de agosto. A inscrición realizarase exclusivamente de forma presencial no Rexistro do Concello, respectando a orde rigorosa de chegada.

O Porriño publica as bases para a instalación de postos e atraccións nas Festas do Cristo 2025

 

  • A data de inscrición vai dende hoxe ata o 29 de agosto ás 14:00h

O Porriño, 1 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño vén de publicar as bases reguladoras para a instalación de postos de venda, tómbolas, casetas e atraccións nas vindeiras Festas do Cristo 2025.

As persoas interesadas poden acceder ás bases das Festas do Cristo 2025 pinchando nas seguintes  ligazóns : 

BASES INSTALACIÓN DE POSTOS E ATRACCIÓNS FESTAS DO CRISTO 2025

BASES INSTALACIÓN PUESTOS Y ATRACCIONES FIESTAS DEL CRISTO 2025

Así mesmo, a documentación tamén pode recollerse presencialmente nas oficinas do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 h, ata o 29 de agosto. Toda a documentación requerida deberá ser presentada no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal.

Estas bases establecen as condicións técnicas e administrativas para garantir a correcta organización e seguridade das festas, así como unha distribución equilibrada dos espazos destinados á venda ambulante e ás atraccións.

As Festas do Cristo 2025 celebraranse durante todo un mes cun amplo programa que incluirá máis de cen actividades para todos os públicos , rematando coa tradicional Festa dos Callos e a final do certame “Tes Talento?” na primeira fin de semana de outubro.

O Concello do Porriño anima á veciñanza a participar na campaña de doazón de sangue desta fin de semana

 

 O Porriño, 31 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño informa da presenza esta fin de semana no municipio da unidade móbil da Axencia de Doazón, Órganos e Sangue (ADOS), que estará operativa para facilitar a doazón de sangue á cidadanía.

A unidade móbil instalarase na Avenida Domingo Bueno, ao carón do Centro Cultural, e funcionará nos seguintes horarios:

  • Venres, 1 de agosto: de 10:00 a 14:30h e de 15:30 a 21:00h

  • Sábado, 2 de agosto: de 10:00 a 15:00h

Desde o Concello facemos un chamamento á solidariedade da veciñanza, lembrando que cada doazón pode salvar ata tres vidas. A colaboración cidadá é especialmente importante durante os meses de verán, cando as reservas de sangue adoitan baixar.

O Concello do Porriño agradece de antemán a participación e compromiso da veciñanza nesta campaña tan necesaria.

“O Concello do Porriño vai actuar con contundencia, depurando responsabilidades, sexa quen sexa o responsable”, asegura o alcalde 

 

  • O Concello personarase na causa polo homicidio da traballadora do SAF 

O Porriño, 30 de xullo de 2025.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, compareceu esta mañá en rolda de prensa para ofrecer declaracións oficiais sobre o tráxico suceso acontecido onte, na parroquia de Atios, que rematou coa morte dunha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) mentres exercía o seu labor profesional.

O rexedor cualificou o día de onte como “un dos días máis tristes e escuros deste Concello e tamén para min, no plano persoal, como alcalde do Porriño”, e trasladou, en nome de toda a veciñanza, as condolencias á familia de Teresa, a vítima, así como “todo o noso cariño e apoio absoluto neste momento tan tráxico”.

Durante a súa intervención, Lorenzo anunciou que o Concello do Porriño se personará na causa e asegurou que se actuará “con firmeza” para que se esclarezan os feitos e se depuren todas as responsabilidades.

“O Concello personarase na causa. Tomaremos medidas contundentes, depurando responsabilidades, sexa quen sexa o responsable: órgano, empresa ou persoa física”, afirmou o alcalde.

O alcalde explicou tamén que non existía constancia de ningunha denuncia previa. Neste sentido, fixo un chamamento directo para que os traballadores e traballadoras denuncien calquera situación de risco ou violencia ante os órganos competentes: “Quero pedir a calquera traballadora ou traballador, sexa cal sexa o servizo que estea prestando no Concello ou non, que se ten constancia de calquera situación de risco, que denuncie. Desde o Concello actuaremos”.

O rexedor reiterou o compromiso do Concello coa familia da vítima e insistiu na vontade firme da institución de actuar con todos os mecanismos legais ao seu alcance.

Minuto de silencio no Porriño polo homicidio dunha traballadora de axuda no fogar

 

  • O Concello declara dous días de loito en memoria da vítima

O Porriño, 29 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño gardou esta tarde, ás 20:00 horas, un minuto de silencio na Praza do Concello en memoria da traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que foi presuntamente asasinada esta mañá na parroquia de Atios, mentres realizaba o seu labor profesional.

Os feitos ocorreron arredor das 9:00 horas, cando a muller se atopaba atendendo unha usuaria do servizo. Segundo as primeiras informacións, foi asasinada presuntamente polo marido desta.

O minuto de silencio desenvolveuse en colaboración co Concello de Mos, xa que a vítima era natural dese municipio e veciña do noso. Ambas institucións, xunto con representantes das forzas e corpos de seguridade, da Policía Local, da Garda Civil, da Subdelegadación do Goberno e da Consellería de Política Social e Igualdade, unímonos neste xesto conxunto de dor, solidariedade e condena, acompañando a familia, amizades e persoas achegadas nun momento de enorme impacto emocional para a comarca.

Numerosos veciños e veciñas e representantes institucionais participaron no acto, no que se gardou un minuto de silencio como mostra de respecto, apoio á familia e rexeitamento rotundo ante calquera forma de violencia.

Desde ambos concellos expresouse tamén o pesar institucional e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, afirmou: “Condenamos con toda firmeza todo tipo de violencia, porque non ten cabida na nosa sociedade. Queremos transmitir todo o noso cariño á familia nestes momentos tan duros. O que hoxe vivimos é profundamente inxusto e doloroso. É unha perda irreparable para a súa familia e para toda a comunidade. Por iso, desde o Concello decretamos dous días de loito oficial, durante os cales as bandeiras dos edificios municipais ondearán a media asta e suspenderanse os actos de carácter festivo.”

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez, estivo presente no acto e expresou: “Quero amosar a nosa máis firme condena e trasladar as nosas condolencias en nome de toda a Xunta de Galicia, de todo o Goberno galego e do presidente da Xunta á familia da vítima. Desde a Consellería de Política Social e Igualdade puxemos xa todos os mecanismos sociais e psicolóxicos a disposición da familia, así como os recursos sociais necesarios para atender á muller dependente á que a vítima coidaba, garantindo a continuidade da súa atención.”

Ademais, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a dimensión humana da perda para o seu municipio: “A vítima era veciña nosa, de Mos, unha muller traballadora e entregada ao coidado dos demais. A súa morte conmociona a toda a nosa comunidade. Como alcaldesa, e como muller, quero expresar o noso profundo pesar e a nosa solidariedade coa súa familia. Hoxe Mos está de loito, xunto co Porriño, porque esta perda é de todas e todos nós.”

Con este acto simbólico, O Porriño e Mos queremos manter viva a memoria da vítima e alzar a voz de forma unida contra a violencia.

Minuto de silencio

O Porriño, 29 de xullo de 2025.- Esta tarde, ás 20:00 h na Praza do Concello do Porriño, gardarase un minuto de silencio en memoria da traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), vítima dun homicidio acontecido esta mañá na parroquia de Atios.

O Concello do Porriño e o Concello de Mos únense neste acto de lembranza e condena, dado que a muller falecida era natural de Mos e estaba empadroada no Porriño.

Dende o Concello do Porriño queremos trasladar o noso pesar e apoio á súa familia, aos seus achegados. 

Convidamos a toda a veciñanza a participar nesta mostra de solidariedade.